A compañía galega
CreAppcuentos,
responsábel da aplicación do mesmo nome destinada a permitir a
creación de contos entre nenos e maiores, segue a dar pasos
importantes no mundo. Desta volta, cómpre informar da súa vindeira
participación no que en palabras dos responsábeis da empresa é “o
meirande evento mundial de educación e tecnoloxía”. Estamos a
falar do Bett Show 2016, onde
a plataforma educativa amosará o miolo de Creatales,
a súa achega docente para reforzar o ensino a través do uso das
tabletas. Creatales, como lembraremos, constitúe unha adaptación
específica de Creappcuentos para docentes e profesionais do eido
educativo. Foi probada e implementada no ámbito estatal e agora os
seus desenvolvedores preparan o chimpo definitivo internacional. A
participación no Bett Show forma parte disto.
“A través desta
participación na edición 2016 deste evento”, explican,
“amosaremos a nosa nova aposta tecnolóxica perante diferentes
públicos interesados, como por exemplo centros educativos, para que
se poida usar a ferramenta nas aulas, e para que os distribuidores e
as editoriais que queiran difundir a iniciativa, amais doutras
start-ups educativas, poidan acadar melloras nos produtos de
seu”.
A cita Bett Show será
pois un inmellorábel escaparate. De feito, xuntará milleiros de
docentes e centros de ensino de todo o mundo en Londres á procura de
solucións para incorporar ao seu labor cotián. Neste contexto,
Creappcuentos está a ver “unha oportunidade incríbel para
amosarlles as características de Creatales nas clases e as vantaxes
que achega”, sinala Avelino Correa, co-fundador da iniciativa, que
engade que dende a compañía están a “apostar forte” para dar
un enfoque educativo á aplicación, incorporando na ferramenta
CreAppcuentos novos paquetes como o de Aldeas Infantís ou o de
Comida Sa, que tamén serán presentados no evento de educación e
tecnoloxía. O acontecemento terá lugar entre o 20 e o 23 de xaneiro
en Londres e CreAppcuentos estará presente na caseta C78.
Ningún comentario:
Publicar un comentario