Co obxectivo de difundir
os valores da programación informática entre os rapaces e os seus pais, o
Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en
colaboración coa Facultade de Informática da Coruña (FIC) organizará
o vindeiro día 7 de maio o evento Scratch Day no que os participantes
poderán acceder de forma lúdica e divertida ao mundo da programación, tomando
conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e
vehículo para o emprendemento.
O CPETIG quere
outorgarlle a este acontecemento un carácter familiar, polo que se dirixe
fundamentalmente a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, que acompañados dos
seus pais, poderán compartir unha xornada aprendendo e gozando da informática. A
implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que
os rapaces se sintan atraídos cara a programación informática, de xeito que
esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o
principio dun labor a seguir no fogar.
Con esta actividade
preténdense difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente
en idades temporás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.
A xornada comezará ás 9:30
horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10:00 e as 10:30 horas,
terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10:30 e as 13:30
horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en Scratch. A xornada
rematará ás 14:00 horas coa presentación dos proxectos.
No Scratch Day contarase
coa participación de profesorado experto en Scratch así como con monitores
xurdidos do curso
de Scratch para formadores que tivo lugar na FIC o pasado 22 de abril organizado
polo CPETIG e a FIC.
Este evento, do que está
previsto realizar máis edicións ao longo deste ano, encádrase dentro do
convenio de colaboración asinado entre o CPETIG e a AMTEGA o pasado 4 de abril,
e os interesados en acudir deberán inscribirse
a través da web, distribuíndose logo os asistentes en función da súa
experiencia previa con Scratch, xa que haberá tanto un obradoiro de iniciación
como outro de nivel avanzado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario