O Erasmus galego-portugués queda en nada. Só docentes, investigadores e persoal de servizo das universidades poden acceder a estas axudas a pesar de ser deseñadas para estudantes. O PSdeG denuncia que Alberto Núñez Feijóo faltou á verdade.
Unha bolsa, pero sen bolseiro estudante. Este foi o modelo elixido por los gobernos de Galicia e Portugal para vender o Iacobus,
un programa de intercambio universitario entre centros galegos e do
norte portugués, financiado con diñeiro europeo, que, nun principio ía
ser para estudantes, e que, finalmente, quedou para docentes e
administrativos.
E, por iso, este programa, comeza a ser duramente criticado polos partidos da oposición. A Xunta sempre defendeu que está inspirada no programa Erasmus
de intercambio universitario da Unión Europea –entre estudantes--. De
feito, na súa primeira fase de convocatoria presentáronse 191 candidatos
das tres universidades galegas de oito centros do norte de Portugal, e o
62% obtiveron unha bolsa.
Pero, estes beneficiarios non foron estudantes, senón
73 docentes, 30 investigadores e 15 empregados dos servizos
administrativos e de servizos. Nunha segunda fase foron 223 solicitudes,
das cales 119 obtiveron bolsa para eses programas de intercambio, e,
novamente, os afortunados foron docentes e investigadores.
O programa Iacobus, dotado con 300.000 euros pola Unión Europea,
integra ás universidades galegas de Vigo, Santiago de Compostela e A
Coruña, así como á Católica Portuguesa do Porto, a de Minho e a de Tras
Os Montes e Alto Douro, e aos institutos politécnicos do Porto, Viana do
Castelo, Bragança, Cávado e Ave.
Fontes da administración consultadas por GC destacan que este programa “é fume”
e “vai quedar en nada”. “Estaba deseñado para estudantes e, por falla
de dotación orzamentaria, finalmente destinouse a docentes e persoal de
Servizos”, engaden. Ademais, critican que o tempo de estancia –dúas
semanas como máximo-- impide que se realicen proxectos docentes
“sólidos”.
Por iso, o deputado do PSdeG José Luís Méndez Romeu criticou este programa
na Cámara galega. Foi o director de Relacións Exteriores da Xunta,
Jesús Gamallo, quen se encargou de defendelo e de suliñar que "beneficia
a estudantes de terceiro ciclo e bolseiros, ademais de persoal de
servizos". "Se quere propolo para os -estudantes- de primeiro de
carreira, dígao", espetoulle ao deputado socialista.
Méndez reprochou que "os estudantes foron esquecidos"
nese programa de bolsas, de maneira que os fondos europeos "non
cumpriron o destino preciso" para o que foron asignados. “Alberto Núñez
Feijóo faltou á súa palabra, xa que se perdeu o compoñente de
intercambio de estudantes universitarios que el defendeu desde o
primeiro momento”, engadiu.
Por iso, lamentou que se converteu en "tan retórico como foi
tradicionalmente a relación -de España- con Portugal", pero considerou
que os requisitos para obter as bolsas están "carentes de obxectivos
avaliables" e concluíu que favorecen a "estancia de persoal
administrativo dunha semana en Portugal" e supoñen un "malgasto de
axudas europeas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario