O portavoz do BNG denunciou o "envellecemento" que atinxe o sistema universitario galego nun encontro con profesorado, estudantes e pesoal de servizos da UDC.
Xavier Vence criticou esta segunda feira nun encontro con persoal docente, de servizos e estudantes da UDC o "avellentamento" que atinxe o sistema universitario galego. O portavoz do BNG asegurou que Galiza posúe o "persoal universitario máis envellecido de todo o Estado español" logo de afirmar que "só 35 docentes teñen menos de 30 anos".Un feito, salientou, que "dificulta a capacidade docente e investigadora das universidades" e que se está a facer notar na "calidade da investigación e da docencia" en Galiza.
Tres propostas
Na súa conversa con representantes dos tres sectores que compoñen a comunidade universitaria (estudantado, PAS e PDI), Xavier Vence --catedrático de Economía-- trasladoulles o rexeitamento do BNG ás políticas que está a desenvolver o Partido Popular "tanto desde o goberno central como desde a Xunta" e que, dixo, ten no 'decreto 3+2' a última "agresión frontal" á universidade pública.
Vence propuxo incrementar até os 450 millóns de euros o orzamento destinado ao sistema universitarioNeste senso, o voceiro nacionalista trasmitiulles tres propostas encamiñadas a reverter a situación actual que atinxe o sistema universitario galego. En primeiro lugar, Vence propuxo un incremento da dotación anual mínima destinada a financiar as universidades pasado dos actuais 380 millóns de euros a "450 millóns" en 2016-2020.
Aliás, propuxo un "programa de bolsas suficiente" para garantir o acceso aos estudos superiores de todas aquelas persoas que, contando "con aptitudes" puidesen quedar fóra da universidade "por razóns económicas".
Finalmente, desde o BNG propuxeron "manter o sistema de graos" actual en troca da implantación do 'decreto 3+2' pois, denunciou Vence, este "implica a degradación da formación universitaria" e "suporá o encarecemento dos estudos superiores".
Ningún comentario:
Publicar un comentario