xoves, 3 de novembro de 2016

Están os novos profesores das universidades galegas suficientemente preparados?

Ana Mª Porto Castro e Mª Josefa Mosteiro García analizan e comparan os plans formativos do profesorado novel das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña. Malia recoñecer o esforzo feito nos últimos anos para mellorar a formación dos docentes, aconsellan deseñar plans máis específicos e accións conxuntas entre as tres institucións académicas.

Cales son as principais características do programa formativo que ofrecen as tres universidades galegas ao seu profesorado? Quen son a persoas destinatarias? Cales son os criterios de selección dos profesores? Como se xestionan as actividades formativas? Que contidos se traballan? E como son os procesos de avaliación? Estas son as preguntas ás que tentan dar resposta Ana Mª Porto Castro e Mª Josefa Mosteiro García —ambas as dúas, profesoras do Departamento MIDE da Universidade de Santiago de Compostela (USC)— nun artigo publicado na revista Panorama (Facultade de Ciencias Sociais da Institución Universitaria Politécnico Grancolombiano en Bogotá, Colombia). Tras a análise do sistema de formación do profesorado universitario en Galicia, as autoras conclúen que é necesario "deseñar plans de formación específicos que atendan ás necesidades de formación e problemáticas específicas deste colectivo".
Co título 'Calidad y formación del profesorado novel en las universidades públicas gallegas', as autoras da investigación levaron a cabo un estudo de casos para analizar e comprender os procesos formativos e o desenvolvemento profesional do profesorado novel das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña.
Porto e Mosteiro partiron da premisa de que "lograr unha educación superior de calidade supón regular a formación do seu persoal docente e investigador e deseñar programas orientados a promover o seu desenvolvemento profesional en aspectos como o dominio das habilidades persoais, as estratexias relativas á planificación curricular e os programas destinados ao alumnado ou a participación na xestión da organización". Para obter información acerca dos distintos aspectos da formación do profesorado novel no sistema universitario galego analizaron documentos dispoñibles nas páxinas web das tres universidades obxecto de estudo, divididos en varias categorías: unidade responsable da formación, denominación dos programas de formación, persoas destinatarias, contidos dos programas formativos, modalidade e metodoloxía, sistema de avaliación e acreditación da formación.
"Os resultados poñen de manifesto a necesidade de deseñar plans de formación específicos que atendan ás necesidades de formación e problemáticas específicas deste colectivo", conclúen tras a súa análise.
Ademais, consideran "necesario tamén expor novas modalidades formativas que vaian máis aló do formato de 'curso' ou 'seminario', incorporando recursos centrados na innovación e a reflexión sobre a propia práctica profesional como xornadas de intercambio de boas prácticas, talleres en grupos reducidos, apoio docente, etc".
E aconsellan o "desenvolvemento de accións formativas conxuntas entre as universidades en aras de reducir custos e ampliar a cobertura da formación do profesorado", ademais de "incrementar a oferta de cursos orientados ao desenvolvemento de competencias docentes, así como a formación en liña".
UNIDADE RESPONSABLE
Nesta categoría, nos tres casos o deseño e desenvolvemento das accións formativas dirixidas ao profesorado novel é xestionado por unidades de formación con diferentes denominacións e responsabilidades. Así, na Universidade da Coruña xestiónase a través da Unidade de Formación e Asesoramento (UFA). Dita unidade, creada no ano 2004, ten como misión facilitar a formación e proporcionar o asesoramento necesario nos diversos aspectos do proceso de ensino-aprendizaxe para o profesorado e alumnado da universidade.
O Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CETA) é a unidade responsable da formación na Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 2003 e ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento e aplicación das novas tecnoloxías na educación e a formación do profesorado.
E na Universidade de Vigo é o propio Vicerreitorado de Organización Académica e Profesorado o responsable desta tarefa.
DENOMINACIÓN
As tres universidades contan con programas de formación para o profesorado novel, sendo esta oferta formativa moito máis recente que a dirixida ao profesorado con experiencia. En liñas xerais, as autoras do estudo sinalan que a finalidade destes programas ou plans formativos é establecer un marco de formación destinado a que o profesorado novel poida adquirir as competencias docentes necesarias para o exercicio profesional como docente.
Estes programas reciben diferentes denominacións: Plan de Formación de Noveis na Universidade de Santiago de Compostela; 'Plan de Formación Inicial (PFI)' na Universidade da Coruña e 'Programa de Formación do Novo Profesorado' no caso da Universidade de Vigo.
DESTINATARIOS
Os destinatarios desta formación son profesores e profesoras con reducida ou nula experiencia na universidade, ou ben bolseiros e bolseiras en formación.
Máis concretamente, no caso da Universidade de Santiago de Compostela as persoas destinatarias desta formación son os investigadores Ramón e Cajal, Parga Pondal que non participan no Plan de Ordenación Docente ou InvestigadoresAngeles Alvariño e Bolseiros con Contratos Predoutorais (FPI, FP, María Barbeito, PREU).
O profesorado con catro anos ou menos de experiencia docente, así como os bolseiros con docencia recoñecida no Plan de Ordenación Docente, son os principais destinatarios do Plan de Formación Inicial (PFI) da Universidade da Coruña.
No caso da Universidade de Vigo, o Programa de Formación do Novo Profesorado está dirixido a todo aquel que ten reducida ou nula experiencia previa de ensino e/ou de coñecemento sobre a universidade.
CONTIDOS
Os contidos destes programas ou plans contemplan unha oferta de cursos variada, relacionada con ámbitos tan diferentes como a metodoloxía docente, as tecnoloxías da información e da comunicación, o desenvolvemento profesional, a saúde e prevención de riscos laborais, o Espazo Europeo de Educación Superior ou o contexto socioinstitucional e de traballo, todos eles organizados en bloques temáticos ou módulos formativos.
As tecnoloxías da información e da comunicación, así como as actividades formativas dirixidas ao desenvolvemento profesional son coincidentes nas tres universidades galegas.
As autoras do estudo destacan como singularidade os cursos ofertados na Universidade da Coruña sobre saúde e prevención de riscos laborais e o módulo formativo sobre experiencias de innovación educativa ofertado na Universidade de Vigo.
Estes cursos xestiónanse a través das propias unidades de formación, onde se poden consultar os datos de cada un deles (lugar, data e horarios), do mesmo xeito que o programa formativo correspondente. A oferta xeral de formación realízase ao iniciar o curso académico no caso da Universidade da Coruña e Vigo, ou ben de forma progresiva ao longo do ano, como sucede na Universidade de Santiago de Compostela.
MODALIDADE E METODOLOXÍA
O tipo de modalidade que se utiliza maioritariamente na formación de noveis é presencial ou semipresencial. A metodoloxía utilizada na formación é variable dependendo do tipo de curso ofertado e abarca desde a realización de traballos individuais e en grupo, seminarios e talleres de tipo práctico, ata discusións e análises en grupo, foros, etc.
SISTEMA DE AVALIACIÓN
A avaliación das aprendizaxes adquiridas polo profesorado novel realízase mediante diferentes sistemas. Nuns casos esíxese un número mínimo de asistencia que varía entre o 80% e 85%, e noutros casos é necesario presentar e superar un traballo práctico.
ACREDITACIÓN DA FORMACIÓN
A formación recibida é acreditada cun certificado de asistencia correspondente a cada actividade. Ademais, o profesorado novel que realiza un mínimo determinado de horas, variable dunha universidade a outra, pode obter un Diploma de Docencia Universitaria.
A modo de exemplo, as autoras do estudo comparan o caso da Universidade de Santiago de Compostela, onde o número de horas esixible é de 100, co da Universidade da Coruña, onde é de 200.
Tamén aclaran que nalgunhas universidades é necesario realizar un número de horas mínimo en cada un dos módulos formativos e mesmo un máximo de anos para poder finalizar o plan formativo. Así, por exemplo, a Universidade da Coruña esixe ao profesorado novel, por unha banda, un máximo de tres anos (prorrogables) para poder terminar o plan de formación inicial e, por outra banda, o seguinte número de horas en cada módulo formativo: Metodoloxía docente, 92 horas; Tecnoloxía Educativa e Ensino Semipresencial e a Distancia, 60 horas; Saúde e Prevención de Riscos Laborais, 24 horas; Contexto Socio Institucional e de Traballo, 24 horas.
MODELOS DIFERENTES PERO CON SEMELLANZAS
Nas súas conclusións, Ana Mª Porto Castro e Mª Josefa Mosteiro García valoran que as tres universidades públicas galegas conten con programas ou plans específicos de formación para o profesorado novel e, ainda que os modelos organizativos que ofertan son diferentes, "pódese dicir que comparten rasgos similares, ao igual que existe unha gran coincidencia no perfil dos cursos ofertados e no sistema de avaliación utilizado".
Tamén consideran que se fixo un "esforzo" nos últimos anos por "mellorar a formación" dos docentes das universidades galegas, "reflectido no incremento das accións formativas e no investimento realizado nelas".
Para as autoras deste traballo, "sen dúbida algunha, o proceso de converxencia e a posta en marcha do Espacio Europeo de Educación Superior (EEES) convertéronse nun dos motores deste impulso".

Ningún comentario:

Publicar un comentario