Busca impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambienteREAS-Galicia forma parte da rede de redes de economía alternativa e solidaria REAS, entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal formada por máis de 500 entidades, creada en 1995 en defensa de que "outra economía é posible". Busca impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos...). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios. E pretende difundir e dar a coñecer a economía solidaria na sociedade galega e aumentar o tecido empresarial con características éticas e solidarias. A economía solidaria parte dunha Carta de Principios na que, ademais, se destaca a non-lucratividade destas empresas, que priorizan os beneficios humanos, sociais e medioambientais, reinvestindo e redistribuíndo as posibles ganancias.
Raquel Doallo, vicepresidenta de REAS-Galicia, destaca a importancia de que exista "un punto de encontro para as entidades de economía solidaria en Galicia". "REAS-Galicia pode ser ese espazo, porque nos permite ao mesmo tempo traballar conxuntamente coas redes e entidades do resto do Estado", engade, salientando a importancia do encontro deste sábado, que pode servir para incrementar o coñecemento recíproco entre entidades e iniciativas que comparten unha mesma filosofía, obxectivos e métodos de traballo.
"En Galicia a plataforma é aínda pequena (8-10 entidades activas), en comparación con outras comunidades, como Euskadi ou Navarra. Aínda así detectamos un grande interese no sector"Outro dos obxectivos do encontro que se desenvolverá o sábado en Ordes é o traballo ao redor do fortalecemento dun mercado social en Galicia. Trataríase, explica Raquel Doallo, "dun mercado alternativo, no que se inclúen entidades de finanzas éticas, cooperativas de consumo, iniciativas de agroecoloxía, entidades de servizos e outro tipo de empresas e colectivos, e con elementos coma o uso dunha moeda social". "O mercado é unha boa forma de emprestarnos servizos os uns aos outros dentro da rede, e tamén de visibilizarnos cara á cidadanía", di.
"En Galicia a plataforma é aínda pequena (8-10 entidades activas), en comparación con outras comunidades, como Euskadi ou Navarra, onde as redes agrupan a moitas máis entidades. Aínda así detectamos un grande interese no sector en Galicia, enténdese a necesidade de facer forza como colectivo", explica. En efecto, a importancia da economía solidarias en Euskadi, Navarra, e noutras comunidades como Aragón, Madrid ou Cataluña é aínda moi superior á de Galicia.
REAS agrupa en toda España a 507 entidades, que en 2014 sumaron uns ingresos de 355 millóns de euros, empregando a máis de oito mil persoasEn total, REAS agrupa en toda España a 507 entidades, que en 2014 sumaron uns ingresos de 355 millóns de euros, empregando a máis de oito mil persoas, ademais de contar con outras 30 mil voluntarias e voluntarios. O pasado mes de novembro Zaragoza acolleu o I Congreso Estatal de Economía Social e Solidaria, que desenvolveu distintos eixos de traballo, entre os que destacaron a innovación cidadá en consumo, as finanzas éticas, a xeración e transferencia de coñecemento na Economía Social, as achegas desde o feminismo e outras economías ou o papel da economía solidaria no medio rural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario