A Ceapa convocou unha folga de deberes durante as fins de semana do mes de novembroHai polémica por unha medida que é a máis contundente dentro dunha iniciativa (Na escola falta unha materia: o meu tempo libre) que, desde que comezara en setembro, agromou un debate que levaba anos latente pero non tan visible. Malia que hai asociacións de anpas que non están de acordo coa folga ou sindicatos e docentes que a critican porque consideran que sinala o profesorado e lles resta autoridade, todos os colectivos implicados coinciden en que abordar o tema é necesario e que os deberes só son "un síntoma" dun sistema educativo que precisa melloras.
En Galicia, a Confapa (Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos) -que forma parte da Ceapa estatal- apoia a folga pero afástase da polémica e matiza. "Máis que unha folga é unha campaña, un xeito de demostrar que o sistema educativo non funciona e que o tema dos deberes é o síntoma máis claro dun método memorístico e de excesiva carga de traballo que é errado", di.
"Máis que unha folga é unha cmapaña, o dos deberes é un sítoma dun sistema educativo que non funciona, baseado no método memorístico", di a ConfapaDesde a Confederación de Anpas Galegas, pola contra, coinciden na necesidade dun debate a fondo, pero discrepan da iniciativa, coa que están "totalmente en contra". Así, consideran dunha "enorme frivolidade" o xeito de levar unha reivindicación que si cren que "debe formar parte da axenda política" pero convidan as familias "a non escoitar o chamado a esta folga de deberes". "Negamos totalmente a conveniencia de promover calquera tipo de enfrontamento entre o alumnado e o profesorado. Non son os nenos quen teñen que resolver os problemas da educación, somos as súas nais e pais quen debe facelo no seu nome, e para o seu beneficio", critican.
As Anpas Galegas coinciden en abrir un debate de fondo pero ven na folga unha "enorme frivolidade" e convidan as familias a non secundalaNa Confapa, non obstante, aclaran que "a campaña non utiliza os nenos en ningún caso nin vai contra o profesorado". "Véndese iso pero non estamos en contra dos docentes, senón denunciando un sistema que hai que cambiar por arcaico, onde, por exemplo, hai ratios moi elevadas de alumnos que impiden que a atención sexa personalizada e provoca que se manden tarefas á casa".
En Nova Escola Galega entenden que é un debate "complexo" pero que hai que dar. "Hai moitos matices, pero hai argumentos nos que a campaña ten razón, como cando se alude á sobrecarga de traballo que ás veces existe ou á perda de tempo libre dos pequenos", di Mariló Candedo, a presidenta, que repara tamén no risco de discriminación que supoñen certas tarefas "pola diferente capacidade das familias para acceder a certos recursos externos", tal e como destacan tamén as Anpas Galegas. "É un sistema e un ensino moi revisable", insiste.
Nova Escola Galega entende que é un debate "complexo" pero necesario dar e advirte dun sistema de ensino "moi revisable"Porque as Anpas Galegas rexeitan "a utilización dos deberes escolares cando estes se utilizan como un método para ampliar o tempo lectivo dun xeito irregular, pretendendo así completar tempos docentes insuficientes". E tamén "cando se utilizan como un castigo por non ter avanzado na clase á velocidade estandarizada, desoíndo así a chamada de atención dunha necesidade específica non atendida; ou cando simplemente son repeticións do xa explicado e traballado en clase coa intención de que esa reiteración fixe datos e conceptos na memoria dos nosos nenos e nenas".
Outro tipo de 'tarefas'
En definitiva, un parecer moi semellante ao que manifesta Confapa, que insiste nas eivas dun "sistema memorístico". "A campaña é unha forma de comprobar tamén que os nenos que non teñen certas tarefas a fin de semana chegan máis descansados e motivados ás aulas o luns", di Helena Gómez, que advirte que son moitas as familias ás que unha carga excesiva de deberes "impide, por exemplo nos espazos urbanos, unha visita á aldea dos avós", algo que, consideran, non debería perder nunca a infancia.
Mariló Candedo, por exemplo, repara en que os tipos de deberes que moitas veces se mandan "trasladan tamén aos pais unha responsabilidade que non é súa" e advirte da conveniencia doutro tipo de tarefas "que conectan o ensino coa contorna dos rapaces" e que son tanto ou seguramente máis eficaces na aprendizaxe.
Todos os colectivos propoñen outras 'tarefas' que "conecten o ensino coa contorna" ou impliquen "deporte en familia"Desde a Ceapa, por exemplo, propóñense "actividades conxuntas en familia" que substitúan os deberes como visitas a lugares novos da cotorna, xogos colectivos, visitas a museos, deporte, abordar cuestións que preocupen aos nenos... "Hai cativos ben pequenos, de Primaria, aos que os cargan de tarefas de maneira esaxerada; deben ter tempo para eles, para ir aos parques, xogar ou practicar algún deporte", engade Helena Gómez, que insiste en que o traballo extra que os nenos levan para a casa só é unha parte dun debate moito máis fondo.
Tamén as Anpas Galegas cren que a dos deberes é unha cuestión que "debe ser tratada dentro do marco global de modificación do actual modelo educativo, baseado case en exclusiva na memorización e repetición". E consideran que debe facerse un debate "serio e rigoroso sobre o conxunto do modelo educativo, a utilización e a consideración do tempo dos pequenos como tempo propio e como tempo familiar" e no que "deben participar as familias". E piden que ese debate o dean "os maiores en nome dos nenos e nenas, que aínda non teñen os anos nin a formación para facelo, sen cargar sobre deles a responsabilidade de enfrontarse ao seu profesorado con mobilizacións que aínda que lles acaian, sonlles alleas no seu planeamento e organización".
Desde a Confapa insisten en que a folga e a campaña non empregan os nenos nin sinalan o profesorado e pretenden tamén ese debate "serio e rigoroso" de fondo sobre o sistema en conxunto. "Hai que destacar que a iniciativa tamén é unha forma de chamar a atención, de sensibilizar a sociedade sobre o tema e é evidente que iso estámolo conseguindo porque ata noutros países se está a falar e debater sobre a cuestión", di Gómez, que agarda que esta discusión impulse tamén o Goberno central para "que sente a facer de vez un sistema educativo consensuado". "E que se retire a Lomce", conclúe.
"A iniciativa tamén quere chamar a atención, sensibilizar a sociedade sobre o tema, e é evidente que iso estase conseguindo"Queda por ver cal será o éxito da convocatoria de folga de deberes. Segundo explica a Confapa, os pais que a secundan envían dous formularios ao centro, un ao director e outro ao titor do alumno, no que explican a súa negativa a que os fillos faganos deberes nas fins de semana. No caso de que llelos envíen igual, as familias informan a través dun xustificante de que o cativo non fixo as tarefas. As catro federacións provinciais en Galicia irán recollendo os resultados para, ao igual que a nivel estatal, ir contabilizando o seguimento da campaña. "É moi desigual porque hai pais que teñen certo temor e rapaces que si queren facer algún tipo de tarefas", lembra Gómez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario