luns, 16 de marzo de 2015

Román Rodríguez insiste en deixar as "pelexas" e traballar "en positivo" polo galego

O conselleiro de Cultura di que o idioma non é patrimonio de "ningún partido" e amosase aberto a avaliar e "matizar con agarimo" as propsotas de Queremos Galego. Di a que sustentabilidade financieira das universidades non é o seu "principal problema".

Román Rodríguez quere pasar páxina ao clima de enfrontamento que había entre os sectores de defensa da lingua e o seu predecesor no cargo, Jesús Vázquez. Por iso, nas súas primeiras manifestacións como conselleiro de Cultura insistiu na necesidade de chegar a consensos sobre o galego.
 Esa mensaxe foi a mesma que transmitiu este domingo nunha entrevista na Radio Galega. "Temos que deixar de pelexarnos todo o día polo galego, ou pensar que o galego é dun partido político", dixo. "É unha riqueza que temos como país que abre moitas portas nun mundo cada vez máis globalizado", declarou.
 Por iso, destacou que o seu obxectivo co novo decreto en materia educativa é obter un "equilibrio lingüístico no ensino" e apostar polo uso do galego, actualmente "en situación de debilidade", xa que "o seu ensino está garantida nos centros de estudos".
 Sobre o decreto do plurilingüismo dixo que potencia o galego, o castelán e o inglés pero insistiu en que desde o gabinete que representa están dispostos "a traballar en positivo pola lingua en todos os ámbitos" para achegar normalidade á cuestión idiomática.
 Neste sentido, destacou o plan de dinamización do galego no ámbito empresarial que puxo en marcha para que "facerlle ver" ao colectivo socioeconómico "que o uso do galego é útil, incluso unha oportunidade de negocio que abre portas en ámbitos que até o momento non estaban tan claros, como o da lusofonía".
 De feito, mostrouse aberto á hora de ter en consideración as propostas de plataformas como "Queremos Galego". "Estamos nun debate aberto e por iso non hai unha verdade absoluta, por iso, algunhas das propsotas poderían ser avaliadas e matizadas con agarimo", dixo, xa que desde o Goberno deben realizar unha "formulación xeral" para o conxunto da sociedade e non tanto para unha parte "tan específica", sinalou.
 Román Rodríguez tamén falou da sustentabilidade financeira do sistema universitario galego, da cal asegurou que este non é o seu principal problema, se non "a especialización" das titulacións, a procura de sinerxías e "a internacionalización". Arranxos que, segundo dixo, pasan por unha "reorganización do sistema" a fin de conseguir unha xestión compartida do recurso que posibilite manter a partida orzamentaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario