xoves, 14 de xaneiro de 2016

A CIG-Ensino demanda aos grupos parlamentares do Congreso dos Deputados e Deputadas a paralización e posterior derrogación da LOMCE

A CIG-Ensino presentou esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, un escrito dirixido aos distintos grupos parlamentares do Congreso dos Deputados e Deputadas
 
A CIG-Ensino presentou esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, un escrito dirixido aos distintos grupos parlamentares do Congreso dos Deputados e Deputadas en demanda de que presenten a iniciativa lexislativa que sexa pertinente para que se aprace, primeiro, a aplicación da LOMCE e, posteriormente, sexa derrogada. “A CIG ten o compromiso de combater esta lei desde que se coñeceu o seu enunciado até hoxe e esta é unha medida máis porque estamos empeñados en paralizala e derrogala”, subliñou o secretario nacional, Anxo Louzao.
Louzao lembrou que a LOMCE foi a lei que máis vontades sumou en contra da súa aplicación e contido, con numerosas folgas e mobilizacións que se levaron a cabo na súa contra. Por iso considerou que “é necesario e urxente a súa paralización e posterior derrogación, na medida en que o seu desenvolvemento non só evidenciou o nociva e negativa que é para o sistema educativo, para a igualdade de oportunidades e para a gratuidade da educación, senón tamén porque foi un cúmulo de despropósitos”.
Denunciou a “absoluta” improvisación na súa posta en marcha e subliñou as graves consecuencias que está a ter para o sistema educativo público, nomeadamente o galego. “É unha lei centralizadora que non parte dunha concepción plurinacional do estado español, que avanza na españolización, na privatización e que afonda na confesionalidade do ensino”, explicou.
A este respecto, fixo especial fincapé no seu carácter “antigalego”, non xa porque avanza na desgaleguización do pouco que había até o de agora, senón tamén porque “mesmo permite ser insubmisos á aprendizaxe no noso idioma”.
O secretario nacional da CIG-Ensino apuntou que, xunto a estas razóns hai “inmensos motivos” para a súa derrogación  e demandou que a súa paralización sexa o punto de partida para que se inicie un debate amplo a respecto de cales son as necesidades e carencias do sistema educativo, fundamentalmente o galego.
Louzao lembrou que a CIG-Ensino ten, como organización sindical maioritaria, a responsabilidade de facer esta demanda, que é continuación da loita mantida nestes anos contra a LOMCE e que mesmo xa presentara unha ILP que contou co apoio de máis de 23.000 sinaturas. “Aí xa insistimos na necesidade de derrogar a LOMCE; de termos unha lei para o sistema educativo galego que inserise a nosa realidade nacional; de que, dunha vez por todas, se recuperasen os dereitos laborais e salariais do profesorado e de que se valorice a función docente, xa que o papel do profesorado é fundamental na sociedade na que vivimos”.
Achegamos modelo do escrito dirixido aos grupos parlamentares do Congreso dos Deputados e Deputadas

Ningún comentario:

Publicar un comentario