A edil de Cultura sinala que os libros non se colocarán ata xullo, cando se dispoña xa do novo equipamento.
A biblioteca de Lalín conta con 24.000 volumes
catalogados, aos que se suman moitos máis pendentes de catalogación.
Movelos non foi tarefa fácil e agora queda colocalos. Onte o edificio,
situado no antigo consistorio, abriu xa as súas portas ao público. Fíxoo
no mesmo horario que tiña, de 9.00 a 21.00 horas, de luns a venres e os
sábados de 9.00 a 14.00 horas. Onte pola mañá, mentres os operarios
municipais, aínda se afanaban no traslado de parte do antigo mobiliario,
algunhas mozas estreaban xa as instalacións estudando na sala principal
da nova biblioteca.
No antigo local, situado na rúa F, un cartel advertía
aos usuarios que xa se realizou o traslado. A nova biblioteca ofrece
espazos diáfanos e un torrente de luz natural. Iso sen contar cunha sala
destinada especificamente a traballos en grupo e na que os usuarios
poidan falar sen ter que gardar o silencio que impera no resto das
instalacións. Á estrea sumouse unha conexión inalámbrica a Internet de
alta velocidade, externa e pública. A wifi do centro cultural conta
cunha rede wifi de alcance perimetral que poderá ser usada polos
veciños, que terán que rexistrarse, e chega ata a rúa Joaquín Loriga.
Unha sala para opositores e no piso de abaixo unha
sala infantil, un salón de actos unha sala de audiovisuais completan as
instalacións. A edil de Cultura, Lara Rodríguez, sinalou onte que os
libros da biblioteca permanecerán na súa gran maioría en caixas ata que
se dispoña dos novos andeis, aínda que se aproveitará tamén o xa
existente. Calcula que o novo equipamento podería estar instalado no mes
de xullo e será entón cando se coloquen os libros «porque non
podémosvos por ata que teñamos as andeis». Por esa razón a sala de
infantil estará pechada e dentro están depositados os volumes. A
biblioteca suma mais de 4.500 socios.
Firma do convenio con Cultura
Onte o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou co
conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o convenio para o equipamento
da nova biblioteca. A Xunta achega 40.000 euros que estarán destinados á
compra de mobiliario como mesas, butacas, cadeiras, un mostrador e os
novos andeis, A compra, apuntou a edil de Cultura, sacarase agora a
licitación. Cuíña agradeceu a colaboración ao conselleiro. A esta suma
unha axuda de 40.219 euros da Deputación, incluída dentro do Plan
Concellos, e que serviría para comprar mobles, equipos de seguridade,
sistemas informáticos e audiovisuais e reordenar o espazo exterior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario