venres, 29 de xaneiro de 2016

O STEG esixe a súa inaplicación

O PP  aprobou o RD da avaliación final de Primaria unhas semanas antes das eleccións xerais 
 
O STEG esixe a súa inaplicación, atendendo á nova  maioría absoluta de parlamentarios contra a LOMCE
 
O anterior goberno do PP aprobou aceleradamente o Real Decreto 1058/2015 que regula a avaliación final de Primaria, no que se mantén a reválida de 6º de Primaria, que custará 1.451.930 euros e que suporá un ataque frontal aos dereitos do alumnado que conclúe esta etapa, en total 482.000 alumnos/as. Ademais, engade un obstáculo a maiores para a aprendizaxe e a promoción do alumnado. A unha idade moi temperá, tan só con once ou doce anos cumpridos, preténdese someter a estes nenos e nenas a un tipo de probas que condicionarán o seu futuro. Así mesmo, o Ministerio incrementa a carga de traballo do profesorado e o ensino centrarase na superación de probas e non nunha formación académica global e persoal do alumnado. 
 
As avaliacións externas supoñen ignorar as condicións nas que se desenvolve a aprendizaxe, ademais da influencia do contexto. O proceso de ensino-aprendizaxe non é algo que se dea nun espazo baleiro, nunha caixa preparada a tal efecto, para recibir o coñecemento,  senón que ten que ter en conta as poderosas forzas da contorna que decidirán como, canto e que se aprenderá. Esta medida é unha mostra importante do desinterese por todo o que non sexa rendición de contas ante as competencias e o establecemento de rankings entre centros, e profunda no  camiño cara ao esquecemento definitivo da función de xustiza social que debe cumprir a educación e a súa substitución por unha función de selección social.
 
Este tipo de probas leva un desprezo cara á profesionalidade do profesorado e, con iso, dos centros. Menosprézase e ignórase a súa formación e capacidade para avaliar o propio alumnado, para detectar en que aspectos hai problemas e como e cando abordalos, desde que enfoque e con que recursos. É restar a capacidade aos centros para coñecer e abordar os problemas que poidan xurdir e buscar os mecanismos para liquidalos.  
 
A LOMCE ten que ser derrogada. Esta Lei non proporciona medios para que o alumnado con dificultades na súa aprendizaxe poida superar as mesmas. Non existen programas para o reforzo educativo; non se aposta por unha educación que compense as desigualdades sociais, culturais e económicas que existen entre o alumnado. 
 
As avaliacións externas non achegan  ningunha mellora para o Sistema Educativo, supoñen unha duplicidade de funcións no mellor dos casos e un negocio no peor deles. O responsable de levar a cabo tanto a avaliación do proceso de aprendizaxe como do proceso de ensino  ten que ser o equipo educativo dos centros. Todo o demais son eufemismos para disfrazar pretensións claramente intervencionistas e mercantilistas. Neste sentido e atendendo á nova representación parlamentaria, o STEG esixe a inaplicación de devandito Real Decreto.
Chamamos á consellería de educación e ao Goberno da Xunta de Galiza a non aplicalo, e animamos ás familias a que impidan que as súas fillas e fillos se sometan a estas probas.

Secretariado Nacional do STEG

Ningún comentario:

Publicar un comentario