luns, 7 de novembro de 2016

O galego e o resto das linguas minorizadas esixen a protección da Comisión Europea

As linguas minorizadas esixen protección á Comisión Europea. O galego volveu ser un dos idiomas protagonistas na IV Asemblea Xeral da ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas) que se celebrou no estadio Camp Nou do Fútbol Club Barcelona, que amosou o seu apoio ao evento, e que contou coa recepción do president da Generalitat, Carles Puigdemont, e coa intervención da presidenta do Parlament, Carme Forcadell.
A Mesa pola Normalización Lingüística foi a representante galega neste encontro a través do seu presidente, Marcos Maceira, e de Paulo Filgueiras, secretario de relacións internacionais. Precisamente, o responsable da entidade asume unha das vicepresidencias da ELEN, na que Ferran Suay, de Acción Cultural del País Valencià, foi escollido presidente.
A Mesa denunciou o retroceso legal que sofre o galego: "Estamos nun proceso de estranxeirización do galego no seu propio país”
"A pluralidade lingüística é unha riqueza que hai que manter, protexer e pór en valor”, destacou Marcos Maceira, que denunciou o retroceso legal que está a sufrir o galego sobre unha "situación legal xa precaria e que impide exercer o dereito básico a vivir en galego". Para o presidente d'A Mesa, “estamos nun proceso de estranxeirización do galego no seu propio país”.
Foron trinta as entidades participantes nunha xornada das máis dun cento que forman a rede de ELEN, representativas de 42 comunidades lingüísticas. Todas elas puxeron en común as accións que desenvolven nos seus países, ademais de debater o labor a seguir para conseguir que a Comisión Europea asegure a protección ás linguas que non son oficiais na UE e que están minorizadas. Como destaca A Mesa, debateuse a respecto das "accións conxuntas e de apoio mutuo que se desenvolverán nas diferentes institucións europeas para o recoñecemento da pluralidade e a diversidade lingüística".
As entidades da ELEN piden sancións da UE para quen non aplique a Carta Europea de Linguas ou a Convención para a Protección das Minorías Nacionais
Todos os colectivos traballaron nun borrador de recomendacións nas que piden "a aplicación efectiva da Carta Europea de Linguas Rexioinais e Minoritarias e a Convención para a Protección das Minorías Nacionais [ambas do Consello de Europa] aló onde se ratificara, acompañada de sancións da UE de non aplicarse". Ademais, tamén piden o recoñecemento dos dereitos lingüísticos das minorías como un dereito fundamental e da discriminación lingüística como unha forma de racismo.
A Rede Europea pola Igualdade das Linguas pide considerar a discriminación lingüística como unha forma de racismo
De feito, Davyth Hicks, secretario xeral da organización internacional destacou como  ́o desprezo e a discriminación das linguas minorizadas é unha forma de racismo tal e como sinala o Consello de Europa ́".
Na xornada da ELEN, pola entidade anfitrioa, a Plataforma per la Llengua, interveu Òscar Escuder, que explicou que defender as linguas é “defender a democracia, os dereitos humanos e a cultura e que en Europa non se pode tratar 50 millóns de falantes de linguas minorizadas como se fosen cidadáns de segunda”.
Ademais, o directivo do FC Barcelona Jordi Moix tamén deu a benvida aos asistentes ao Camp Nou tras explicar que “desde hai 100 anos o catalán é a lingua oficial do Barça” nos documentos dun clube no que “sentimos que o compromiso ca cultura e o país é un valor intrínseco da nosa identidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario