A información máis recente indica que a Administración autonómica ten un plantel formado por 86.382 persoas, das que 34.042 son docentes de ensino non universitario e 33.744 traballan no Servizo Galego de Saúde. As restantes distribúense entre as consellerías e os seus organismos autónomos (unhas 16.000) e a Administración de Xustiza, algo máis de 2.500. Isto quere dicir que, no que atinxe aos servizos básicos, só o cadro de persoal da sanidade aumentou dun xeito significativo nos últimos meses -un cento de profesionais máis que hai un ano e 400 persoas máis que no semestre anterior-.
Sanidade recupera arredor dun 13% do persoal recortadoEn educación o balance é peor, cun incremento de 10 docentes no semestre e case medio centenar menos que un ano antes. En xustiza o balance intersemestral amosa o incremento dunha única persoa e o interanual, unha redución de máis de 20, mentres que nas consellerías e organismos autónomos dependentes delas hai 48 persoas menos a traballar que hai un ano e 150 menos que no semestre anterior.
Estas oscilacións implican que o cadro de persoal público que presta servizos sanitarios e educativos á poboación galega aínda está lonxe das cifras que atopou o gabinete de Alberto Núñez Feijóo ao chegar ao poder, a partir das cales comezou a recortar. Un ano despois da vitoria do PP, na segunda metade de 2010, o ensino non universitario chegou a ter en Galicia 35.605 docentes. Mesmo deixando fóra os datos do primeiro semestre daquel ano, que segundo aclarou Feijóo en 2014, contiñan un erro de cálculo, os sucesivos recortes implican que, tras chegar ao mínimo a comezos do pasado ano, con 34.032 traballadores e traballadoras, haxa unhas 1.500 persoas menos desempeñando esta función.
O Goberno galego reduciu uns 1.500 docentes e máis de 1.600 profesionais do Servizo Galego de SaúdeNo caso da sanidade o cadro de persoal chegou ao seu volume máis amplo dentro da etapa analizada a comezos de 2011, cando chegou a roldar os 35.000 profesionais. Dende ese punto iniciouse un descenso que se prolongou ata o primeiro semestre de 2014, cando Administracións Públicas contabilizou 32.985 persoas no cadro de persoal do Sergas. Foi, polo tanto, unha retallada superior aos 1.600 efectivos que nos últimos meses foi paliada moi parcialmente coas devanditas 400 incorporacións.
Nas consellerías e organismos autónomos a evolución foi diferente ao dos servizos sanitarios e educativos. Así, o actual goberno sumou persoal nestas áreas ata chegar a comezos de 2013 ás 17.000 persoas, se ben despois comezou unha redución ata acadar o mínimo do período no segundo semestre de 2015, con pouco máis de 16.000. En xustiza o máximo do período rexistrouse a finais de 2011, cando se contabilizaban 2.800 persoas con dependencia laboral da Xunta, 300 máis que os datos máis recentes.
As cifras mellorarán neste ano electoral de 2016, coa convocatoria dunha ampla oferta de emprego públicoCabe agardar que estas cifras melloren neste ano electoral de 2016, toda vez que o Goberno galego adiantou xa a súa intención de duplicar a súa oferta de emprego público ata superar as 2.000 prazas, cantidade que, en todo caso, non cubriría todo o recortado. Segundo o avanzado dende San Caetano nesas oposicións estarán en xogo uns mil postos en educación e arredor de 800 en sanidade. Estas convocatorias chegan despois de que o Goberno central relaxase a súa restrición ás taxas de reposición, isto é, á posibilidade de cubrir as vacantes por xubilación, que no paquete de recortes aprobado polo Executivo de Mariano Rajoy ficou reducida, como normal xeral, ao 10%, o que implicaba a cobertura de só unha praza por cada dez xubilacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario