Un estudo desmonta o falso mito de que os mozos españois aspiran a conseguir unha praza pública, aínda que en Galicia son maioría os que desexan traballar para a Administración.
O informe 'E logo da Universidade, que?', promovido por Educa 2020 e Fundación Axa, revela grandes diferenzas entre as autonomías neste aspecto: os madrileños que queren emprender superan en seis puntos á media nacional (33,7%) porque, entre outros motivos, son "menos adversos ao risco". 'Empezaches ou tes pensado crear o teu propio negocio nos próximos anos?', reza unha das principais preguntas desta enquisa na que participaron 400 alumnos de Formación Profesional. Do total de entrevistados que teñen pensado emprender, o 18,8% quere abrir o seu propio negocio, o 1,2% aspira a continuar coa empresa familiar e o 3,4% a traballar como autónomo ou 'freelance'. En canto aos que pretenden traballar por conta allea, o 22,6% quere desenvolver a súa carreira profesional nunha multinacional e un 11% nunha pequena e mediana empresa.
Un 31,2% dos predispostos a emprender ten un pai ou nai empresario ou autónomo
Segundo detallou Michavila, a predisposición a emprender dáse "en todas as aulas, ramas, cursos, estudos", aínda que son os estudantes de enxeñería e arquitectura os que máis confían no autoemprego (32,7%), seguidos dos de ciencias sociais e xurídicas (28,5%), artes e humanidades (24,8%) e ciencias (19,2%). En canto ao perfil, un 31,2% provén dun fogar cun pai ou nai empresario ou autónomo e o 60% estudou nun colexio público.
Entre os principais obstáculos para alcanzar esa meta, os enquisados identifican as dificultades e a falta de financiamento (75,5%) como proncipal escollo, seguido das trabas administrativas (31%), a fiscalidade (21,9%), a falta de coñecementos (18,2%) ou a falta de apoio familiar (5,8%).
A crise trouxo como consecuencia o desenvolvemento dun maior espírito emprendedor, segundo sinalan os autores deste estudo, que tamén subliñan que a media de idade do futuro empresario baixou ata os 24 anos, grazas ao desenvolvemento tecnolóxico, que permite que desde casa monten o seu propio negocio. "A tecnoloxía produciu moito paro, pero está a permitir crear novos negocios", reflexionou Michavila.
A media de idade do futuro empresario baixou ata os 24 anos grazas ao desenvolvemento tecnolóxico
SECTORES PREFERIDOS. O estudo apunta que os sectores ideais para emprender, segundo os universitarios, son os servizos profesionais (16,2%), a mercadotecnia, a publicidade e o deseño (15,2%), a enxeñería (11,8%), o comercio (11,4%) ou a saúde (8%). Entre as motivacións dos estudantes españois para escoller o seu emprego ideal sitúase en primeiro lugar a de traballar en algo que lles gusta, seguida de ter un posto asegurado, traballar en algo relacionado cos seus estudos ou facer realidade un soño ou unha idea persoal.
Iso si, estas motivacións son distintas segundo onde vive o enquisado. Mentres para os andaluces e castellanomanchegos ter un posto de traballo asegurado é o seu obxectivo laboral, a maioría dos canarios e madrileños queren ser o seu propio xefe e os cántabros traballar noutro país e noutro idioma. En Aragón, Galicia e Murcia converterse en empregado público é o principal desexo dos universitarios en sectores como a Educación ou a Sanidade, algo que "desmonta o mito do funcionario de portelo", segundo advertiu Michavila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario