luns, 23 de marzo de 2015

Familias de Rois non enviarán os seus fillos ao colexio por ''incumprimentos'' nos horarios

A directiva da Anpa San Isidro do CPPI Os Dices iniciará a segunda feira esta mobilización, que terá duración ‘’indefinida’’. Lamentan o “pouco interese” da Consellería en atender os problemas do centro.

A partir desta segunda feira, 23 de marzo, familias de Rois non enviarán os seus fillos ao CPPI Os Dices deste concello coruñés. Unha medida que adoptan con carácter “indefinido” e fartos de agardar por unha solución ás problemáticas do centro que veñen denunciando de vello. En concreto dúas delas, a perda de 50 minutos semanais de docencia para os alumnos de secundaria e o incumprimento do descanso e do tempo para xantar ao mediodía que marca a lei, e que afecta a todo o alumnado.
A directiva da Anpa San Isidro do CPPI Os Dices de Rois informa que se reuniron a comezos de marzo con Inspección Educativa para anunciarlle que, se ninguén da Consellería de Educación se reunía con eles nun prazo breve, “as familias non levariamos os nosos fillos ao centro durante un periodo de tempo indefinido”.
Pasaron días sen ter resposta. AANPA comunicoulles a representantes da Xunta que o 23 comezarían co protesto. “E pasada semana convocáronnos, a través do alcalde de Rois, a unha xuntanza na Xefatura Territorial da Coruña para o día 18, na que íamos asistir acompañados do alcalde e do director do CPPI. Esta xuntanza foi confirmada pola Xefatura Territorial por  vía electrónica o día 17 de marzo”. Mais, afirma a Anpa, “cal é a nosa sorpresa cando o propio 17 ás 14:45 horas a Xefatura Territorial desconvoca a xuntanza a golpe de teléfono e por mail”.
Chegados a este punto, “á vista do pouco interese de Educación”, a asociación reitera que o próximo luns 23 as familias do CPPI Os Dices “non imos levar os nosos fillos ao centro; esta medida prolongarase de maneira indefinida ata que se nos propoña unha solución. O propio luns faremos unha concentración diante do colexio”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario