O
Observatorio da Cultura Galega (CCG) vén de facer pública a
primeira parte dun documento de traballo de gran interese para saber,
entre outras cousas, até que punto usamos as galegas e os galegos as
novas tecnoloxías para achegarnos ao coñecemento e ao lecer. O
estudo Hábitos
e prácticas culturais (I) céntrase
nos indicadores de participación cultural en Galicia:
o que lemos, escoitamos vemos e facemos no ámbito cultural e, como
desenvolvementos todas estas actividades de lecer. Segundo sinala o
Observatorio, dependente do Consello da Cultura Galega, hai unha
tendencia que case sempre se repite: a asistencia a museos, galerías,
bibliotecas, concertos, cinema e teatro está por debaixo da media
española. Isto é aplicábel tamén ao uso das novas tecnoloxías
como canles de acceso aos devanditos ámbitos.
A
cabalo entre o positivo e o negativo atopamos o seguinte: lemos
moitos libros e publicacións, pero sobre todo en papel (hai un certo
desequilibrio entre o que nos gusta ler e o relativamente pouco que
apostamos polo dixital para facelo).
Libros,
revistas e xornais
Polo
tanto, a poboación galega está á cabeza do Estado español en
frecuencia de tempo de lecer adicado á lectura: máis de dúas horas
(126 minutos) por día, por detrás unicamente de Murcia (128
minutos) e 16 minutos máis cá media española (111).
No
referente á compra de libros, a cousa cambia. De feito, neste
parámetro afastámonos (en negativo) da media española. Deste
xeito, só un 29% dos galegos declararon ter mercado libros no último
trimestre, fronte a un 37% dos cidadáns estatais, detrás de
Cantabria, Estremadura, Asturias e Castela-A Mancha. Na adquisición
de libros en formato dixital Galicia tamén estamos lonxe da media
(10%), cun 5% de galegos que declaran mercar libros neste formato.
O
grao de interese pola lectura de xornais en Galicia sitúase no 6%,
medio punto por riba da media de España. O 86% da poboación galega
le o xornal polo menos unha vez ao mes, fronte ao 78% da española.
Segundo se lembra no informe, en lectura diaria tamén superamos a
media española (45% e 39%, respectivamente).
Entre
os datos máis significativos da investigación atopamos o seguinte
dato en aparencia contraditorio: a nosa é a terceira comunidade
autónoma segundo a lectura de prensa en papel, pero a derradeira en
lectura de prensa en Internet. Os galegos, iso si, estamos por riba
da media estatal no tocante á lectura de revistas, cun 49% fronte a
un 42%.
Bibliotecas
Tamén
se fai saber, afondando neste certo rexeitamento que temos en
relación ás TIC, que un 61,2% da poboación galega non asistiu ou
non accedeu a través de Internet a unha biblioteca nunca ou case
nunca. Esta porcentaxe, dise, supera en 10,2 puntos porcentuais a do
conxunto do Estado.
No
caso da asistencia presencial, increméntase a taxa dos que non van
nunca ou case nunca, cunha diferenza con respecto ao conxunto do
Estado de 10,73 puntos porcentuais. Onde si se atopan diferenzas é
no acceso ás bibliotecas a través de Internet: aínda que a
porcentaxe das persoas que accederon por Internet ás bibliotecas no
último ano é moi baixa, en Galicia é superior ao conxunto de
España en 0,7 puntos porcentuais.
Música
Polo
que atinxe á música, un 76,7% da poboación da nosa terra entrégase
a este hábito polo menos unha vez ao mes, fronte ao 85,5% no
conxunto do Estado. En Galicia un 59,9% da poboación ten o costume
de escoitar música todos os días, mentres que un 21,9% non a
escoita nunca ou case nunca. “O medio utilizado pola inmensa
maioría das persoas que escoitan música na nosa terra”, sinálase
na investigación, “é en equipos non conectados ao computador
(98%), fronte ao 27,8% dos que escoitan música no ordenador ou en
equipos conectados a el”. Segundo o Observatorio do CCG este último
dato é “moi salientábel”, posto que o costume de escoitar
música no ordenador ou en equipos conectados a el experimentou unha
evolución significativa con respecto a 2011, “ano en que tan só
un 16,6% da poboación galega tiña este hábito á hora de escoitar
música”. Para o Observatorio, esta diferenza é moito máis
acusada en Galicia ca no conxunto do Estado, onde se pasa dun 22,8%
en 2011 a un 29,4%.
No
resto dos medios empregados en Galicia para escoitar música destaca,
en segundo lugar, despois da radio, o ordenador e, en terceiro lugar,
o móbil. O informe apunta a que no conxunto do Estado estes dous
equipamentos tamén ocupan o segundo e terceiro lugar, “pero é o
móbil o que avantaxa ao computador e o emprego deste supera en case
8 puntos ao de Galicia”.
No
uso destes medios, sinálase, é “salientábel” o feito de que no
período 2010-2011 o móbil só o usaba para escoitar música un 9%
da poboación galega e un 9,8% no total do Estado.
Con
respecto ao computador, a diferenza é menor, xa que na nosa terra
tira proveito del o 17,3% e no conxunto do Estado o 20,6%. No
devandito período o segundo medio que máis se empregaba para
escoitar música despois da radio eran os CD, DVD e Blue-Ray (32,4%
no conxunto de España e 24% en Galicia).
Lembrar
tamén que en Galicia un 21,7% da poboación gravou música no último
ano e un 71,5% non o fixo nunca ou case nunca. Son taxas moi
semellantes ás do conxunto de España.
Audiovisual
Na
enquisa tamén se lles pregunta aos cidadáns polo costume de ver
vídeo en DVD ou noutros formatos. No que se refire a isto, os
galegos emprazámonos na parte baixa da táboa, posto que algo máis
da metade (o 52,5% da poboación) non ve nunca vídeo en ningún tipo
de formato (a media estatal é do 44,4%). Do pouco máis do 1,1
millóns de galegos que ven vídeos, o 84,8% fano en aparellos non
conectados a un computador. De feito, só o 26,8% ve contidos
audiovisuais en trebellos conectados, “o cal representa a
porcentaxe máis baixa de toda España”, sinalan os autores do
informe. Ademais, unicamente o 18% dos cidadáns da nosa terra ve
vídeos en tecnoloxía streaming, sen necesidade de descarga e
en liña, fronte a unha media do 25%. En alugueiro de vídeos a
través de canles dixitais somos a sexta comunidade pola cola.
Respecto
ao consumo de televisión propiamente dito, somos os que máis tempo
adicamos de media, uns 193 minutos diarios, case unha hora máis ca
nas Illas Baleares. Por outra banda, só o 8,6%
dos galegos ve a televisión a través de Internet, unha cifra
semellante á do conxunto do Estado.
No
que atinxe á radio, a investigación que sinala que se ben Galicia
non é das comunidades onde máis se escoita, case o 73% da cidadanía
ten o hábito de escoitala a diario. Compre salientar que un 8,2% dos
galegos escoita a radio por Internet, dous puntos menos cá media
nacional.
Novas
tecnoloxías
Os
autores do traballo de investigación lembran que as galegas e os
galegos son os que menos usan o computador do conxunto de España,
por detrás dos estremeños e castelano-manchegos (a diferenza coas
comunidades onde máis se usa é significativa e representa case 20
puntos porcentuais con Madrid). Galicia tamén é a comunidade onde
menos persoas usan o computador por lecer e ocio. A fenda que nos
separa da media estatal deste indicador é dun 10%.
O
uso de videoxogos sitúase tamén por debaixo da media na nosa terra.
Así, un 15% dos galegos adoita xogar, fronte a un 17% do total dos
cidadáns do Estado. Os nosos xogos preferidos son os de acción ou
aventura e de estratexia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario