E as mobilizacións convocadas nas 7 cidades para o día 24 de marzo.
Organizacións sindicais e estudantís
galegas compareceron este mércores, en rolda de prensa conxunta, para
facer un chamamento a secundar as manifestacións previstas nas sete
cidades e a folga convocada para o vindeiro día 24 de marzo contra o
Decreto 3+2. Un chamamento que as organizacións estudantís fixeron
extensivo tamén ao estudantado non universitario. Anxo Louzao,
secretario nacional da CIG-Ensino, alertou de que este Decreto “é letal
para as universidades públicas” e denunciou que persegue limitar o
acceso ás clases populares e favorecer a súa mercantilización e
privatización.
Anxo Louzao: “O Decreto 3+2 é unha medida letal para as universidades públicas galegas”
Louzao
lembrou que o Decreto 3+2 aprobado polo goberno vén reestruturar os estudos
universitarios que, até o de agora, se impartían en ciclos de catro anos máis
un mestrado de un ano e agora pasan a ter 3 e estenden os mestrados a 2 anos.
Contextualizou esta proposta na política educativa do PP, que se traslada ao
goberno galego, coa que se pretende “afondar na privatización do ensino,
desmantelar o sistema público e limitar o acceso ao ensino superior”.
Este
decreto é para CIG-Ensino un chanzo máis de todo un bloque de medidas
orientadas a crear unha universidade elitista, allea ás clases populares e ao
servizo da empresa privada. E así o explicou Louzao quen alertou de que
“teñen previsto modificar o acceso á función docente cun sistema de
acreditación menos transparente, menos imparcial e menos obxectivo que vai
supor unha menor calidade”.
A isto
engadiu que tamén se pretenden flexibilizar os criterios para a creación de
universidades privadas para aliviar os criterios para a súa posta en marcha e
denunciou que a consecuencia máis inmediata de todas estas reformas será
“expulsar as clases populares do ensino universitario, restrinxindo o
acceso a quen o poida pagar”.
Neste
sentido, denunciou tamén que o 3+2 vai supor degradar os estudos universitarios
e provocar que a cualificación sexa “insuficiente” e “inservíbel” se non se ten
un mestrado. “As matrículas van ser inalcanzábeis ao seren os mestrados moito
máis caros que os graos.
Advertiu
que a pretensión do PP é desviar os mestrados á privada, que hoxe xa ten un
peso máis alto na oferta de mestrados que as universidades públicas e que isto
provocará que haxa menos profesorado, menos calidade e menos investigación.
Con
todo, para a CIG-Ensino é especialmente grave a fenda na división social e de
clases que vai ter esta medida entendendo que “van ser exclusivamente os e as que
poidan pagar quen, no mellor dos casos, poderán facer un grao”. Neste sentido,
comparou o novo sistema coa Formación Profesional á que só se pode acceder co
bacharelato superior e os ciclos son de dous anos e declarou que “o nivel que
se acade con esas titulacións vai ser moi semellante ao acadado coa formación
profesional”.
Ao seu
entender isto vai golpear con “máis dureza e crueldade” o sistema universitario
galego que xa ten un precario financiamento, xa que está moi lonxe do 1% do PIB
que sería necesario para ter un ensino da máxima calidade; que viu reducidos os
seus orzamentos, nos últimos 5 anos en 86 millóns de €; que viu
incrementadas as taxas tanto de matrícula dos graos como dos mestrados e que se
destruíu emprego, con máis de 350 profesores/as menos, o que se corresponde con
aproximadamente o 8% menos nos cadros de persoal e en 1.287 investigadores.
Para
Louzao estas son as mostras máis evidentes de cales son os obxectivos que
perseguen tanto o PP como o Ministro de Educación e a propia Consellaría de
Educación, da que denunciou a súa “actitude submisa” coas posicións “máis
ultras do punto de vista ideolóxico, máis privatizadoras e máis en contra do
que debe ser a igualdade de oportunidades e o acceso ao ensino superior de
todas as clases sociais”.
O
secretario nacional da CIG-Ensino subliñou ante isto que hai máis que razóns
suficientes e salientou que, de feito, a gravidade destas medidas fixo que
todas as organizacións sindicais convocantes desta folga, CIG, CCOO, UGT e CSIF,
uniran criterios nunha plataforma na que están todos representados e
representadas.
En representación das organizacións estudantís -Comités, Liga, AGIR, Acción
Universitaria e Sindicato de Estudantes- falou Mónica Martínez que tamén
fixo un chamamento a todo o estudantado universitario e non universitario a
secundar esta folga e as mobilizacións convocadas nas sete cidades. “Temos que
demostrar que o estudantado galego está en contra, que queremos unha
universidade pública e de calidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario