Bitraga, a Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo, vén de dar a coñecer os datos do total de traducións literarias (de fóra cara a dentro e viceversa) no período 1980-2014: 4603, das que 1540 son traducións a outras linguas de obra galega.
O grupo Bitraga (Observatorio da Tradución en Galiza, pertencente á Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo) elabora desde o ano 2004 a Biblioteca da Tradución Galega que contén a referencia bibliográfica dos textos literarios traducidos cara a e dende a lingua galega; co obxectivo de proxectar a importancia política e cultural da produción traducida. Na súa web pódense consultar as traducións literarias publicadas desde 1980 até a actualidade.Segundo as autoras deste catálogo único que recolle obras traducidas dende e cara ao galego (Ana Luna Alonso, Áurea Fernández Rodríguez, Iolanda Galanes e Silvia Montero), os datos son “máis que positivos” no que a proxección exterior se refire. Tras cubrir o repertorio de clásicos nos anos 80 e 90, a comezos da década do 2000 o sector entrou nunha nova fase con signos de normalidade como a tradución dos premios Nobel, de obra menor de grandes autores, de obras de actualidade e ata de best-sellers...
“A cantidade de textos literarios estranxeiros traducidos e aos que se ten acceso directamente en galego sen necesidade de pasar polo castelán é enorme”, subliña Ana Luna, investigadora principal do grupo, ao que Iolanda Galanes engade que, a día de hoxe, no sector da tradución literaria en Galicia xa non hai enormes diferenzas co que acontece noutros lugares, “estamos no circuíto comercial e, aínda que non somos un mercado equiparable ao das grandes culturas, percibimos signos de normalidade. Iniciouse, aínda que de xeito tímido, o proceso de internacionalización”.
“Neste momento a exportación de literatura galega supón un terzo do total das traducións”, explica Galanes, que lembra que nos anos 90 “desde o ámbito académico, era relativamente habitual referirse á nosa cultura como pequena, porque apenas se establecía diálogo co exterior e, cando acontecía, era máis ben un monólogo: traduciamos, mais non eramos traducidos”. Hoxe, tal e como demostran os datos recollidos, as cousas mudaron de xeito radical “e xa non se pode negar que exista un diálogo”. Logo pode analizarse, a través do catálogo, como é ese diálogo con cada cultura, se é ou non estable, se é equitativo, a través de que vías ... “pero xa non se pode negar”, insisten as investigadoras.
“Cifras alentadoras”
Se ben as cifras son moi alentadoras, desde Bitraga indican que as relacións non se producen do mesmo xeito nin coa mesma intensidade en todos os casos. Aínda que o abano de culturas de importación se ampliou dende principios do século XXI, Galiza segue a ter dependencias de espazos e linguas moi concretos como son o español, o inglés e o francés, “sirva de mostra que o 90% das obras do catálogo de importación teñen como orixinal unha obra nalgunha destas linguas”. Un canon que, a xuízo das investigadoras, está reforzado pola escasa política institucional e que cumpriría diversificar se o que se pretende realmente é fomentar o multilingüismo. Pola súa parte, o espazo privilexiado de difusión exterior para a literatura galega segue a ser o ibérico, aínda que é salientable que nos últimos trinta anos se abrisen relacións con outros 40 espazos culturais.“Quen soñou traducir poesía guaraní ou mapuche ao galego directamente? Ou que obra galega estivese traducida ao kurdo? Era impensable hai só unha década e hoxe, en cambio, está acontecendo”, recalca Galanes.
Outro dos cambios de tendencia que Bitraga detecta é que a nosa literatura interesa no exterior non só por ser unha cultura minorizada, e polo tanto exótica. “Por citar un exemplo, a literatura infantil e xuvenil galega funciona no exterior con todas as condicións do mercado internacional”. Nesta liña, as investigadoras aluden ao esforzo das editoras, que mudaron as estratexias comerciais, no sentido de publicaren simultaneamente orixinal e traducións “de xeito que se introduce a versión traducida na contemporaneidade da produción literaria, sen distorsións, e ao mesmo tempo sitúa a literatura minorizada en pé de igualdade coas outras culturas”. As delegacións de editoras galegas no exterior, as parcerías comerciais noutros países ou a participación sistemática en feiras internacionais “onde venden xa non a tradución, senón directamente os dereitos de tradución, son outros indicios de normalidade”, explica Ana Luna.
Os resultados de investigación de Bitraga deron xa lugar á publicación de dúas monografías de ámbito internacional nunha colección de referencia na área científica: Traducción de una cultura emergente (Peter Lang, 2012), que estuda a tradución de obra galega no exterior e, o recén saído do prelo, Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega, editado por Ana Luna, Áurea Fernández, Iolanda Galanes e Silvia Montero. Nesta última preséntase, en colaboración con outros especialistas, un exhaustivo percorrido polos xéneros literarios traducidos ao galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario