luns, 2 de maio de 2016

A Tecnópole convoca un concurso para celebrar o Día das Letras Galegas

Como todos os anos festexarase o Día das Letras Galegas o 17 de maio, unha xornada de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Esta celebración botaba a andar o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Emporiso, este ano o Día das Letras galegas adícaselle ao escritor Manuel María (1929-2004) e dende o ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole queren celebrar esta data cun concurso para buscar o mellor refrán en galego, no que se poderá participar vía Twitter ou correo electrónico.
O concurso, aberto a todas as persoas que traballan no Parque Tecnolóxico de Galicia, consiste en enviar o refrán favorito en galego a través da canle de Tecnópole en Twitter, precedido da referencia #omellorefrán, ou á conta de correo isabel@tecnopole.es. Valorarase de xeito especial: a sonoridade, o significado e a orixinalidade.
Informar que o prazo do concurso remata o 13 de maio e o gañador, que recibirá como premio un libro de Manuel María, darase a coñecer o día 16.
Achegándonos un pouco á figura de Manuel María Fernández Teixeiro, definímolo como poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, salientando o seu carácter combativo e mais o seu compromiso político. Naceu en Outeiro de Rei da Terra Chá (Lugo) o 6 de outubro de 1929, no seo dunha familia de labregos ben acomodada. En Rábade prepara o ingreso no Instituto cun mestre que lle fai descubrir a existencia da literatura galega nesa etapa inicial da súa vida. Inicia o Bacharelato no curso 1942-43 no Instituto Masculino de Lugo.
Antes de rematar o primeiro curso, en maio de 1943, morre o seu pai e faise cargo da súa educación o seu tío paterno, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade luguesa. Son anos duros e difíciles, que o futuro poeta vive como internado na Academia Galicia dos maristas até que no 1947-48 regresa ao Instituto para rematar o bacharelato. Sempre que pode retorna aos seus eidos, a Outeiro de Rei, onde vive días moi felices coa nai e cos irmáns, integrándose plenamente no mundo labrego. Precisamente é cun criado que traballa na casa, Manuel de Paderna, co que aprende a facer versos. Ademais da influencia cultural do seu tío crego (moi formado en Teoloxía, Filosofía e Literatura) nese tempo da adolescencia de Manuel María é para el lectura habitual A Biblia, a obra de Rubén Darío, os clásicos españois e a Xeración do 27. Manuel María morre na Coruña o 8 de setembro de 2004.

Ningún comentario:

Publicar un comentario