luns, 2 de maio de 2016

A Mesa encara un novo ano con accións para contribuír ao avance da lingua

ASEMBLEA XERAL EN MONFORTE

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou este sábado en Monforte a súa Asemblea Xeral, de carácter ordinaria, na que se trazaron as principais liñas de acción até o ano que vén. Falamos co seu presidente, Marcos Maceira, que nos conta como se desenvolveu a asemblea.

Monforte acolleu na mañá do sábado unha concorrida Asemblea Xeral, convocada con carácter ordinario, da Mesa pola Normalización Lingüística na que a entidade marcou as principais liñas de acción para desenvolver durante o próximo ano e na que valorou o traballo acometido nos últimos meses. Marcos Maceira, o seu presidente, destaca a participación dos socios e socias e o balanzo do labor realizado, “a valoración por parte de todas as persoas que asistiron á reunión foi moi positiva e nesa liña continuaremos”, sinala.
O presidente da asociación subliña o labor das persoas socias e socios adheridos á Mesa, nun contexto no que falta apoio por parte das institucións. “Existe un desfase importante entre o apoio institucional que recibimos, que é mínimo, e o apoio social co que contamos. Grazas a ese apoio social e a pesar das limitacións, fomos quen de manter as actividades que realizamos”, acrecenta en declaracións a Sermos Galiza.
Maceira: "Somos case a única vía que existe tanto para esixir o galego naqueles ámbitos nos que non está como tamén para parabenizar a quen o emprega con normalidade"
Marcos Maceira afirma que A Mesa se centrou “en revisar o labor que se desenvolveu nos aspectos que no último ano incidiron en novos avances da lingua, tendo en conta que somos case a única vía que existe tanto para esixir o galego naqueles ámbitos nos que non está como tamén para parabenizar a quen o emprega con normalidade”.
En consonancia co acordado en Monforte, o presidente da Mesa salienta que “imos  darlle unha maior importancia a visibilizar aquelas iniciativas e colectivos que xa usan a lingua. Ademais, traballaremos por chegar a acordos con empresas de cara as animar a incorporar o galego na súa actividade diaria”. Outra das liñas de acción aprobadas pasa por resolver na medida do posíbel todas as denuncias que recibe a Mesa, a través da Liña do Galego, en relación aos incumprimentos lingüísticos e garantir a presenza de galego a todos os espazos.
"Acordamos insistir nas denuncias sobre o incumprimento arredor da lingua; en parabenizar a quen fai uso do idioma con normalidade e en seguir tecendo colaboracións a nivel internacional"
Pola outra banda, na Asemblea Xeral, a Mesa acordou afortalar o traballo nas zonas, tanto a nivel local como comarcal, así como ampliar o número de socios e socias, o “principal sustento” da asociación, e apostar en actividades creativas. “En definitiva, acordamos insistir nas denuncias sobre o incumprimento arredor da lingua; en parabenizar a quen fai uso do idioma con normalidade e en seguir tecendo colaboracións a nivel internacional”, subliña.
Marcos Maceira revela que nos próximas semanas a Mesa fará pública “unha nova ferramenta de denuncia e de parabéns” que contribuirá a impulsar e visibilizar o idioma.
Novos membros da Permanente
Na xornada da mañá do sábado, que tamén serviu para organizar o traballo de cara á manifestación nacional do 17 de maio, Día das Letras Galegas, aprobouse a incorporación dun novo membro á Permanente da Mesa, Celia Armas, a responsábel da asociación na Coruña, e Xosé María Cotelo, responsábel en Bergantiños.
Preguntado polo estado de saúde do galego, Marcos Maceira sinala que é “malo”, “todos os indicadores así o apuntan”. Porén, afirma que “o noso idioma ten posibilidades de medrar, pois cada vez máis xente é consciente da súa importancia e está disposta a actuar”. Anima a todas as persoas que aman o galego a se mobilizaren para reverter a situación da lingua. “Esa capacidade de mobilización é un dos traballos que ten a Mesa por diante”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario