mércores, 11 de marzo de 2015

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, defendeu no Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular

O PP votou en contra, rexeitando restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar o ensino público.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, defendeu este martes 10 de marzo no Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza. O PP, fiel á súa liña, defendeu a súa xestión e utilizou a súa maioría parlamentaria para laminar esta Iniciativa que viña avalada por 23.000 sinaturas.


Louzao comezou a súa intervención denunciando os “numerosos e incesantes ataques” sufridos polo ensino público galego e acusando ao PP de ter imposto modelo “clasista, segregador, mercantilista e españolizador” que “persegue e despreza o ensino en galego, recorta os dereitos laborais e salariais do profesorado,  desprestixia o seu traballo, limita o dereito á educación e elimina a igualdade de oportunidades”.

Acusou á administración educativa de ser “insubmisa” ás resolucións xudiciais e á consellaría de “obstaculizar” o traballo do Valedor do Pobo, ignorar os ditames do Consello Escolar de Galiza e minguar a capacidade de negociación da Mesa Sectorial. Cualificou esta actitude de “prepotente, autoritaria e antidemocrática”, denunciou a súa submisión aos mandatos de Madrid e responsabilizouna de ter utilizado a Galiza “como laboratorio experimental da política máis reaccionaria e antigalega do PP”.

 Acusou tamén ao goberno de Feijóo de “liquidar” a gratuidade de libros de texto; o acordo retributivo do profesorado; a ampliación dos cadros de persoal dos centros de infantil e primaria; a redución do horario lectivo do profesorado; o dereito do persoal substituto a cobrar os meses de verán; a ampliación das  licenzas por estudos; a suspensión dos concertos educativos aos centros que segregan o alumnado por razón de xénero e o deber de impartir matemáticas e o 50% das materias  en galego. A isto engadiu a supresión do programa Preescolar na Casa “única e exclusivamente, por ser integramente en galego” e a degradación dos servizos escolares no rural.  

Afronta constante ao profesorado

Xunto a isto denunciou tamén as afrontas constantes ao profesorado pola falta de diálogo da consellaría, a redución salarial nun 20% desde 2009; a supresión da paga extra de decembro de 2012 e a redución das de 2013, 2014 e 2015; a ampliación do horario lectivo; a obriga de realizar funcións alleas á docencia; a penalización salarial por enfermar e a liquidación da xubilación LOE.  

Cualificou de “devastadora” a supresión de máis de 3.000 postos docentes ao saír á oferta pública só 583 prazas nos últimos catro anos, mentres se xubilaban máis de 4.000 profesores/as, o que provocou que hoxe, máis de 1.200 docentes impartan materias das que non son especialistas; o aumento das itinerancias, contratos a tempo parcial, despedimento de profesorado interino e que outro pasara a ser substituto, explicou. Lembrou  ademais que desde o ano 2009, os orzamentos destinados ao ensino público decreceron en 680 millóns de euros, un 33.5%, cando as cantidades destinadas aos concertos educativos diminuíron en moito menor grao.  

As consecuencias da LOMCE

O secretario nacional da CIG-Ensino explicou ademais que a LOMCE -cuxa aplicación está a ser un “despropósito”- implanta un modelo educativo “neoliberal” que viu agravar aínda máis este panorama e do que dixo que é “máis selectivo e clasista, desautoriza o profesorado, lamina a xestión democrática dos centros, subvenciona o descoñecemento do noso idioma, segrega o alumnado mediante itinerarios, reválidas  e titulacións distintas no ensino obrigatorio e nega un ensino  galego, científico e laico”, dixo.  

Decreto para o plurilingüismo

Cualificou o Decreto de Plurilingüismo de “atentado contra a normalización lingüística” por eliminar o ensino na nosa lingua na educación infantil nos ámbitos español-falantes e prohibir a ensinanza en galego das materias técnico-científicas que, porén, poden impartirse en inglés. Unha desconsideración que se constata, explicou, na diminución dos orzamentos destinados a normalización nun 67%. 

Considerou que é “unha verdadeira ameaza para o futuro da nosa lingua” e inseriuno na “cruzada do PP contra o idioma” que se manifesta tamén en decisións como a de suprimir a obriga de, como mínimo, realizar unha das probas en galego para acceder á función pública, o desmantelamento das galescolas, a supresión da liña en galego en educación infantil, a redución das axudas aos equipos de normalización e o despedimento do profesorado que impartía os cursos  Celga, para os que pediu a inmediata readmisión, toda vez que hai xa máis de 30 sentenzas que “confirman a actuación represiva e ilegal da Consellaría de Educación”. 

Un sistema educativo novo            

Anxo Louzao explicou que foi precisamente este panorama educativo “desolador” o que levou á CIG-Ensino a promover esta ILP que propón, ao longo do seu articulado, un Estatuto Galego da Función Docente; o restabelecemento dos salarios e das pagas extras; a suba dos salarios como mínimo igual ao IPC; a percepción do 100% en situación de IT e a supresión das taxas de reposición. Isto xunto un modelo de xestión democrática dos centros educativos que pasa por elixir de forma directa as direccións.

Explicou ademais que pretende “contribuír a termos outro sistema educativo, verdadeiramente galego e unha educación pública de calidade, inclusiva, equitativa, gratuíta e universal, imprescindíbel para conseguir unha sociedade máis igualitaria, xusta e democrática”. Un sistema educativo “inserido na nosa realidade nacional, para que dea resposta acaída ás necesidades da educación en Galiza” que conte cos orzamentos e recursos necesarios, remate coa privatización e camiñe cara absorber todas as competencias en materia educativa.

Apoio dos grupo da oposición

A ILP contou co apoio de todos os grupos parlamentarios agás o Partido Popular. Na súa representación foi a deputada María Soledad Piñeiro Martínez quen manifestou a oposición a esta Iniciativa Lexislativa Popular por considerar que supón unha emenda á totalidade do modelo educativo do PP. Un modelo que defendeu e que asegurou que está avalado polos respaldo dos galegos e galegas que apoiaron ao partido que sustenta o goberno da Xunta.

Ante isto e no quenda de réplica o secretario nacional da CIG-Ensino puxo en cuestión tanto a súa lexitimidade como a do PP. Lembrou que a CIG-Ensino, promotora desta ILP, si obtivo o respaldo da inmensa maioría do profesorado, que foi ademais quen asinou de forma masiva a Iniciativa. 

Desmontou así os argumentos da deputada do grupo parlamentario popular á que acusou de ter unha “habilidade sobrenatural para inventar a realidade”. Denunciou, fronte a defensa do programa Avalar e dos centros plurilingües que nin sequera foi quen, o PP, de garantir a igualdade de oportunidades para todo o alumnado e para todos os centros, como tampouco fixo esforzo algún por mellorar o ensino en linguas estranxeiras formando ao profesorado axeitadamente.

Pero sobre todo acusou ao PP de tratar, deste xeito, de reducir a presenza do galego que, asegurou, “non ten futuro se non se imparten as aulas na nosa lingua”, porque o aprendizaxe do español está garantido.

E non só iso. O secretario nacional da CIG-Ensino demostrou ademais que o Partido Popular carecía de lexitimidade porque ningún dos puntos que figuraban no seu programa electoral referidos ao ensino, aos que deu lectura, se cumpriron.

Podedes ler a ILP na súa totalidade, así como o CIG Informa sobre a mesma na seguinte ligazón 
Documentos
Defensa toma en consideración ILP Defensa Ensino Público http://www.cig-ensino.gal/descargas/Defensa%20toma%20en%20consideraci%C3%B3n%20ILP.pdf

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario