martes, 29 de novembro de 2016

Contratos- programa: o neoliberalismo asalta os centros educativos

A Consellería vén de publicar as bases para a convocatoria e selección dos contratos-programa para o curso 16/17 e, coma sempre sucede neste procedemento, resulta un despropósito.

Tal e coma denunciamos todos e cada un dos cursos, os prazos de presentación das solicitudes (remata o 14 de decembro) fan que no STEG nos preguntemos se o alumnado non ten dificultades ata pasadas as vacacións de nadal. Que mellora se pode dar nos centros educativos cando pasa a metade do curso tan só para que se presenten as solicitudes?

Novamente, o feito de que só poida acceder a estes plans de mellora o alumnado a partir de 3º de primaria fainos dubidar de se o alumnado menor non ten dificultades, ou non é importante dotar de medios para aquelas crianzas a quen lles custa aprender a ler, a escribir e a adquirir habilidades matemáticas básicas.

De novo, coma todos os cursos, indícase veladamente que os centros que queiran acceder a estes programas deberán "colaborar", é dicir, que sexa o propio profesorado do centro quen imparta estas horas de docencia extra.

Pero o que nos resulta máis preocupante é a linguaxe que utiliza esta convocatoria, que transpira discurso neoliberal e ese espírito emprendedor que a LOMCE quere meternos con calzador (" Lograr un clima de aula e de centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe."; "Apoiar a evolución e a integración do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender"...) e sobre todo, a repetición ata a saciedade do termo "éxito escolar". Que entende a administración por "éxito"? Moito nos tememos que o seu éxito consiste tan só nos bos resultados académicos, e non en conseguir que o alumnado desenvolva todas as súas capacidades para formar unha cidadanía autónoma e crítica, que debería constituír o obxectivo do ensino público.

E xa, para rematar, no STEG estamos escandalizados de que a prioridade para a concesión destes programas sexa a participación nas reválidas, unha chantaxe inaudita para os centros educativos que non queiran someterse á disciplina neoliberal desta administración. Ou será que aquí nos queren meter pola porta de atrás ese aumento dos recursos para os centros que saquen mellores resultados nas reválidas?

No STEG seguimos opoñéndonos á convocatoria destes contratos-programa, xa que consideramos que deberían ser universais para todos os centros educativos que acreditasen estas necesidades, que non deberan aumentar o horario de traballo do profesorado e que en ningún caso deberan consistir na impartición de horas de clase a maiores para o alumnado que xa de por si ten dificultades.

Polo tanto, o STEG segue esixíndolle á Consellería que se quere aumentar o "éxito" do alumnado, o primeiro que debera facer é dotar aos centros dos recursos materiais e humanos que lles corresponden, sobre todo no referente ao profesorado de apoio, que reduza as ratios de alumnado para poder realizar unha mellor detección, diagnóstico e actuación temperá das dificultades do alumnado e que desvincule calquera dotación de recursos públicos aos resultados académicos ou das reválidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario