Formación e marcha a Madrid
Naceu o 17 de outubro de 1906 en Pontedeume, vila da que era orixinaria a nai, Dolores Álvarez Pardo e onde exercía como médico o pai, José Goyanes Cedrón; con eles e con seis irmáns vivía na rúa da Pescadería. Iniciou os estudos de Secundaria no Instituto de A Coruña e rematounos, como interno, nos Maristas de Lugo. Despois cursou con moita brillantez a carreira de Medicina na Universidade de Santiago e trasladouse a Madrid, onde se matriculou para realizar o doutorado. En outono de 1929 fixou a súa residencia no primeiro piso do número 14 da rúa Blasco de Garay, na zona de Moncloa, e incorporouse ao equipo de Gustavo Pittaluga Fatorini (1876-1958), profesor de orixe italiana, catedrático de Parasitoloxía e investigador con grande proxección internacional en Hematoloxía (estudo do sangue) e Parasitoloxía. Na estadía madrileña José foi testemuña da efervescencia cultural e política do momento e da estimulante chegada da II República, coa que se identificou, como case todas as figuras da medicina do momento e colegas de universidade.Un brillante investigador
Situado nun grupo de vangarda, Goyanes converteuse en peza relevante no equipo de Pittaluga. Os resultados das pescudas que realizou ata 1936 salientan pola súa calidade e cantidade, preto de 20 artigos orixinais, seis deles publicados nos prestixiosos Archivos de Cardiología y Hematología. A reseña biográfica que aparece no Álbum da Ciencia permite abondar en detalles dese labor e do equipo investigador.Os resultados das pescudas que realizou ata 1936 salientan pola súa calidade e cantidade, preto de 20 artigos orixinais, seis deles publicados nos prestixiosos Archivos de Cardiología y HematologíaO seu principal obxectivo de traballo foi o estudo do Sistema Retículo Endotelial (SRE), hoxe chamado Sistema Fagocítico Mononuclear (SFM). Son células cun núcleo redondeado espalladas polo corpo, entre as que figuran un tipo de leucocitos (glóbulos brancos), concretamente os monocitos do sangue periférico, e os macrófagos e histocitos. Ese variado conxunto de células intervén no proceso inmune, protéxenos fronte a organismos patóxenos, aos que fagocitan, e participa na renovación do sangue, ao eliminar as células sanguíneas que xa desenvolveron a súa función.
O microscopio é un instrumento imprescindible no estudo das células do SFM polo que resulta obrigado o dominio do seu uso e da utilización de colorantes axeitados para observar as diversas estruturas. Unha especialidade na que sobresaía a nivel internacional a escola histolóxica española; así, Santiago Ramón y Cajal (1852-1934) utilizou unha serie de técnicas pioneiras que continuou Nicolás Achúcarro (1880-1918), creador da do tanino arxéntico que Pío del Rio-Hortega (1882-1945) desenvolveu en catro variantes diferentes. Deste extraordinario investigador, proposto dúas veces para o Premio Nóbel, aprendeu José Goyanes as técnicas que lle permitiron o estudo do Sistema Fagocítico Mononuclear.
O grupo de profesores e investigadores galegos en Madrid
En 1928 Roberto Nóvoa Santos (1885-1933), catedrático de Patoloxía da Universidade de Santiago, trasladouse para Madrid. A súa presenza atraeu, para completar a súa formación ou iniciar un camiño profesional, a un número importante de prometedores médicos galegos, que se incorporaron ao seu equipo e aos doutros salientables profesores.Nóvoa Santos trasladouse a Madrid e a súa presenza atraeu un número importante de prometedores médicos galegosEn Patoloxía traballaron, entre outros, Julio Outeiriño Núñez, José Manuel Calvelo López, Enrique Jaso Roldán, Vicente Goyanes Álvarez, Antonio Culebras Souto, Segundo Puente Veloso, Leoncio Jaso Roldán e Enrique Jaso Roldán. Con Pittaluga estaba, ademais de José Goyanes, Juan Rof Carballo e colaborando desde 1927, Antonio Rodríguez Darriba. Asemade, Jimena Fernández de la Vega realizou a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Pittaluga e foi nomeada en 1933 directora da Sección de Xenética dependente da cátedra de Nóvoa Santos e Elisa Fernández de la Vega elaborou a súa tese doutoral baixo a dirección do catedrático de Terapéutica Teófilo Hernando.
Represión e desfeita dos equipos de traballo
Tras a derrota da República a represión franquista actuou de xeito implacable coa comunidade científica, provocando un retroceso de décadas no seu desenvolvementoTras a derrota da República a represión franquista actuou de xeito implacable coa comunidade científica, provocando un retroceso de décadas no seu desenvolvemento. Gustavo Pittaluga e Pío del Rio-Hortega, como outras salientables figuras, marcharon cara o exilio e os seus grupos de traballo foron desartellados.
A desfeita afectou, tamén, ao colectivo dos médicos galegos. Julio Outeiriño foi inhabilitado, José Manuel Calvelo asasinado en decembro de 1936, Antonio Culebras cesado no posto, Darriba tivo que iniciar unha nova orientación profesional como pediatra en Ribadeo, Juan Rof Carballo renunciou á docencia polos atrancos que se atopou para acceder á cátedra, Jimena Fernández de la Vega pasou a traballar como médica de balnearios e se ben Elisa morreu antes, en 1933, o seu marido, o catedrático compostelán Gumersindo Sánchez Guisande, marchou ao exilio arxentino. A algún foille ben, como aconteceu con Segundo Puente Veloso, que se afiliou á Falanxe, integrouse como médico militar no bando franquista e denunciou a colegas como Rof Carballo. No caso do noso protagonista, cando en xullo de 1936 tivo lugar o levantamento fascista se atopaba na casa familiar en Pontedeume e o seu irmán Vicente en Madrid, onde Pittaluga lle encargou do servizo de transfusión de sangue, como contamos nun episodio anterior.
Para valorar o drama acontecido debemos considerar a traxedia persoal e o desastre profesional que José e estes investigadores sufriron, mais tamén o perverso impacto na propia comunidade científica, nos espléndidos equipos de traballo. Estes grupos son sempre o produto dun esforzo de moitos anos e a súa desfeita pode resultar moi doada, a reconstrución é tremendamente complicada e supón unha enorme perda para a sociedade.
O exilio interior dunha persoa peculiar
Os irmáns Goyanes foron obxecto de persecución política, labor no que colaboraron os colexios médicos, José, que sufriu varios procesos de depuración, non obtería a colexiación ata 1946. Traballou nos Laboratorios Orzán e rexistrou numerosos medicamentos creados por el (uns vinte), que facilitaron a viabilidade económica da empresa.Conservaba centos de fotos e preparacións microscópicas de células do SFM e algúns datos inéditos, que se negou a publicar xa que “non quero facerlle ese favor ao Réxime"Solteirón empedernido, residiu no hotel La Orensana, na rúa dos Olmos nº 14. Era unha persoa peculiar e moi desinteresada, vivía nunha especie de burbulla, desconectado de certos aspectos da vida cotián, de feito, pasou unha longa temporada sen DNI nin conta corrente, o seu irmán gardáballe os cartos. Tímido, simpático, cun temperamento impaciente, as súas relacións sociais consistían en reunións no café Galicia (onde hoxe está o edificio da Fundación Barrié) cun reducido grupo de amigos. O seu espazo vital estaba limitado á zona centro da cidade e non viaxaba, cando unha empresa danesa lle fixo unha proposta de traballo rexeitouna: “non penso moverme de aquí”. Na parte final da vida sufriu dous episodios cerebro vasculares, que lle supuxeron a perda da memoria, da súa identidade, polo que repetía: “quero morrer!”.
Lía correctamente, e sen diccionario, inglés, francés, italiano e alemán. Conservaba centos de fotos e preparacións microscópicas de células do SFM e algúns datos inéditos, que se negou a publicar xa que “non quero facerlle ese favor ao Réxime (franquista)”. Coas imaxes na memoria dos seus mestres exiliados, colegas mortos, perseguidos e marxinados, coidaba que dese xeito singular expresaba a súa desaprobación á longa noite de pedra que constituíron os corenta anos de ditadura.
Mentor e referencia luminosa
O seu ostracismo investigador só tivo unha excepción, a do sobriño, Vicente Goyanes Villaescusa, a quen animou a encamiñarse cara a Xenética e lle ensinou as técnicas microscópicas e métodos para tinguir que aprendera nos seus anos madrileños. Vicente aplicaría a tinguidura de prata aos cromosomas, que despois observaba ao microscopio electrónico e a resultas diso publicou en 1967 un artigo na prestixiosa revista Lancet: “Sex chromatin in rat bone-marrow cells”. As circunstancias históricas forzaron, xa que logo, un sinuoso camiño que levou a aboiar un legado científico trinta anos despois.As circunstancias históricas forzaron, xa que logo, un sinuoso camiño que levou a aboiar un legado científico trinta anos despoisMeu pai sempre me falou con admiración de José Goyanes, a quen saudaba cando, de mozo, a finais dos 60 e primeiros 70, me achegaba polos Laboratorios Orzán. Atento e moi accesible, o peculiar investigador levábame ao seu lugar de traballo e explicábame o que facía; tamén íamos ao local onde gardaba en gaiolas numerosas ratas brancas coas que realizaba os experimentos, das que me pasou algúns exemplares para disecalos na casa e aprender anatomía. Lembro eses encontros como unha experiencia única. Eran tempos grises, nos que algúns mozos inquedos sentiamos baleiros os valores dominantes e carecíamos de ilusionantes estímulos; momentos nos que o exemplo de José Goyanes, o seu altruísmo e amor pola ciencia, constituíron para min un modelo luminoso en medio da mesta escuridade.
Un desafortunado que merece recoñecemento
Os amigos do café Galicia chamábanlle “o sabio de Pontedeume” e cando morreu solicitaron que unha rúa da cidade levara o seu nome, mais tampouco niso José tivo moita sorte, semella que a petición ficou perdida na burocracia municipal. Unha anécdota final subliña a escasa fortuna do noso protagonista. Discrepancias co seu pai levárono a insistir en que el non quería soterrarse no panteón familiar de Pontedeume, o que obrigou a mercar un nicho no cemiterio de Feáns, onde ficou ao morrer o 25 de agosto de 1988. A pesar diso, e segundo me informaron na oficina funeraria municipal, os seus restos foron trasladados ao antedito panteón eumés o 19 de xullo de 1999.A vida foi inxusta con José Goyanes, quizás agora aínda estemos a tempo de ofrecerlle o recoñecemento público merecido, polo seu labor e dignidade e porque necesitamos referencias valiosas que nos guíen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario