Crear é experimentar. O labor literario, artístico,
plástico, adquire cotas referenciais cando se trata de procurar o
novo, o nunca visto, homenaxeando ao mesmo tempo todo o que se fixera
até ese intre. Buscar en todo o sentido termo semella ser un dos
piares da web Poetic@.gal, unha
nova iniciativa en liña que é coma unha praza dixital con múltiples
vieiros que desembocan nela, que parten dela, e cuxas contornas
artéllanse nas seguintes áreas/seccións: Teoría do banal,
Ciberpoesía, Epitafio e Postdata. A
“praza dixital” foi argallada e inaugurada polo escritor galego
Fran Alonso, autor de obras tan referenciais como Silencio,
Males de cabeza ou o
libro de poemas Transición, achegas
nas que latexaba, noutro formato, a mesma arela de innovación que
vén de propiciar Poetic@.gal.
No texto de presentación da web fornécense unhas
cantas claves sobre a natureza do novo proxecto de Fran Alonso:
"Múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da
publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do
slogan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da
música, do emoticono, da canción infantil e de materiais
lingüísticos de procedencia diversa". Polo tanto, como
ben lembran dende a canle dixital do CCG, estamos ante unha
páxina que amais de complementar o texto literario que lle dá nome
e do que abrolla (o poemario Poetic@s), afonda en como se
relacionan todos os seus elementos, impulsando o debate sobre as
razóns de ser da poesía cunha obra participativa “na que o
hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode
cambiar o sentido do poema”, engade o autor. E así co resto dos
elementos multimedia que acompañan a obra/web e que son tan ricos,
por separado e en conxunto, como para influír decididamente nas
sensacións que nos provocan os poemas.
Segundo apunta o Consello da Cultura Galega, estamos
sen dúbida ante un proxecto pioneiro no desenvolvemento da poesía
electrónica en Galicia. Non só por todo o devandito, senón pola
extensa variedade dos elementos que agardan polo lector que se
mergulle nestas páxinas: vídeos, fotografías, audio de recitados,
ambientes sonoros, tests, adiviñas, sinaturas en liña ou ligazóns
externas. O propio Alonso explica que a intención era “meter un
pouco de todo, sobre todo das redes sociais. Tiña moito interese en
Twitter, Tumblr e Facebook. Pero en xeral os recursos que introducín
eran os que ía pedindo o texto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario