O PP rexeitou tomar en consideración a iniciativa lexislativa apoiada por máis de 22 mil docentes e defendida pola CIG.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, defendeu esta terza feira (10 de marzo) a toma en consideración da ILP para a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado galego. A iniciativa lexislativa contou coa adhesión de 22.918 mil persoas. Porén, a forza maioritaria da Cámara, o Partido Popular, rexeitou a súa tramitación argüíndo que a proposta era, en realidade, "unha emenda á totalidade" á política educativa do PP.Neste senso, embora contaren co voto favorábel das forzas da oposición e co apoio da maioría d@s docentes galeg@s, o Parlamento nen sequer dará trámite á ILP.
E non se trabucaba a voceira popular, María Soledad Piñeiro cando asegurou que o debate xiraba arredor de "dous modelos educativos". Certamente, as intervencións no salón de plenos do Pazo do Hórreo evidenciaron dúas formas de entender o ensino.
O PP defendeu que o seu modelo educativo é "innovador", "versátil" e "equitativo"E é que, mentres Louzao denunciou a "mercantilización" e "privatización" do ensino que están a supor os sucesivos recortes orzamentarios e a aplicación dun novo marco normativo exemplificado na LOMCe, desde o Partido Popular defenderon a súa aposta no que definen como un "modelo innovador", "versátil" e "equitativo" que, dixo María Soledad Piñeiro, foi "avalado" até en dous procesos electorais pola cidadanía.
Da ILP presentada pola CIG-Ensino desde as bancadas populares aseguraron que reflicte unha "visión tremendista" e "destrutiva" que "non se sostén". "Non existiu, existe ou existirá un ataque ao ensino público" aseverou Piñeiro.
Mais desde a central sindical nacionalista e as forzas da oposición retrucaron con datos as afirmacións populares. Para alén da taxa de reposición imposta por vía legal, Anxo Louzao deu conta das perto de 4 mil xubilacións que non foron cubertas nos últimos anos provocando a destrución de miles de postos de traballo entre @s docentes. Aliás, sinalou, "máis de 300 unidades escolares" foron suprimidas como tamén escolas rurais ou programas educativos encamiñados á poboación do interior do país, como Pre-escolar na casa.
Anxo Louzao deu conta das perto de 4 mil xubilacións que non foron cubertas nos últimos anos provocando a destrución de miles de postos de traballo entre @s docentesAsí mesmo, desde a CIG-Ensino lembraron a política laboral que está a aplicar a Consellaría de Educación co profesorado e que deixa se a metade do salario durante os primeiros tres días de baixa a aqueles ensinantes que teñan unha baixa por enfermidade corrente ou accidente non laboral. Para alén, de que moitas destas ausencias non están a ser cubertas.
Así é que exixiron un Estatuto da función docente que restitúa os salarios e pagas extraordinarias suprimidas en 2010, tamén a actualización do salario do persoal docente "cando menos" igualándoo á suba do IPC, a supresión das taxas de reposición e a dotación do persoal preciso, quer docente quer administrativo, para facer fronte ás necesidades escolares. Tamén, exixiron a retirada daquelas normas que consideran "perniciosas" para os dereitos do profesorado e a calidade do ensino, a comezar pola LOMCE.
A CIG ispe o programa electoral do PP
Mais aí, o PP non amosou disposición. "Queren converter os profesores en delegados sindicais" afirmou ao tempo que situou Galiza como o territorio do estado onde a ratio de estudantes por aula é inferior. María Soledad Piñeiro defendeu a xestión e política educativa do seu partido lembrando os resultados electorais de 2009 e 2012. Resultados que presentou como "aval". Mais, Anxo Louzao espiu o programa electoral do PP na quenda de réplica.
"Iso é gañar mais con trampas", asegurou dando leitura a algúns dos puntos que compuñan as promesas populares en canto ao ensino. "Non afogar Pre-escolar na casa", "aumentar a escolaridade no rural", "avanzar na redución da ratio de alumnos por aula", "mellorar a consideración social dos mestres", "reducir os horarios ao profesorado maior de 50 anos", explicou. "Cumpriron isto?".
Ningún comentario:
Publicar un comentario