mércores, 2 de novembro de 2016

Hai 34.800 fogares galegos sen ingresos

UN 91,4 MÁIS DO QUE EN 2009.

A Enquisa de poboacón activa (EPA) do III trimestre cifra en 34.800 as vivendas que hai na Galiza onde non hai ningún perceptor de ingresos. Son 2.900 menos que no II Trimestre e un 91,4% máis do que en 2009.

A Enquisa da poboación activa (EPA) do terceiro trimestre recolle que na Galiza hai un total de 34.800 fogares que non teñen ingresos. Vivendas onde non hai ningún perceptor de ingresos, nin por traballo, nin por prestación, nin axudas...  Son 2.900 fogares menos que na EPA do II trimestre, un descenso parello ao descenso do paro nos meses de xullo, agosto e setembro, época de aumento do emprego estacional polo verán e a tempada turística. Porén, eses 34.800 fogares continúan a ser un 91,4% máis dos que había en 2009.
No 2010 estaban sen ningún tipo de ingreso 17.500 fogares. Durante 2011, 2012 e 2013 o número de familias nesa situación foi aumentando paulatinamente, chegando a 35.100 fogares en 2013. Comezou a descender en 2014 (34.300 familias), mais en 2015 volveu haber incremento, rexistándose 35.500 a mediados dese ano. O paro de longa duración e a fin das prestacións por desemprego, o esgotamento das axudas..... son varios dos factores para explicar estes milleiros de fogares que carecen actualmente dalgún tipo de ingreso.
En 72.100 moradas galegas todos os seus membros activos están no desemprego
A isto hai que lle engadir aqueles fogares que teñen todos os seus membros activos no paro. Non entran, logo, rendas de traballo mais si poden entrar outras (prestacións, axudas...) Estamos falando de 72.100 vivendas en Galiza. Son 3.600 menos que as que había no II trimestre. Mais a comparación con 2009, ao igual que nas vivendas sen ningún tipo de ingresos, amosa a fenda que se xerou durante estes anos de crise. De 2009 ao terceiro trimestre de 2016 as vivendas onde ningún membro activo ten emprego aumentou un 69%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario