mércores, 4 de maio de 2016

A II Competición de Robots da UVigo dobra a cifra de asistencia respecto da anterior

A Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo acollía o pasado venres 29 de abril a II edición da Competición de Robots, un encontro que reuniu a máis de 900 alumnos e alumnas procedentes de 40 centros de toda Galicia para amosar as súas mellores creacións, feitas en equipo. Esta segunda entrega da iniciativa posta en marcha pola dirección do centro en colaboración coa Rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), puntuaba como proba para a Liga Nacional de Robótica de Competición (LNRC). Deste xeito, os 156 equipos da categoría WALL-E, encamiñada ao alumnado de ESO e Bacharelato, e os 15 formados para da modalidade R2D2, no que participaba tanto estudantado de titulacións universitarias coma de Formación Profesional, loitaron por facerse un oco no ámbito da robótica a nivel nacional.
Finalmente, o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas impúxose na categoría WALL-E para ESO mentres que o IES Frei Martín Sarmiento facíao na modalidade para Bacharelato. Na categoría R2D2 o premio foi para o Colexio La Paz da Coruña.
“É a primeira vez que facemos un robot”, sinalaba Adrián Vázquez, alumno de 3º da ESO do IES de Pastoriza de Arteixo. El e o seu equipo construíron a Furoca, un autómata que, recoñecen, “é bastante sinxelo de programar, simplemente é cuestión de cambiar as variábeis para que recoñeza cal é a traxectoria que debe seguir”, explicaba uns intres antes de competir na primeira proba do día.
E indo ao miolo da competición, na categoría WALL-E os robots tiveron que facer un rastrexo individual, no que debían seguir un camiño marcado no chan con cinta adhesiva, e seguidamente enfrontarse a unha modalidade colectiva de sumo na que gañaría o autómata que máis tempo resistira dentro dun ring cun diámetro dun metro.
Para a categoría R2D2, as probas foron as mesmas, aínda que a maiores os participantes disputaron as modalidades individuais de labirinto, no que debían entrar e seguir un percorrido para lograr saír del, e varredor, que tiña como obxectivo sacar catro latas dun recinto circular dun metro de diámetro.
E os premiados foron: na categoría de WALL-E de 1º a 3º da ESO o primeiro premio foi para o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, seguido polo IES Pastoriza de Arteixo e o IES de Tomiño. Na mesma categoría, pero para estudantes de 4º da ESO, o premio foi tamén para o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, pero desta volta seguido polo Alexandre Bóveda de Vigo e o Colexio Santa María del Mar da Coruña. Na modalidade WALL-E de Bacharelato, os gañadores foron os estudantes do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra que crearon a Sumo y Sigo, seguidos polos do IES Primeiro de Marzo de Baiona e o seu Jägger e o IES de Brión co robot Brión5.
Na categoría R2D2 o primeiro premio foi para APT GET Grupo, do Colexio La Paz da Coruña; o segundo para Os Tumbafentos, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e o terceiro para o Colexio Montecastelo. Todos eles recibiron 100, 75 e 50 puntos, respectivamente, para a súa clasificación na LNRC. Para concluír, o premio especial ao equipo máis orixinal foi por igual para dous robots, decisión tomada polo xurado dada "a enorme imaxinación e creatividade amosada por todos". Así, foi premiada a orixinalidade de Escalubur, do IES Auga da Laxe de Gondomar e a de Ferroláns, do IES Canido de Ferrol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario