xoves, 19 de marzo de 2015

Chaman a secundar masivamente a greve do 24M contra as políticas ‘’letais’’ para a universidade

Organizacións sindicais e estudantís informaron das manifestacións previstas nas sete cidades e do paro convocada para o vindeiro día 24 de marzo contra o ‘Decreto 3+2’. ‘’Queren desmantelar e privatizar o sistema público”.

Sindicatos e organizacións estudiantís compareceron para explicar os motivos da greve do vindeiro 24 de marzo na universidade galega e as accións previstas para un protesto que se ergue contra as políticas educativas que “afondan na privatización do ensino, desmantelan o sistema público e limitan o acceso ao ensino superior”, en palabras de Anxo Louzao, de CIG-Ensino.
O secretario nacional do sindicato nacionalista alertou, neste sentido, sobre o Decreto 3+2, do que dixo “é letal para as universidades públicas” e denunciou que persegue limitar o acceso ás clases populares e favorecer a súa mercantilización e privatización. Un decreto que contextualizou na política educativa do PP, que se traslada ao goberno galego, coa que se pretende acabar co público.
Universidade elitista
Este decreto é para sindicatos e organizacións estudiantís un chanzo máis de todo un bloque de medidas orientadas a crear unha universidade elitista e ao servizo da empresa privada. “Teñen  previsto modificar o acceso á función docente cun sistema de acreditación menos transparente, menos imparcial e menos obxectivo que vai supor unha menor calidade”, dixo Anxo Louzao. A isto engadiu que tamén se pretenden flexibilizar os criterios para a creación de universidades privadas.
O sistema universitario galego viu reducidos os seus orzamentos nos últimos 5 anos en 86 millóns de euros, perdeu 350 profesor@s e 1.287 investigadores.
Advertiu que a pretensión do PP é desviar os mestrados á privada, que hoxe xa ten un peso máis alto na oferta de mestrados que as universidades públicas e que isto provocará que haxa menos profesorado, menos calidade e menos investigación.
O sistema universitario galego que ten un precario financiamento, afirmou, moi lonxe do 1% do PIB que sería necesario para ter un ensino da máxima calidade. E viu reducidos os seus orzamentos, nos últimos 5 anos en 86 millóns de euros, incrementáonse as taxas tanto de matrícula dos graos como dos mestrados, destruíuse emprego, “con máis de 350 profesor@s menos, o que se corresponde con aproximadamente o 8% menos nos cadros de persoal e en 1.287 investigadores”.
Unidade
O secretario nacional da CIG-Ensino subliñou ante isto que hai máis que razóns suficientes e salientou que, de feito, a gravidade destas medidas fixo que todas as organizacións sindicais convocantes desta folga, CIG, CCOO,UGT e CSIF, uniran criterios nunha plataforma na que están todos representados e representadas.
En representación das organizacións estudantís -Comités, Liga, AGIR, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes- falou Mónica Martínez que  tamén fixo un chamamento a todo o estudantado universitario e non universitario a secundar esta folga e as mobilizacións convocadas nas sete cidades. “Temos que demostrar que o estudantado galego está en contra, que queremos unha universidade pública e de calidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario