Motion Picture Licensing Company cobrará 1,25€ por estudante en concepto dunha suposta licenza.
Así o indica nunha circular enviada o 24 de marzo. O diñeiro será recadado pola transnacional Motion Picture Licensing Company a cambio dunha licenza.A CIG-Ensino denunciou esta quinta feira (25 de marzo) o contido dunha circular remitida desde a transnacional Motion Picture Licensing Company, unha empresa dedicada á concesión de licenzas para a "difusión de información referente á propiedade intelectual", segundo explican no seu portal web.
No documento indícase ás direccións dos centros o prezo que deberán pagar pola emisión de materiais audiovisuais con fins educativos. A contía, 1,25 euros por alumno e ano, foi acordado coa Xunta de Galiza, salientan, e responde á decisión [14/2014] adoptada pola Consellaría de Educación en Nadal de 2014 pola que se limita a reprodución e exposición deste tipo de obras de acordo co previsto na Lei de Propiedade Intelecutal.
CIG-Ensino chama as direccións e o profesorado dos centros a non pagar o "imposto" e a continuar coas proxeccións como até o de agoraUn "imposto"
A central sindical nacionalista exixira xa en febreiro a "derrogación da circular 14/2014" ao considerar que a Consellaría estaba a trasladar o conflito cos xestores deses dereitos aos centros de ensino, en troca de asumir ela propia os hipotéticos custes derivados da propiedade intelectual. Porén, "non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino, senón que, posteriormente, acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano", sinalan.
A contía, pactada, visa a contratación dunha "licenza anual para poder utilizar os contidos audiovisuais", explican. Mais desde a CIG reclaman da Consellaría de Educación a prohibición "inmediata" do devandito cobro e que poña fin ao "negocio de empresas privadas nos centros educativos". Aliás, lanzan un chamamento ás direccións e ao profesorado para que non paguen ningún "imposto por realizar o seu traballo". Neste senso, instan a insubmisión demandando das equipas docentes que continúen a usar, como até o de agora, estas ferramentas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario