Reclama unha resolución ministerial co seu pertinente traslado ao BOE que paralice as reválidas para a súa posterior derrogación xunto coa da LOMCE.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público (PGDEP) anunciou este martes, en rolda de prensa, a
convocatoria de mobilizacións para o día 16 de novembro –cunha
concentración, ás 11:15 horas, diante da consellaría de Educación coa
posterior entrega no rexistro das sinaturas recollidas contra as
reválidas- e para o día 24 de novembro – con concentracións nas sete
cidades ás 19:00 horas e en Cee, Vilagarcía, Carballo e probabelmente en
Ribeira, ás 19:30 horas-.
O portavoz da PGDEP e secretario
nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou que con estas
mobilizacións a plataforma vén reiterar a súa exixencia á consellaría de
Educación de que actúe como goberno galego e remate coa “grave
situación” na que se atopa o sistema educativo, neste intre, polo que
cualificou de “actitude irresponsábel” e de “desleixo” das autoridades
educativas.
Por iso, respecto das mobilizacións
convocadas para o día 24 de novembro, Louzao fixo un chamamento a toda
comunidade escolar de secundaria a unha xornada de loita, baleirando as
aulas, para manifestar así non só o rexeitamento ás reválidas e á LOMCE,
senón tamén para denunciar a “tiranía e crueldade” á que se somete ao
alumnado ao impor unhas probas para as que as e os estudantes de segundo
de bacharelato descoñecen aínda -a estas alturas de curso- en que van
consistir.
Sobre esta cuestión, o portavoz da PGDEP
apuntou tamén a situación de “desconcerto” na que está o profesorado,
que non sabe para que tipo de exames ten que preparar o alumnado e
denunciou ademais que “vai ser a administración central a que fixe as
características das probas, os estándares avaliábeis e os seus propios
contidos” e que ás administracións educativas non lles vai quedar máis
que a aplicación práctica das mesmas e, en todo caso, trasladar eses
criterios a unha proba.
Os anuncios de cambio no BOE
Canto aos chamamentos á calma tanto do
Ministro como do conselleiro de Educación, que veñen asegurando nas súas
últimas comparecencias públicas que as probas van ser semellantes,
exixiu que “se van ser tan semellantes terán que modificar o Decreto que
se publicou o 30 de xullo - por un goberno en funcións-, que o único
que fai é unha definición das características xerais destas probas, e
trasladalo posteriormente ao BOE”.
Sinalou que nese Decreto recóllese que o
alumnado terá que examinarse das 6 materias troncais, de 2 troncais de
opción e máis dunha materia específica, o que inclúe materias como
Filosofía, que é de 1º de Bacharelato. “Nada ten que ver como se ve, ou
moi pouco semella, ás probas de acceso á universidade”, afirmou.
Define tamén o decreto as preguntas
máximas das materias, os tempos e un intervalo de datas para a súa
realización. Porén, “todo o demais está sen coñecer a día de hoxe, mesmo
os contidos básicos, os estándares de aprendizaxe ou o que eles chaman
as matrices específicas”, matizou.
Respecto das últimas filtracións que
houbo sobre esta cuestión, Louzao explicou que se trata dun proxecto
“que din que nada xa ten que ver co que hoxe mesmo vai tratar unha
comisión técnica das distintas administracións educativas que é
antecedente da que será a reunión da Comisión de Educación na que están
representadas as distintas administracións educativas do estado
español”.
Diante desta situación o portavoz da
Plataforma Galega en defensa do Ensino Público asegurou que
“continuaremos na loita, na acción e na mobilización permanente”, porque
“sabemos que estamos ante unha loita xusta, que ten un respaldo moi
maioritario e que pretendemos que teña resultado satisfactorio para
acabar con esta discriminación e esta situación de incertidume provocada
por unha actitude de total desleixo que está sumindo no caos o sistema
educativo galego”.
Fronte á LOMCE e ás reválidas, que
converten a educación nunha mercadoría, polo seu carácter competitivo,
elitista, selectivo e neoliberal, a PGDEP defendeu un sistema educativo
que conciba a educación como un dereito universal, baseado na igualdade
de oportunidades e gratuíto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario