mércores, 25 de marzo de 2015

O programa Apego para a transmisión do galego aos nenos fará comunidade na Rede

Este 23 de marzo presentouse no consistorio de Compostela o programa Apego, unha iniciativa impulsada por unha ducia de concellos galegos que se dirixe a fortalecer as canles de transmisión do galego de cara as novas xeracións, precisamente as máis necesitadas de ambientes onde se fale a nosa lingua con total normalidade. Amais do de Santiago, xuntan forzas en Apego os Servizos de Normalización Lingüística dos seguintes concellos: A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo. A iniciativa, que está aberta e convida á participación de todo tipo de axentes políticos e sociais comprometidos coa conservación da lingua, terá espazo en liña de seu para informar do desenvolvemento do programa e permitir o acceso a materiais de apoio.
Ademais, crearase comunidade TIC para dar acubillo ás familias que aposten pola crianza en galego ou que estean interesadas nela. Na comunidade terán información específica e máis todo tipo de recursos de apoio.
As accións devanditas e as restantes que acubille o proxecto serán deseñadas conxuntamente polos concellos participantes. O obxectivo é crear unha imaxe homoxénea sen que iso sexa incompatíbel coas realidades concretas de cada concello. Amais da web, a rede comunitaria e o deseño común haberá campañas informativas off line (nos espazos decote empregados para atender ás mulleres nos embarazados e ás familias interesadas en adoptar), material para as mulleres que vaian ter unha crianza (libros, álbums, colantes) e a edición de 5.000 CD de acollida para os novos nacementos e adopcións cunha escolma de música que se adapte aos diferentes intres da crianza.
A iniciativa foi impulsada por técnicas e técnicos dos Servizos de Normalización Lingüística dos devanditos concellos. Apego comezará a súa andaina por volta do mes de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario