xoves, 19 de marzo de 2015

O proxecto do CESGA e a USC para acadar ensaios a distancia, referente estatal e europeo

A experiencia levada a cabo polo CESGA e a USC para acadar concertos a distancia cun mínimo de latencia vén de ser reflectida en detalle pola Plataforma SINC, medio de comunicación referente (a nivel estatal e internacional) en materia de divulgación científica e tecnolóxica. A plataforma lembra que os traballos conxuntos do Centro de Supercomputación de Galicia e a Universidade de Santiago dirixíronse a facer posíbel a antiga arela de músicos de todo o mundo de poder tocar xuntos malia as longas distancias que os puidesen separar. Até o de agora, os principais atrancos eran a latencia e o retardo. Os experimentos de demostración en vivo con tecnoloxías musicais pioneiras, amais de apoio e entrega de músicos profesionais, fixeron realidade o devezo. Segundo se apunta, estamos ante unha iniciativa pioneira a nivel estatal.
Botouse man, en primeiro lugar, da tecnoloxía LOLA (LOw LAtency), desenvolvida polo Conservatorio Giuseppe Tartini de Trieste en consorcio con GARR (a rede italiana de investigación) e trátase dun software e de unha especificación hardware que se emprega para a transmisión de audio e vídeo de alta definición minimizando a latencia entre os dous extremos dunha conexión en liña.
Pola súa banda, lembra SINC, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o equipo de Canle Campus da Universidade de Santiago de Compostela (dirixido polo profesor Xaime Fandiño) tiraron proveito de LOLA para levar a cabo experimentos no camiño de lograr que músicos separados por milleiros de quilómetros puideran ensaiar un concerto cun mínimo de latencia (é dicir, que a actuación musical fose sincrónica sen importar os quilómetros que afasten aos artistas).
Como lembramos daquela, o músico e compositor galego Pablo Novoa foi o encargado de interpretar desde Cáceres, xunto ao violinista italiano Sebastiano Frattini (que estaba a 2.700 quilómetros en Trieste, Italia), dous temas musicais moi coñecidos: Sunny de Bobby Hebb, tema popular en anos 60, e Get lucky, canción do grupo francés Daft Punk.
Segundo explica Natalia Costas, técnico superior de telecomunicacións do CESGA e responsábel do experimento, “no noso proxecto emítese tamén vídeo, polo que existen requisitos adicionais en todos os elementos da cadea: o ancho de banda, a fiabilidade e a latencia na comunicación do sinal de vídeo; así como a capacidade de procesado dos servidores, sistemas de captación de imaxe e proxección, cableado, etc”. O obxectivo destas experiencias, engade Costas á plataforma de divulgación, é que se acheguen á percepción que temos de tempo real e que sexan o máis síncronas posíbeis entre ambos os fluxos, audio e vídeo. O proxecto é pioneiro en España, apunta SINC, “e tan só existen outras probas anteriores en redes de investigación europea e americanas”.
Polo que respecta a Nova, comenta o seguinte: “Cando me propuxeron participar nesta experiencia aceptei encantado, son licenciado en Químicas e foi unha forma de unir as dúas caras da miña vocación”. E engade: “Conseguir gravar ou tocar a distancia abre un campo enorme para a colaboración entre músicos e para dar clases sen ter que desprazarse, ademais todo avance para diminuír a latencia é moi beneficioso para mellorar as gravacións musicais e audiovisuais”.
Segundo apunta Costas a respecto do potencial da tecnoloxía, “esta pódese aproveitar directamente na docencia musical, as performances e ensaios a distancia, ou as videoconferencias high end, permitindo en última instancia reducir os desprazamentos e, por tanto, os custos”. Asemade, indica, poden pensarse aplicacións noutros eidos, como a telemedicina (medicina a distancia), “nos que a comunicación audiovisual con mínima latencia é importante”.
No que atinxe ao nivel de latencia que achegan outras tecnoloxías, a investigadora apunta a que hai que xente arestora que dá clases musicais por Skype, pero aceptando sempre un nivel de retardo que, por outra banda, non impide intercambiar música. Conclusión: podemos intercambiar música, si, pero aínda estamos lonxe de tocar a distancia agás a un nivel experimental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario