A
asociación
Ponte nas ondas! está a impulsar nos centros escolares a formación
avanzada en radio dixital, amais dun
portal que sexa o alicerce divulgativo dos centros con vertente
comunicativa a través destas canles. A iniciativa Escolas nas Ondas
ten ademais o obxectivo de ligar as nosas radios dixitais escolares
coa comunidade galego-portuguesa internacional, o que se coñece como
lusofonía. Segundo puidemos saber, a intención é abranguer 34
centros de ámbalas beiras da raia. As rapazas e rapaces terán
oportunidade de iniciarse no xornalismo radiofónico e nas
ferramentas tecnolóxicas que o fan posíbel na actualidade.
Máis
en detalle, haberá obradoiros de formación arredor de podcasts e
de metodoloxías para difundir estes arquivos nas redes. Tamén se
impartirán contidos sobre (por exemplo) as utilidades da nube, o
potencial das redes sociais para distribuír e espallar contidos ou
como subir á Rede un podcast ou un audioblog. En
total, serán 34 accións formativas.
O
portal será dado a coñecer no mes de febreiro, coincidindo co Día
Mundial da Radio. A asociación Ponte nas ondas!, en colaboración
coa Consellería de Cultura e Educación, será a encargada de
desenvolver estes obradoiros. Máis en detalle, a comezos de 2017
arrincará o segundo curso de formación para profesorado sobre a
creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais.
Este curso será impartido por un profesional da radio a través de
Internet.
Os
obxectivos que se perseguen, sinalan dende Ponte nas ondas!, son
fundamentalmente “o fomento de radios dixitais realizadas polo
alumnado e a integración en plataformas sociais de comunicación
para a difusión dos contidos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario