xoves, 10 de novembro de 2016

O cannabis causa perda de memoria porque reduce a enerxía das neuronas

Un equipo de científicos descubriu que esta sustancia afecta á mitocondria, encargada de fornecer enerxía ás células do cerebro


Un equipo de científicos descubriu que o cannabis reduce a memoria porque afecta á mitocondria das neuronas, a encargada de fornecer enerxía ás células do cerebro. O achado podería ter implicacións no uso terapéutico dos fármacos cannabinoideos.

O traballo, publicado este mércores na revista Nature e dirixido por Giovanni Marsicano da Universidade de Burdeos, foi realizado en colaboración con científicos da Universidade do País Vasco (UPV), do Achucarro Basque Center for Neurosciencey, da Universidade Complutense e de varios centros de Canadá e Italia. Ata agora sabíase que tanto o cannabis natural como os fármacos sintéticos que se usan para combater a dor en enfermidades crónicas e o cancro, afectan á memoria porque dificultan a transmisión de mensaxes entre as neuronas provocando episodios de amnesia.

O traballo publicado este mércores vai un paso máis aló. Polo tanto, aínda que os derivados cannabinoides teñen un potencial terapéutico ben coñecido, o seu uso queda limitado polos importantes efectos adversos que presentan. "Por esa razón, o uso do cannabis con fins terapéuticos debería estar baseado nun xusto balance do risco-beneficio", opina Nagore Puente, do Departamento de Neurociencias da Facultade de Medicina da UPV.

Os resultados desta investigación "poderían ser de interese de cara ao desenvolvemento de novas ferramentas terapéuticas baseadas nos derivados cannabinoides máis eficaces e seguros no tratamento de certas enfermidades cerebrais".


O estudo demostra que a amnesia inducida require da activación dos receptores de cannabinoides CB1 localizados nas mitocondrias do hipocampo (a estrutura cerebral implicada na formación de memoria). A mesma investigación demostrou tamén que as alteracións neurofisiolóxicas que causan os cannabinoides son resultado dunha regulación aguda da actividade bioenerxética mitocondrial a través da activación directa dos receptores CB1 nas mitocondrias.

E é que, segundo o estudo, cando se activan os receptores CB1 mitocondriais, redúcese a respiración celular, o que non só ten lugar no cerebro, senón tamén no corazón e o resto de músculos do corpo. Por todo iso, "un mal funcionamento mitocondrial pode ter serias consecuencias no cerebro", advirte o neurocientífico da Universidade do País Vasco e coautor do traballo, Pedro Grandes.

"Por exemplo, a disfunción mitocondrial crónica intervén na patoxenia das enfermidades neurodexenerativas, o ictus ou os trastornos asociados ao envellecemento. Con todo, descoñecíase a implicación da modulación aguda da actividade mitocondrial en funcións cerebrais superiores", explica Grandes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario