xoves, 26 de marzo de 2015

Os centros de ensino reciben cartas esixindo o pagamento dun canon pola proxección de filmes

O pasado mes de decembro a Consellaría de Educación remitiu aos centros de ensino unha circular na que se lles lembraba aos docentes a prohibición de proxectar filmes completos ou calquera outro material audiovisual na súa totalidade, segundo o previsto na Lei de Propiedade Intelectual. Nas aulas, segundo a norma, si se poderán exhibir fragmentos de obras audiovisuais sempre que "tales actos se fagan unicamente para a ilustración das súas actividades educativas", que a difusión teña lugar no horario lectivo, "que se trate de obras xa divulgadas" e "que as obras non teñan a condición de libro de texto, manual universitario ou publicación asimilada". Na circular, Educación advertía de que, no caso de que non se respectasen estes límites, as xestoras de dereitos poderían esixirlles aos centros autorización previa e mesmo poderían demandar compensacións económicas.
A Consellaría acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano
Posteriormente a Consellaría acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano. Así se recolle nunha carta remitida este martes 24 de marzo aos centros educativos polo director xeral en España de Motion Picture Licensing Company que pon á súa disposición “unha licenza anual para poder utilizar os contidos audiovisuais polo prezo acordado coa Xunta de Galicia de 1.25€ ao ano por alumno/a, IVE non incluído”.
CIG-Ensino considera "totalmente inaceptábel e inxustificábel que a Consellaría en lugar de facilitar o uso gratuíto e total dos recursos audiovisuais mercantilice e facilite un negocio a conta dos centros educativos, malia que ano tras ano teñen recortados os orzamentos para o seu funcionamento". Esíxelle ademais á Consellaría que "de inmediato prohiba o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos e que garanta a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico tal e como se viña facendo até o de agora". Engade que "é impropio dunha administración educativa que propicie e alimente un negocio privado a conta dun servizo que a administración educativa está obrigada a facilitar". De igual xeito, fai un chamamento ás direccións dos centros e ao profesorado "para que non paguen ningún imposto por realizar o seu traballo e que continúen usando todo tipo de ferramentas que son necesarias para realizar o seu traballo coa maior eficacia posíbel".
CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que "de inmediato prohiba o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos e que garanta a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico"
O sindicato lembra que "a utilización, reprodución e exhibición de material de carácter audiovisual, fotográfico ou plástico é algo inherente á práctica docente" e que "o seu uso é imprescindíbel na maioría das materias, xa que facilita, acompaña e ilustra a aprendizaxe, a comprensión, a reflexión e a visión crítica". Así mesmo, sinala que "a renovación e a innovación pedagóxica non pode entenderse sen o uso de todo tipo material, recursos e soportes nos que se manifesta a cultura, as artes plásticas, audiovisuais e artísticas e que deben estar á disposición dos centros" e engade que "é incomprensíbel intentar limitar a tarefa docente exclusivamente ao uso do libro de texto e desbotar  o uso dos recursos cinematográficos, musicais, documentais nas aulas".
Se todos os centros pagasen a cantidade acordada entre a Consellaría de Educación e a Motion Picture Licensing Company, esta empresa privada recibiría 325.000 euros anuais máis IVE
CIG-Ensino xa levara o tema á Mesa Sectorial realizada o día 10 de febreiro de 2015 para solicitar a derrogación da circular distribuída en decembro, sinalando que consideraban "unha irresponsabilidade da Consellaría" o "trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso dos recursos audiovisuais". "Se hai conflito cos xestores deses dereitos, debe ser a Consellaría a que pague o uso dos mesmos e non os centros”, engadía.
En Galicia hai ao redor de 260 mil alumnos e alumnas pamtriculadas nos centros públicos de ensino non universitario. Se todos os centros pagasen a cantidade acordada entre a Consellaría de Educación e a Motion Picture Licensing Company, esta empresa privada recibiría 325.000 euros anuais máis IVE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario