Marcos Maceira: “O cliente sempre ten a razón agás se falar galego. É hora de que Xunta e goberno central deixen de ser cómplices e actúen para defender ás persoas que queremos falar no noso propio país”
A negativa sistemática a ofrecer atención en galego vulnera gravemente o dereito ao uso da lingua propia, convertido na realidade en obriga, en deber da usuaria ou usuario de renunciar a utilizala cando nos diriximos á administración ou a empresas que emprestan un servizo, nalgúns casos con coaccións evidentes por parte destas, que non satisfeitas con non ofertar a posibilidade de utilización da nosa lingua, permítense utilizar frases (que reproducimos pola súa frecuencia) como: o me habla castellano o no continuamos la conversación; esto es España y tiene que hablar español, por non citar outros maltratos por reclamar atención en galego como obrigar a que a propia usuaria ou usuario reelabore formularios só dispoñíbeis en castelán, ou considerar a reclamación de procedementos en galego como obstrución, como no procedemento de sanción que a Axencia Tributaria ten aberto contra a propia Mesa
Para a Mesa, as escasas disposicións que amparan o galego non se cumpren e vulnéranse con total impunidade, o que segundo Marcos Maceira, “contrasta co cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español, nalgún caso mesmo contra outras linguas oficiais”, que tamén indicou que “a igualdade das linguas tan proclamada non é real se a posibilidade de uso destas linguas non ten iguais dereitos e iguais deberes”.
A “normalidade das agresións lingüísticas”
Segundo sinalou o presidente da Mesa, “acabar con este estado de normalidade das agresións lingüísticas está na nosa man”. Para iso “cómpre facer visíbel a realidade, denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país”, como primeiro paso para “reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción”. Susana Méndez, Secretaria Xeral da Mesa, animou ao conxunto da sociedade galega a utilizar as liñas abertas pola Mesa: 981 56 38 85 ou 902 10 64 74 e linhadogalego@amesa.gal
Ante a ausencia de accións específicas da administración pública para que o galego estea presente Maceira sinalou a necesidade da activación da sociedade civil na reposición e normalización da lingua galega, exixindo dos diferentes gobernos que cumpran cos seus compromisos cara ao galego, actuando directamente para combater casos como os sinalados. Indicou tamén como mecanismo efectivo “o dirixírmonos directamente por diferentes vías (redes sociais, correo electrónico, postal, teléfono…) ás empresas para que muden a actitude e facer ver que somos moitas as persoas que reclamamos visibilidade e espazos de uso para o galego é unha delas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario