Conversamos con Julián Carretero, dono da Boiga de Cumias, unha casa de xantar situada no Val de Xátima. Un emprazamento xeográfico no que se fala o valego. Afincado en Estremadura mais a 16 km de Portugal Julián asegura que "falamos igual que vós".
Sorprende chamar a Estremadura e que, ao outro lado do fío, respondan en galego. Julián Carretero mora no Val de Xátima, un espazo a 16 km. da fronteira entre Estremadura e Portugal, que garda unha estreita relación con Galiza. Cando menos, lingüística.A fala, valego... como denominades a variedade lingüística no Val de Xálima?
No Val de Xálima hai tres pobos que o falan: San Martiño de Trebello, Valverde de Fresno e Eljas. O 100% dos habitantes do Val falamos na fala. Provén todo do mesmo, falamos o mesmo o que acontece é que en cada pobo teñen as súas alteracións. Así, en San Martiño dise mañego, en Valverde valverdeiro e en Eljas lagarteiro. Hai varios escritores que lle teñen posto valego polo significado da historia que provén de Galiza.
Cal é a orixe? Por que se fala galego nesa zona de Estremadura?
Hai varias teorías sobre este fenómeno. Decátate que nós falamos igual que vós. As tradicións son moi semellantes ás vosas. Hai estudos que din que foi unha repoboación galega antes mesmo da independencia de Portugal. Estamos a 16 km. da fronteira portuguesa, mais isto non ten nada a ver. Non hai recollido nada escrito mais podería falarse desde o século XII. O que si hai é moita tradición galega, cantares, gastronomía, os topónimos... De feito o prato típico son fabas con berzas, semellante ao caldo galego pero máis contundente. No Val de Xátima vivimos xente diferente, con idioma propio, dentro de Estremadura.
Ti tes un restaurante...
Si. A Boiga de Cumias. A boiga aquí é como unha adega. E só compoñemos pratos orixinarios de aquí. Neste senso, temos unha variedade gastronómica moi diferente á da rexión que habitamos.
Cantas persoas falan valego en Xálima?
Nos tres pobos todo o mundo o fala, desde que nace. Temos un castelán perfecto porque o aprendemos na escola, mais na casa mantense a fala. En San Martiño, que é onde eu vivo, moramos arredor de 800 persoas. No Val pode haber máis de 7 mil persoas.
"No Val de Xátima o 100% das persoas falan a fala na casa, entre nós"E a mocidade? Mantense o coñecemento e uso ou, en troca, tende a desaparecer?
A situación que temos aquí non é a mesma que en Galiza. No Val de Xátima o 100% das persoas falan a fala na casa, entre nós. A xente que está fóra, eu teño unha irmá que non vive aquí, fala mañego. A que leva 40 anos en Alemaña, Euskadi ou na vosa terra, fala igual que seus avós. Date conta que por tradición e cultura comezas a falalo mais por vergoña hai quen deixa de facelo, como vos acontece a vós. A xente nova non se dá conta da riqueza que ten. Na variedade está a riqueza da cultura.
Existe algúnha organización en defensa da fala?
Si. Estaba a Asociación Fala e Cultura que levaba un académico da lingua galega, quen escribiu varios volumes sobre a historia da fala. Agora fundouse A Nosa Fala. Unha asociación en defensa da fala entre os tres pobos e que procura agrupar todos os proxectos culturais da zona. O obxectivo é facer forza.
En 2001 considerouse o valego BIC. Cal é a posición do goberno de Estremadura a respeito da lingua?
O anterior goberno foi unha cascarallada. Non apoiou a cultura da fala e o fenómeno lingüístico e cultural que se dá no Val de Xátima. Tivo que vir xente como Xosé Henrique Costas da Universidade de Vigo para preocuparse por isto. Desde o goberno de Estremadura non se fai o que se ten que facer.
"Non hai nada escrito nen de historia da lingua nen de gramática. Ademais os profesores veñen de fóra"Na escola non se imparten aulas de valego?
Non, mais aquí tampouco hai nada escrito nen de historia da lingua nen de gramática. Ademais os profesores veñen de fóra. Eu aposto máis en que a cultura se manteña nas casas, que non se perda, porque os pobos van a menos, a xente marcha e os que veñen de Madrid non o aprenden.
Pola Boiga de Cumias pasa moita xente, de dentro e fóra de Estremadura, como reaxen cando vos escoitan falar?
Sorpréndense. A xente pregunta, mais isto que é? Hai moita xente en Cáceres que non coñece este fenómeno. Din: 'Isto que é?' Portugués?' unha mestura entre galego e portugués?'. Bon, antes de existir Portugal xa estaba o Reino de Galiza. Agora estase a facer un Centro de interpretación da fala porque moitos tampouco saben que responder cando lles preguntan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario