Este colectivo profesional, experto no tratamento de circunstancias coma estas tanto no contexto escolar como fóra del, vén de se dirixir publicamente ao conxunto da prensa para advertir da "sobreexposición pública á que se está sometendo" a estas persoas menores de idade "por parte dalgúns medios de comunicación". Educadoras e educadores amosan a súa "preocupación e rexeitamento" polo que, alén dunha mala praxe, din, é en última instancia "unha vulneración dos seus dereitos fundamentais", recoñecidos tanto na lexislación galega e estatal como en tratados internacionais, sinalan.
O Colexio de Educadoras e Educadores insta os medios a non situar "audiencias e ingresos publicitarios" por riba dos dereitos da infanciaA infancia, lembran, é obxecto de "especial protección" co obxectivo de que poida desenvolverse "física, mental, moral, e socialmente" de xeito "saudable, en condicións dignas e en liberdade". Esas obrigas, subliñan, atinxen tamén ás empresas de comunicación e aos medios que editan. Tamén neste eido, advirten, a "ética" no tratamento de nenos e nenas debe primar "por riba da busca das audiencias ou dos ingresos publicitarios" que poida xerar a difusión, por exemplo, dos propios vídeos que din denunciar pola súa violencia.
"Pixelar imaxes non é suficiente para garantir os dereitos dos menores" no marco do que o CEESG considera unha "campaña de sensacionalismo""Esta protección especial ten que ser efectiva e real, de aí que pixelar vídeos ou imaxes non sexa suficiente para garantir a intimidade e os dereitos dunha persoa mentres estas vaian acompañadas de iniciais, nomes de centros educativos, idades e moitos outros datos" que, evidencian, "fan moi facilmente identificables ás persoas implicadas", neste caso menores de idade residentes en Lugo. "Paralelamente estanse sometendo a 'entrevistas' e declaracións que, lonxe de axudas a que estes lamentables feitos non se repitan -din-, alimentan unha campaña de sensacionalismo que afecta moi negativamente á imaxe da mocidade" da capital lucense.
"Reflexión" fronte a "tópicos"
O chamamento do CEESG non insta os medios a deixar de informar ao respecto, senón a repensar o "tratamento" de informacións coma estas. Alén de ter en conta a "vulnerabilidade" das persoas menores de idade, explican, "resulta de vital importancia informar reflexivamente e sen caer nos tópicos e na nocividade da urxencia e da inmediatez". Adolescentes agora implicados en liortas poden padecer "consecuencias negativas no seu desenvolvemento a medio e longo prazo" que non só deriven das propias pelexas, advirten, senón tamén "da repercusión mediática" que están a ter.As profesionais instan as empresas de comunicación a non "xerar un problema engadido" mentres familias e educadores tentan abordar o problema da violencia"Apelamos á boa praxe xornalística polo ben social e na procura dunha sociedade sá, na que os medios de comunicación, como axentes fundamentais, teñen moito que dicir informando e denunciando aquelas situacións de interese público", pero sen obviar o "máximo respecto aos dereitos das persoas, máis aínda cando estas son menores". Esta mudanza, resaltan, debe comezar por "deixar traballar ás profesionais do sistema socioeducativo e ás familias na solución destes conflitos, sen inxerencias nin sobreexposición mediática que nada axuda, senón que xera un problema engadido".
Esta apelación do CEESG vai na liña do expresado en declaracións a Praza.gal por un dos membros deste colexio profesional, Duarte Crestar, a respecto deste mesmo conflito. "Créase unha alarma, sobre todo por puro descoñecemento e por non saber enfrontarse a novos fenómenos, xeneralizando en todos os e as adolescentes o comportamento puntual dalgún deles. E xérase unha imaxe da adolescencia en termos de ameaza, como un conxunto de persoas que fan cousas negativas", subliña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario