- A deputada do BNG, Olalla Rodil mantivo hoxe unha xuntanza coa Plataforma Galega en defensa do Ensino Público para analizar as consecuencias do anuncio de Mariano Rajoy relativo ás reválidas
Ante o anuncio da paralización das reválidas, formulado por Mariano Rajoy no debate de investidura, a nacionalista advertiu que coloca “nun limbo” aos e as estudantes que na actualidade estudan segundo de bacharelato. Nesta liña, engadiu que polo momento, “non teñen nin idea” da proba que deben realizar para o acceso á universidade e mesmo corren o risco de rematar o curso en maio descoñecendo “a nota de corte para iniciar o ensino universitario nin como serán avaliados”.
Dende o BNG ,dixo, trasladamos á Plataforma galega en defensa do Ensino Público a nosa intención de reclamar un compromiso do Goberno galego para non deixar en “desvantaxe ao alumnado de segundo de bacharelato” porque están abocados agardar ata o vindeiro ano para ter unha solución definitiva.
Asemade, a deputada nacionalista asegurou que deben ser garantidas as materias de libre elección para que na escolla das mesmas “ningún ou ningunha estudante se vexa obrigado a elixir relixión”, e explicou que nalgúns centros hai alumnos que deben optar por esta materia para completar as horas preceptivas.
Rodil criticou que a aplicación da LOMCE diante do decreto do plurilinguismo repercute moi negativamente nas horas impartidas en lingua galega polo que reclamou a derrogación do Decreto que impide, entre outras cousas, impartir materias “na lingua propia”.
A parlamentaria e a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público defenderon “ a gratuidade do ensino público, dos libros de texto, comedores escolares e transporte escolar”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario