A combinación explosiva entre o Decreto de “plurilingüísmo” e a LOMCE reduce aínda máis a presenza do galego nas aulas.
A Mesa pola Normalización Lingüística apoia a folga no ensino e as
concentracións que terán lugar mañá contra a LOMCE e a alerta de que a
aplicación desta reforma supón unha redución aínda maior da presenza do
galego nas aulas, tal e como vén de denunciar o sindicato CIG-Ensino
tras realizar un estudo da carga lectiva que terá cada unha das materias
coa aplicación da LOMCE.
Segundo este estudo o alumnado da ESO terá 31 horas de clases en
español fronte a 18 horas en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21
se cursa ensinanzas académicas.
Estas modificacións supoñen unha discriminación da nosa lingua
respecto ás reducións e limitacións xa contempladas no decreto 79/2010
onde se vetaba o uso do galego en matemáticas, física e química e
tecnoloxía.
Para A Mesa pola Normalización Lingüística, isto agrava a situación
xa creada polo goberno da PP na Xunta de Galiza tras a a aprobación
unilateral do Decreto 79/2010 contra o galego. Neste sentido, o
presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertíu de “que se realmente hai
vontade de actuar a favor do galego e aplicar os acordos tomados por
unanimidade a favor da lingua propia de Galiza, débese comezar polo máis
evidente” que, segundo sinalou, é que a “lexislación educativa desde
2009, vulnera todos os acordos anteriores polo que debe ser modificada”.
“A combinación da LOMCE e o Decretazo contra o galego é unha fórmula
explosiva contra o galego”.
Neste sentido, A Mesa apoia a folga convocada polo estudantado e a
participar nas concentracións convocadas pola Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público nas sete cidades e en Cee, Vilagarcía e
Carballo, en rexeitamento ás reválidas e á LOMCE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario