No último ano rexistráronse en Galiza 27.800 empregados no ámbito cultural, 800 menos que en 2014, segundo os datos Enquisa de Poboación Activa (EPA) extraídos polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura.
A cifra amosa que se contén a evolución positiva do emprego logo de que en 2014 se rexistrase unha mellora significativa de ocupación neste sector. É unha das conclusións do documento de traballo (DT-OCG) “O emprego cultural en Galicia”, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega. Este documento, que analiza fontes da EPA, de afiliacións da Seguridade Social, de contratación e de paro rexistrado, destaca indicadores positivos no ámbito cultural se se compara co conxunto total de emprego en Galiza.O ano 2015 deixou cifras negativas para o emprego na cultura en Galiza, cun descenso con respecto ao ano anterior, ao rexistrar 800 empregados menos. Con todo, o DT do Observatorio da Cultura Galega destaca que a evolución do emprego neste ámbito é maior que no conxunto de actividades económicas da nosa comunidade autónoma. Segundo esta mesma fonte, o emprego cultural medra ininterrompidamente desde o último trimestre de 2012 e faino a mellor ritmo que o conxunto da economía galega agás no último trimestre de 2015, que rexistra unha lixeira baixada.
En relación con 2014, Galiza continúa por debaixo da media estatal, que se mantén no 2,9% e baixa dúas décimas. Iso fai que ceda dous postos na listaxe por comunidades autónomas e se sitúe por detrás de Madrid, Cataluña, Navarra, Baleares e Aragón.
Tipo de empregados
En Galiza hai 11.256 afiliados á Seguridade Social, o que supón un 1,2% do total en todos os sectores, que suma 937.414 afiliacións. Unha porcentaxe que, segundo este documento, se mantén estable nos últimos catro anos. A maior parte destas afiliacións correspóndense coa epígrafe de artes gráficas e reprodución de soportes gravados (un 27,2%) e coa de edición (21,4%). Séguenlles as actividades de creación, artísticas e de espectáculos, cun 18,2%, que ademais rexistran a maior suba, con 163 novas altas con respecto a 2014. Perde afiliacións a epígrafe que contabiliza os empregados de servizos de información, que pasa de 761 a 674.
Por provincias, A Coruña continúa a ser a que concentra un maior número de afiliacións, o 59,4% dos empregado culturais, seguida de Pontevedra, cun 26,8%. Ourense é a provincia cun menor número de empregados de ámbito cultural, con 691 afiliacións.
O paro
En 2015, o paro nas principais actividades culturais baixou en 552 persoas, co que se situou en 6763 parados. O documento tamén destaca que, por primeira vez desde 2011, a cifra de desempregados baixa dos 7000, aínda que neste ano había 599 parados menos que en 2015. Por profesións, os empregos relacionados coa “Información e comunicación” continúan a rexistrar as maiores baixadas, con 522 desempregados menos, mentres que na epígrafe das actividades artísticas, recreativas e entretemento se rexistran 30 desempregados menos.
O desemprego é maior nos homes (51,9%) que nas mulleres (48,1%) e, por idade, a franxa comprendida entre 25 e 49 anos continúa a rexistrar as maiores cotas de paro.
As contratacións
Para analizar as contratacións, o Observatorio da Cultura Galega toma datos anuais e a nivel autonómico do Servizo Público de Emprego. Segundo esta fonte, o número de contratos asinados nos últimos cinco anos subiu un 35,2%, o que supón 1248 máis. O incremento máis relevante ten lugar na sección de actividades artísticas, recreativas e de entretemento, cun 47,9%, á que, segundo este DT, “lle afecta de xeito moi significativo a estacionalidade”. No outro extremo está a sección de información e comunicación, que rexistrou unha perda de 2468 contratos con respecto a 2014 e se sitúa nos mesmos niveis que en 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario