venres, 4 de novembro de 2016

A Xunta leva as Casas Niño ao rural galego

O Goberno galego desenvolverá ata o ano 2019 unha iniciativa para establecer na comunidade servizos de conciliación formalmente regulados co obxectivo de abordar o apoio á familia e á conciliación como unha das súas prioridades. Destinaranse á atención a menores de tres anos nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a abordar o apoio á familia e á conciliación como unha das súas prioridades. Deste xeito, desde a actualidade e ata o ano 2019 executarase unha medida pioneira na comunidade para o establecemento de servizos de conciliación formalmente regulados: as Casas Niño.

Este recurso destinarase á atención de nenas e nenos de ata tres anos nos concellos de menos de 5.000 habitantes do territorio da comunidade autónoma de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada para este tramo de idade, e proporcionará un total de 150 novas prazas de atención á infancia a través das 30 Casas Niño que se porán en marcha ata o ano 2019.

A Casa Niño ofrecerá unha atención integral e personalizada que comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade; e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

Este proxecto piloto desenvolverase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos e un mes cada doce meses no que a Casa Niño permanecerá pechada por vacacións. As familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/a profesional que desenvolva o proxecto.

Esta convocatoria de axudas subvencionará a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de Casa Niño así como o seu equipamento e dotación material e a prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos. As axudas para gastos de investimento serán de ata o 100% dos gastos, cun límite máximo global por Casa Niño de 15.000 euros.

A achega pola prestación da atención personalizada consiste nunha prima de 19.600 euros ao ano, destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. A convocatoria conta cun orzamento global de 2,5 millóns de euros destinados ao desenvolvemento deste proxecto ata o 31 de decembro de 2019 nun máximo de 30 Casas Niño.

Para acceder ao financiamento previsto é necesario que a Casa atenda a un mínimo de tres nenos.

En total concedéronse 30 axudas para a implantar estas Casas Niño e as persoas beneficiarias deben cumprir unha serie de requisitos como estar en posesión ou contar cunha persoa socia co título de técnico/a superior en educación infantil, co grao en mestre/a de educación infantil ou primaria, grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

Así mesmo, optaron ás axudas aquelas persoas que posúen o diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros profesionais das Casas Niño impartidos pola Xunta de Galicia, así como aquelas que presentaron formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

REQUISITOS. Os beneficiarios e beneficiarias dispoñen dun prazo máximo de dous meses, a partir da recepción da resolución da concesión, para acreditar o cumprimento de todos os requisitos establecidos pola convocatoria, entre os que figuran contar cunha vivenda dotada con sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores; unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de catro metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección de enchufes, portas e ventás; e un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos. Ademais, deberán dispoñer dun plan de actuación cos nenos e nenas para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na Casa Niño.

A posta en marcha deste proxecto piloto crea recursos de conciliación para as familias e oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego, fomenta o reequilibrio territorial e favorece a equidade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. Así mesmo, póñense en valor cualificacións maiormente posuídas por mulleres, o que favorece o seu acceso ao mercado laboral e a súa permanencia no territorio; e impúlsanse e apóianse as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixa ción de poboación ao territorio. As Casas Niño constitúen un recurso máis que a Administración autonómica pon a disposición das familias para facilitar a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, un obxectivo ao que tamén responden a Rede de Escolas Infantís dependente da Administración autonómica; as prazas en escolas infantís de iniciativa social; e o programa Bono Concilia, dotado para o curso 2016-2017 con máis de 3,4 millóns de euros.

APOIO Á NATALIDADE. As Casas Niño enmárcanse no PAN Concilia, un eixos do Programa de Apoio á Natalidade que a Consellería de Política Social puxo en marcha o ano pasado e que constitúe unha planificación ampla e seria que tenta erradicar o problema demográfico galego a través de tres ámbitos: axudas directas (PANAxudas), servizos (PAN-Servizos) e fomento da conciliación (PANConcilia).

O PAN-Axudas inclúe a Tarxeta Benvida que contribúe a paliar o custo que leva aparellado o coidado e a educación dos fillos nos primeiros anos de vida a través de axudas económicas e incentivos fiscais. Ademais da Tarxeta Benvida destacan neste ámbito a cesta benvida, a dedución fiscal por nacemento, a prestación pago único para os nenos menores de 3 anos, o aumento dunha dedución fiscal do 20% por nacemento ou adopción en municipios de menos de 5.000 habitantes, a exención do pago en escolas infantís para o segundo fillo que acuda ao mesmo centos ou as axudas para familias monoparentais.

As outras dúas áreas de actuación son o PAN-Concilia, para impulsar o desenvolvemento de medidas que faciliten o acceso e a permanencia no mercado de traballo podendo compatibilizar o desempeño profesional dos pais co coidado dos fillos, e o PAN-Servizos, que inclúe servizos básicos para as familias galegas co obxectivo de crear entornos favorables e mellorar o seu benestar.

Dentro do PAN-Concilia destacan medidas como o incremento de prazas na rede pública de escolas infantís, as Casas Niño, as campañas de sensibilización, as axudas para accións de conciliación, o distintivo para establecementos que apoien á atención dos nenos, o Bono Coidado, o Bono Conciliación, un proxecto para a apertura de escolas infantís en parques empresariais ou a aposta pola flexibilidade horaria e o teletraballo.

Dentro do PAN-Concilia destacan, ademáis das Casas Niño, medidas como o incremento de prazas na rede pública de escolas infantís, as campañas de sensibilización, as axudas para acción de conciliación, o distintivo para establecementos que apoien á atención dos nenos, o Bono Coidado, o Bono Concilia, un proxecto para a apertura das escolas infantís en parques empresariais ou a aposta pola flexibilidade horaria e o teletraballo.

O obxectivo do goberno autonómico é que Galicia sexa o mellor lugar para vivir e para formar unha familia, pero sobre todo, o mellor lugar posible para ser neno ou nena. Investir na atención á infancia aumenta a equidade dos resultados educativos e reduce os custes para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza. O desenvolvemento dunha política de conciliación eficaz tamén constitúe unha resposta clave aos retos demográficos a longo prazo.
A provincia de Lugo podería contar con sete centros
A provincia de Lugo podería contar con sete Casas Niño nos concellos de Begonte, Castroverde, o Corgo, Láncara, As Nogais, Portomarín e xermade. A Coruña contaría con dúas, en Cerdido e frades. en ourense estableceríanse 17, en Amoeiro, Baños de Molgas, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, entrimo, A Gudiña, Leiro, Lobios, Manzaneda, Maside, Monterrei, Piñor, Porqueira e A Veiga.

Pontevedra tería outras catro en Dozón, A Lama, Mondariz e Pazos de Borbén. trátase dunha listaxe provisional, pois os beneficiarios teñen dous meses para acreditar o cumprimento dos requisitos da convocatoria feita pola Consellería de Política Social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario