A Xunta reduciu o gasto en protección social en case 118 millóns de euros entre os anos 2010 e 2015, o que supón un 18,4%, porcentaxe só superada por Castela-A Mancha (-25,2%) e Illas Baleares (-24,3%), segundo datos dun estudo sobre políticas públicas territoriais de contido social.
Son datos do estudo 'La importancia de la explicación de las políticas públicas territoriales de contenido social', publicado por Óscar Romera Jiménez, do EAE Business School, en methaodos.revista de ciencias sociales, da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. O estudo analiza o gasto territorial liquidado en protección social no período 2010-2015, con información obtida das bases de datos das administracións públicas locais (concellos e deputacións), autonómicas e estatal.
Os datos mostran claramente que Galicia foi a terceira autonomía que máis recortou porcentualmente o gasto autonómico dedicado a políticas públicas de protección social durante os anos de crise do 2010 ao 2015, período que coincide coa primeira e segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo (PPdeG) á fronte do Executivo galego.
No conxunto das Comunidades Autónomas se produciu unha reducción do gasto tanto en termos absolutos como en relativos. Porén, o autor salienta que "a evolución dos recursos destinados polas CC.AA. ás políticas de gasto de servizos sociais e promoción social experimentaron un comportamento desigual", observándose unha "evolución asimétrica", con tan só catro autonomías nas que se aumentaron recursos e axustes no resto.
En termos absolutos, destaca a redución orzamentaria en Cataluña, con 373,8 millóns de euros; Castela-A Mancha, con 212,1 millóns, e Andalucía, con 163,5, seguidas por Castela e León, con 149,4, e Galicia, con 117,7.
Na evolución do gasto público per cápita en materia de protección social, Galicia tamén amosa indicadores moi negativos que a sitúan no grupo de cola. Así, o gasto per cápita pasou de 231,30 a 191,45 en termos absolutos, o que supón unha caída de -39,85, que coloca a Galicia no sétimo posto entre as autonomías que reduciron o gasto social per cápita, que só aumentou na Comunidade Valenciá (+30,55), País Vasco (+38,10), Asturias (+48,49) e Madrid (+52,58). Este indicador está condicionado parcialmente polo aumento ou descenso da poboación. Así, entre as once comunidades que perderon poboación entre 2010 e 2015 —incluída Galicia— só o País Vasco incrementou os recursos destinados a servizos sociais e promoción social. Por outro lado, só Madrid aumentou o gasto entre as que rexistraron un crecemento da súa poboación.
En variación relativa, Galicia é a cuarta autonomía que máis reduciu o gasto social per cápita, un 17,23%, só superada por Murcia (-18,43%), Castela-A Mancha (-24,46%) e Illas Baleares (-27,08%).
MÁIS GASTO DAS DEPUTACIÓNS E DO ESTADO E MENOS EN CONCELLOS E GOBERNOS AUTONÓMICOS
Os datos territoriais recompilados por Romera Jiménez sobre a utilización das políticas públicas de protección social amosan, en conxunto para toda España, "unha administración local que reduce en case un 20%, de 4.050 millóns de euros en 2010 aos 3.268M€ en 2015; unha maior dotación de recursos xestionados polas Diputacións, ao pasar dos 835M€ en 2010 aos 1.222M€ en 2.015; unha estrutura rexional que reduce nunha porcentaxe similar (-5,9%) os recursos destinados ás prestacións sociais, ao pasar dos 11.760M€ liquidados en 2010 aos 11.069M€ en créditos iniciais do ano 2015, e finalmente, un gasto estatal que se incrementa durante o período 2010 a 2015 en 8.201M€ até situarse nos 468.056M€, chegando a destinar o 40% do total do gasto liquidado durante este período a cumprir coa finalidade de protección social", expón o autor do estudo.
Romera Jiménez conclúe que, "baixo a perspectiva da valoración cidadá ou daquela que analiza a renda e a pobreza para este período", é obvio que se produciu "un deterioro acumulado cuxa consecuencia más inmediata se traslada nun crecente malestar polo empeoramento dos servizos relacionados coa protección social".
Ningún comentario:
Publicar un comentario