martes, 24 de febreiro de 2015

Mesa redonda: achegamento a Afonso Daniel R. Castelao. 25 de febreiro ás 19.30. Museo do Pobo Galego. Santiago

Dentro dos actos de divulgación da vida e obra de Castelao en apoio á ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo Pobo Galego,  promovida pola Federación Galiza Cultura, a AS-PG, a CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística, terá lugar esta cuarta feira (mércores) ás 19.30 no Museo do Pobo Galego en Santiago a mesa redonda: Achegamento a Afonso Daniel R. Castelao, coa presenza de tres expertos na súa vida e obra: Paulo Porta, Xoan Carlos Garrido e o membro da permanente da Mesa Manuel Rei Romeu. No acto participará tamén a coral da Asociación Cultural e Musical Solfa,

A tecnoloxía e a transformación da escola

O obxectivo é un modelo pedagóxico no que os alumnos aprendan máis e mellor.

O sector da tecnoloxía educativa non parou de crecer nos últimos anos, as patentes disparáronse e as expectativas económicas son moi prometedoras, como o demostra o feito de que moitos fondos de investimento están a apostar polas startups deste sector. De feito, as cifras de negocio non cesan de crecer e mesmo en lugares onde se recortaron os presupostos públicos en educación, como en Estados Unidos ou en Reino Unido, o gasto público en tecnoloxía educativa seguiu crecendo. Isto poderíase tomar como un claro indicio dunha progresiva transformación da educación grazas á combinación de custos máis baixos dos equipamentos, a multiplicidade de contidos dixitais e a incesante creación de aplicacións que, xunto a unha poboación xa versada no seu uso, compórtanse como os ingredientes para unha tormenta perfecta. Algunhas iniciativas recentes como os MOOC (acrónimo de Massive Online Open Courses, a nova xeración de cursos abertos e a distancia ofrecidos por grandes universidades) testemuñan que a tecnoloxía dispoñible, no sentido máis amplo do termo, permite facer as cousas doutra forma: ensinar e aprender de modo moito máis eficiente á par que consoante coas expectativas e demandas da sociedade e a economía do coñecemento.
No caso específico da escola, tanto en Europa coma en boa parte de América Latina existen innovacións educativas que só foron posibles grazas aos últimos desenvolvementos das industrias tecnolóxicas, pero, por regra xeral, trátase de casos particulares. Non obstante, a inevitable pregunta de en que países os sistemas escolares conseguiron maximizar as oportunidades que ofrece a tecnoloxía, é dicir, a onde habería que ir para apreciar en toda a súa riqueza e complexidade unha innovación educativa sistémica grazas á tecnoloxía, non ten unha resposta doada. Unha ollada aos resultados do último estudo PISA mostra que os primeiros lugares están ocupados indistintamente por países cun uso comparativamente baixo da tecnoloxía na escola (Finlandia, Corea do Sur ou Xapón) xunto con outros onde as cifras acreditan un uso moi elevado (Singapore, Países Baixos ou Estonia). A conclusión que cabe extraer desta ambivalencia é, sinxelamente, que a calidade dos resultados en educación non ten que ver tanto coa presenza ou ausencia de tecnoloxía coma coa pedagoxía adoptada e as condicións en que se aplica na aula. Neste sentido, as competencias profesionais dos profesores, e as facilidades e incentivos para o seu desenvolvemento continuo, son a clave. Así, cando esas competencias son óptimas, o recurso á tecnoloxía permite mellorar a calidade dos procesos de aprendizaxe e, ao mesmo tempo, expandir o horizonte do que se pode aprender; algo moi evidente, por exemplo, no caso das ciencias experimentais e sociais. Cando estas condicións non se dan, a irrupción de máis tecnoloxía nas escolas tradúcese, xeralmente, en novos problemas.
As competencias profesionais dos profesores, e as facilidades e incentivos para o seu desenvolvemento continuo, son a clave
Cando se descende ao nivel do centro escolar ou da aula os claroscuros da contribución da tecnoloxía á transformación da educación esváense. Existe unha verdadeira transformación da escola, pero estase a dar, para empezar, entre bambolinas. É silenciosa, case imperceptible, pero real. En efecto, os datos acreditan que nos países europeos unha abafadora maioría de profesores son usuarios habituais da tecnoloxía na súa vida privada, pero o máis sorprendente é que tamén son agora maioría os que empregan solucións tecnolóxicas para a preparación das súas clases. Os usos administrativos escolares prodíganse igualmente, incluíndo o crecente uso de plataformas que facilitan a comunicación con alumnos e familias fóra do horario escolar. Os alumnos, pola súa banda, non necesitan que ninguén lles explique como aproveitar a tecnoloxía para dar saída ás tarefas escolares, aínda que non o fagan sempre do xeito desexable faltos, como acostuman a estar, de apoio educativo neste ámbito. No traballo docente na aula a tecnoloxía fixo fortuna como ferramenta de presentación, pero aínda non para a personalización da aprendizaxe e aínda menos para a tan desexable transformación dos procesos. Non obstante, pouco a pouco, o círculo vai estreitando, lenta e caladamente.
Hai que aproveitar esta ventá de oportunidade. Dar un impulso a esta transformación pedagóxica significa, unha vez máis, empezar por achegarse máis aos profesionais da educación e analizar, con eles, as súas necesidades e partir delas para suxerir solucións pedagóxicas que, en moitos casos aínda que non sempre, incorporarán compoñentes tecnolóxicos. Isto explica por que as iniciativas tecnolóxicas que triunfan en educación son, fundamentalmente, as que ofrecen servizos relevantes e eficientes aos profesores ou aos alumnos que lles resolven problemas ou necesidades reais. En definitiva, o obxectivo non é ter máis tecnoloxía senón algo moito máis importante: que os alumnos aprendan máis e mellor.
Francesc Pedró é xefe da división de Políticas Sectoriais, TIC e Educación da Unesco.

A Fala xa se estende por Cáceres

A variante lingüística que se fala no Val do Xálima chega a Escola Oficial de Idiomas de Cáceres cun curso nivel A1 do marco Común Europeo de Referencia.

“A Fala: descrición lingüística e achegamento comunicativo no nivel A1 do Marco Común Europeo de Referencia (MCER)”. Así é como se chama o curso que se realizará na Escola Oficial de Idiomas  de Cáceres para aprender a Fala,  que se fala na comarca estremeña do Xálima, e que algúns autores sinalan que é unha variante lingüística do galego.
 
Trátase dunha realidade lingüística moi próxima ao galego e é parte singular do patrimonio cultural de Estremadura, a miúdo descoñecida por moitos cidadáns desa autonomía. Por iso, o Claustro de profesores da Escola Oficial de Idiomas de Cáceres, acordou propor a realización dun curso para aprender esta variante coa colaboración da Asociación Cultural A Nosa Fala, asociación que ten como finalidade a divulgación e conservación deste tesouro lingüístico. 
 
A actividade ten como obxectivos principais a divulgación entre o alumnado e profesorado da Escola Oficial de Idiomas de Cáceres da existencia e vitalidade deste feito lingüístico na mesma provincia na que ten sede a Escola. Tamén aposta pola aprendizaxe por parte dos asistentes de elementos comunicativos básicos na Fala propios do nivel A1 do MCER. 
 
De feito, esta iniciativa é unha actividade nova, nunca levada a cabo até agora, sobre a Fala. “O seu ensino no ámbito dos niveis do MCER, contribuirá ao seu dignificación como realidade lingüística”, apuntan os organizadores. O curso implica tamén unha posible posterior visita ás localidades onde a lingua do val de Xálima.
 
A Fala é a lingua vernácula das localidades estremeñas de Valverde du Fresnu, As Ellas e San Martín de Trevellu.  Desde principios do século XX e até os nosos días numerosos lingüistas e estudosos, tanto españois como estranxeiros, a miúdo no ámbito universitario, foron autores de traballos de diferente índole sobre a orixe, a conservación, a denominación, a filiación e a codificación da devandita modalidade lingüística, aspectos sobre os que existe unha abundante bibliografía. Trátase da lingua minoritaria de Europa máis cumpridamente falada na súa comunidade orixinal, xa que é a lingua materna e de uso común de aproximadamente o 90% da poboación desta comarca.
 
A Fala foi declarada Ben de Interese Cultural en 2001, sendo un dos poucos bens intanxibles declarados como tales en España. Así mesmo é unha das modalidades lingüísticas recoñecidas como merecedoras de protección por parte do Consello de Europa na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e nos informes de expertos derivados posteriormente desta Carta. 

 

Os xogos, dende o prehistórico até o virtual, serán o eixo dunha nova xornada que organiza o Consello da Cultura

O feito de xogar é unha actividade que vén de moi antigo, a primeira referencia sobre “xogos” como tal é do ano 3000 a.C. E que son os xogos? Pois son unha parte ben importante da experiencia humana e están presentes en todas as culturas. Cómpre dicir que co paso do tempo, os xogos van adaptándose a cada época, estando o presente moi marcado polo mundo dixital no que se desenvolven boa parte das actividades lúdicas de hoxe. Dándolle a importancia que se merece ao feito de xogar e aos xogos (incluídos os dixitais) como parte da nosa cultura, o vindeiro xoves 5 de marzo celebrarase a xornada Xogar coa cultura, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro- Compostela).
O encontro, que estará coordinado pola profesora da Universidade da Coruña, Carmen Costa, quere pór de manifesto a potencialidade dos xogos para a educación, a divulgación ou o desenvolvemento persoal e cultural, entre outras facetas.
E indo ao programa da xornada, esta comezará cunha conferencia por parte do profesor da Universidade Pompeu Fabra, Manuel Garin, que analizará o “concepto de xogo na cultura occidental” para logo introducirse en diversos exemplos vinculados ás industrias culturais. Despois de describir ese marco xeral, o programa estruturase en tres bloques. Comezará coa mesa Para aprender xogando, que incide na relación positiva que existe entre xogos e aprendizaxe, isto é: o valor do xogo como estratexia de coñecemento. Nela estarán: Eva Balsa, do CSIC, para falar do proxecto Kaleidolabs; Irene Lapuente, de La Mandarina de Newton e Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
Xa na sesión da tarde terá lugar o módulo Xogar cos públicos, que pretende incidir nas relacións públicas lúdicas, desde o punto de vista da boa xestión corporativa. Para iso estarán presentes: a delegada de Inforpres en Galicia, Luísa Rodríguez e o director de Estratexia e creatividade en Best Relations, Diego Rivera.

A CIG-Ensino solicítalle unha entrevista ao novo conselleiro

A CIG-Ensino agarda un cambio de rumbo radical, tanto na política educativa como na actitude institucional.

A CIG-Ensino solicitoulle ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, una entrevista. O anterior conselleiro caracterizouse polo autoritarismo e desconsideración co profesorado e cos seus representantes. Co novo mandato, a CIG-Ensino agarda un cambio de rumbo radical, tanto na política educativa como na actitude institucional. Co obxecto de darlle a coñecer as nosas propostas, que contan co aval da maioría do profesorado, solicitámoslle unha entrevista para presentarllas directamente a fin de que sexan tomadas en consideración.

http://www.cig-ensino.gal/descargas/19-02-2015%20CONSELLEIRO%20EDUCACI%C3%93N%20ROM%C3%81N%20RODR%C3%8DGUEZ.pdf

"Foi un xuízo político; queren acabar co movemento estudantil e de protesta"

O xoves da pasada semana concluíu nos xulgados de Ourense o xuízo no que se piden ata cinco anos de cadea e 5.000 euros de multa para sete estudantes que participaron nunha protesta logo das mobilizacións contra as primeiras medidas do Goberno de Rajoy en política educativa en outubro de 2012. Entre diversas acusacións -a particular e a da Fiscalía-, as de delitos de desorde pública e atentado con falta de lesións contra os policías nunha causa que varios dos mozos consideran "política" e da que denuncian "graves irregularidades" e o intento por "acabar co movemento estudantil e de protesta", algo que, como denuncian algúns dos implicados, "xa terían conseguido".
"Querían acabar co movemento estudantil e de protesta; e conseguírono", denuncia un dos acusados
"Desde aquela, as mobilizacións freáronse en seco por mor da agresividade amosada polos axentes", denuncia Jon Sáez, un dos acusados, militante de Esquerda Unida e candidato nas listas de AGE ao Parlamento galego nas últimas eleccións autonómicas. Este mozo era un dos presentes naquela mobilización na que varios estudantes -a maioría de Secundaria e menores de idade- intentou continuar a protesta nas rúas ocupando a Biblioteca Pública Nodal e que acusa os axentes da policía de "cargar e agredir con enorme agresividade" varios rapaces durante a aglomeración que se montou nas escaleiras do centro.
Sáez espera que todos os estudantes "sexan absoltos" logo de "demostrarse no xuízo con datos obxectivos de todo tipo que foi a policía quen agrediu". "Esperemos que sexa así porque hai máis que probas dabondo", explica a Praza quen advirte, como os seus compañeiros, de varias "manipulacións criminalizadoras" por parte das forzas de seguridade. "Foi unha actitude intimidatoria e temeraria ante moita xente amoreada e na que non se estableceu diálogo ningún", lembra o mozo, que censura que se pidan "cinco, catro ou tres anos" por unha "reivindicación política para defender algo que é de todos".
Varios dos imputados acusan a policía de "actitude intimidatoria e temeraria" e de "manipulación"
Ademais, acusa a policía de "seleccionar as persoas acusadas" e de "manipular probas", como o caso dunha foto que "na denuncia sae recortada e que no orixinal amosa a un axente cunha porra na man", o que contradí a versión que defenderon no xuízo os axentes denunciantes, "durante o que afirmaron non ter usado en ningún momento actitudes violentas cos estudantes e moito menos fixeron uso de porras ou calquer tipo de armas regulamentarias". Ao tempo, conta como el mesmo non foi recoñecido no atestado policial, pero si denunciado "tres días despois e logo de saír nos medios", malia que na rolda de recoñecemento tampouco foi recoñecido.
"Primeiro dinme que eu golpeo un policía por diante, acúsanme dunha agresión que tería vido doutra persoa e máis tarde outros axentes aseguran que os golpeei no lombo e non na cara", explica Sáez, que destaca tamén as "contradicións" de dúas testemuñas levadas pola policía "que son aboa e neta" ou vídeos aos que aluden as forzas de seguridade "e non son presentados como probas". "Querían ocultar algo agochando esas imaxes? Víase alí que eran eles quen agredían?", pregúntase.
Sáez asegura que os policías recoñecen facer "fichas policiais" de manifestantes e di que foi "vixiado" por axentes camuflados durante semanas
E Jon Sáez vai máis alá, ao asegurar que os propios axentes terían recoñecido que facían "fichas policiais" de manifestantes. "É unha selección daqueles máis conscientes para descabezar as protestas", denuncia quen tamén aclara que unha funcionaria xudicial lle tería confesado que estaba a ser "vixiado". "Durante varias semanas tiven un coche preto da miña casa día tras día que logo me confesaron que eran policías camuflados", insiste quen sofre de ansiedade e insomnio e recibe tratamento, todo derivado deste caso.
O que fora candidato de AGE insiste nun "xuízo político e nada xusto" e insiste na actitude "agresiva" da Fiscalía e nas conversas dos axentes de policía durante o xuízo para "acordar" unha declaración ante as que considera "evidentes contradicións". Confía en que el e o resto de participantes sexan "absoltos" pero denuncia unhas actuacións que os imputados entenden como "un ataque político á protesta social e estudantil da cidade, como manifesta o feito de que un deles -e ao que se lle piden as maiores penas- sexa precisamente un aspirante a entrar no Parlamento".
Do mesmo xeito, Jon Sáez considera que aquela actuación policial foi "o culmen" dunha serie de "agresións" que terían comezado algo antes con aquela polémica carga sobre rapaces menores de idade na mesma cidade de Ourense ou outro desaloxo previo da mesma Biblioteca.
Durante o xuízo, só un dos sete mozos acusados recoñeceu que golpeara un policía "cona man" porque se vira "atrapado". "Reaccionei así nun momento de ofuscación", asegurou, mentres que o resto non só non recoñeceu os feitos, senón que acusou os axentes de "actitude hostil" ou "chula e agresiva".

Unha folga na defensa do ensino público

Organizacións, asociacións e colectivos estudantís chaman a secundar a greve perante o desmantelamento do servizo público após máis dun lustro de recortes e reformas.

A data está marcada no almanaque desde decembro de 2014. Organizacións, colectivos e asociacións estudantís de todo o país sumáronse nunha convocatoria conxunta de folga na defensa do ensino público. A xornada de loita terá lugar este 26 de febreiro e coincide coa última reforma anunciada polo goberno español. A aprobación do 'decreto 3+2' engádese a unha longa restra de modificacións lexislativas que atinxiron o ensino medio e universitario --12 reformas educativas desde 1970.
Nos últimos anos os sucesivos executivos españois implementaron a adaptación do ensino superior ao espazo europeo. Neste senso, foi aprobado o Plan Boloña (2007-2009) e o devandito 'decreto 3+2'. Doutra banda, a Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) supuxo unha volta de porca ao ensino medio que viña rexéndose pola Lei Orgánica de Educación (LOE) desde 2006.
Desde o remate da ditadura franquista, os cambios de cor nos sucesivos gobernos españois resultaron na aprobación de novas leis educativas. Desde o estudantado critican a falta de estabilidade no ensino e as súas consecuencias. Aliás, denuncian que nos últimos anos se está a "desmantelar o público para favorecer o ensino privado".
"Temos menos profesores e algúns deles están a impartir materias nas que non están especializados"
Así o subliña en conversa con Sermos Galiza Noela Rial, estudante de 3º da ESO en Camariñas. Esta moza secundará a greve convocada para o 26 de febreiro porque, di, "vou a todas". As súas razóns, "quero estudar" e cos plans de recortes a perda de calidade do servizo público estase a facer notar. "Temos menos profesores e algúns deles están a impartir materias nas que non están especializados", explica. Un feito ao que se lle engade a merma nas axudas. "Cada vez son máis extremas as condicións que exixen para obter as bolsas", afirma Tamila Alem, estudante de Formación Profesional en Compostela e veciña de Ourense.
"Hai semanas que me chegou a bolsa denegada por vir de cursar estudos universitarios" con anterioridade ao curso formativo no que se matriculou este ano. Alem abandonou a universidade porque quedara sen axudas. A realidade do ensino universitario, di, é "denigrante".
"Non temos equipamentos para todos e temos que partillar computadora ou levala nós da casa"
Falta de profesionais e axudas, mais tamén de recursos materiais e mesmo de tempo para garantir unha aprendizaxe de calidade. "Este ano quitaron varios profesores e aumentou o número de estudantes por grupo", recoñece Alfredo Gómez, estudante dun ciclo de informática en Lugo. Cunha trintena de compañeir@s na súa aula "ás veces temos que quedar fóra de horario para que se nos explique a práctica", aliás, acrecenta, "non temos equipamentos para todos e temos que partillar computadora ou levala nós da casa".
"É unha incoherencia o que están a facer", denuncia Ramón Nocesa, estudante de 1º curso de Económicas. "Son milleiros de persoas as que poden quedar fóra da universidade", sentenza.
Perante esta realidade, asegura Daniel Barral, estudante de 2º de BAC en Vigo, de cara á folga do 26F "non temos que pensar só en nós senón nas persoas que veñen detrás". Razón pola que el tampouco dubida en secundar o paro.
Xunto coa convocatoria para baleiraren as aulas, as organizacións, colectivos e asociacións convocantes lanzan unha chamada ao estudantado para que faga parte das mobilizacións que terán lugar nas principais vilas e cidades do país.
Hora e emprazamento das mobilizacións esta quinta feira 26-F:

Manifestacións:
  • A Coruña: Praza de Vigo ás 12:00h
  • Burela: Praza do Concello ás 12:00h
  • Ferrol: Praza Camilo José Cela (Diante do edificio da Xunta) ás 12h
  • Lugo: Edificio Intercentros ás 12:30 e na Horta do Seminario ás 12:45h
  • Ourense: Diante da Subdelegación do Goberno ás 12h
  • Pontedeume: porta do IES Breamo ás 10h
  • Pontevedra: Praza da Peregrina ás 12:00h
  • Santiago de Compostela: Alameda ás 11:30h
  • Vigo: Praza América ás 11:30h
     
Concentracións:
  • Allariz: Diante do IES de Allariz ás 12h
  • Cee: Praza 8 de marzo ás 12h
  • Guitiriz: Diante do IES Díaz Castro
  • Melide: Diante do IES de Melide ás 12h
  • O Carballiño: Praza Maior d’O Carballiño ás 17:30h
  • Ponteareas: Desde a rúa Feliciano Barrera (diante dos IES) ás 12h
  • Ribadeo: Diante do IES Ribadeo ás 12h
  • Ribeira: Diante da Estación de autobuses ás 12h
  • Sarria: Praza da Vila ás 12h
  • Verín: Avenida de Portugal (Diante do IES Xesús Taboada Chivite) ás 12h
  • Vilagarcía: Praza da Galiza ás 12h
  • Vilalba: Praza da Constitución ás 12h

luns, 23 de febreiro de 2015

Que ministro máis entrañable!

Wert non entende as críticas ao seu decreto 3 +2. Pois é moi sinxelo!

Segundo informa EFE, o Ministro de Educación, José Ignacio Wert, declarou na rolda de prensa posterior ao Consello de Universidades ao ser preguntado pola folga estudantil en institutos e universidades convocada para os días 25 e 26, que os argumentos utilizados polo Sindicato de Estudantes sobre o decreto 3 +2 parten de "unha mala lectura ou dunha deficiente comprensión" deste. Dígoo con franqueza e sen ningún ánimo descalificatorio", destacou Wert. O ministro mostrouse contrario á maior parte das apreciacións que formulou o Sindicato de Estudantes para rexeitar este real decreto, do que dixo que máis que denominarse "3 máis 2" sería "máis ben 4 menos 1". Tamén cualificou de "erro" o asimilar que os coñecementos en novos graos de 3 anos vaian ser menores que nos actuais de 4 anos.

Señor Ministro. Dicímoslle con franqueza, e sen ningún ánimo descalificatorio, que os seus argumentos nin coan nin enganan a ninguén. Millóns de estudantes vivimos a realidade das súas políticas: recortes masivos, despedimentos de miles de profesores, incrementos brutais das taxas académicas, diminución das bolsas, e agora, un decreto para enriquecer os seus amigos das universidades privadas e pechar a cal e canto o dereito aos estudos superiores para os fillos dos traballadores. O 25 e 26 millóns de estudantes volverémosllelo dicir con franqueza e sen ánimo descalificatorio: Ministro mírache xa!

Pais critican a implantación do portugués nas aulas

A presidenta da principal asociación de ANPAS de Galicia lamenta que a Xunta conceda espazo ao idioma luso despois de reducir as horas no idioma propio.

Non todos están a recibir ben o Memorando de Entendemento para a Adopción do Portugués como Lingua Estranxeira de Opción e Avaliación Curricular no Sistema Educativo Non Universitario da Comunidade Autónoma de Galicia. Despois dun lustro de promesas incumpridos sobre o achegamento ao portugués, a Xunta de Galicia concretou esta semana un pacto con Portugal polo que a língua do país veciño poderase cursar como optativa no ensino medio a partir do vindeiro curso, como xa se fai hai anos na autonomía de Extremadura.
 
A presidenta da CONFAPA, a maior confederación de asociacións de pais de alumnos de Galicia, non cuestiona a promoción do portugués -de feito asegura que "meter outra lingua está ben"- pero critica que se faga sen aumentar o tempo para o galego. "Por que non se lle dá oa galego o 50% que lle corresponde a nivel educativo, e queda nun 30%?" preguntouse en declaracións a Radio Coruña. Na súa opinión "meter outra lingua está ben, pero non é o momento" pois "primeiro haberá que asentar a nosa lingua" e "primeiro haberá que defender o que hai que defender".
 
Unha postura de todo diferente mostran dende a Asociación de Docentes de Portugés na Galiza. Unha voceira declarou hoxe á Cadena Ser que a entrada deste idioma do ensino favorecerá aos nenos porque van "aprender estruturas que estamos deixando de usar por influencia do castelán" e permitirá aos galegos "comprender outras culturas que até agora non entendiamos porque non ollábamos para elas".

O portugués, unha lingua falada por máis de 200 millóns de persoas en todo o mundo

Para entender a importancia deste acordo abonda con afondar un pouco no idioma portugués: agora mesmo é a sexta lingua máis falada no mundo. Once países de Europa, de América e de Asia téñena como lingua oficial. Calcúlase que hai 217 millóns de persoas no planeta que falan portugués. A proximidade física entre Galicia e Portugal fai que moitos galegos queiran aprendela. E a maioría recoñecen que estudando portugués descobren unha cultura moi próxima á nosa.
Clase de portugués intermedio na Escola Oficial de Idiomas de Santiago. Para o alumnado galego, estudar portugués ten certas vantaxes. Pero mais aló dos motivos prácticos, quen se achega ao portugués descobre unha porta aberta a unha cultura intimamente próxima. E a esa conexión engádese outro enriquecemento, o de aprender un idioma con elevado valor comercial. As escolas oficiais de idiomas observan nos últimos anos un interese crecente polo estudo do portugués como lingua estranxeira.

YouTube estreará unha aplicación para cativos a semana que vén

Que unha das cousas que máis fan os cativos cando lle poñen unha tableta diante é usar YouTube é algo que non se lle escapa a ninguén, e precisamente por iso están a preparar unha nova aplicación para dispositivos Android, YouTube Kids, que verá a luz o vindeiro luns, e que incluiría contidos aptos para menores, para tranquilidade dos pais.
Dende YouTube aseguran que mentres o crecemento interanual de tempo de visualización de vídeos en YouTube medra de media un 50%, no caso de contidos familiares o crecemento está no contorno do 200%, de aí que teñan iso moi en conta á hora de facer de YouTube un lugar o máis familiar posible.
A aplicación contará cunha interface minimalista, que faga que os pequenos non se distraian con elementos como os comentarios dos usuarios, á vez que tamén integrará sistemas de control parental que permitan, por exemplo, que a aplicación deixe de funcionar tras certa cantidade de tempo.
YouTube Kids presentará en portada programas televisivos para os máis pequenos, temas musicais, vídeos educativos e outros contidos populares, guiando aos pequenos a través dun amplo catálogo de contidos, para o que contan cunha interface con elementos de grande tamaño para facilitar o seu uso cos dedos e incluso a posibilidade de realizar buscas mediante ordes de voz.

Facenda analizará as redes sociais na súa loita contra a fraude fiscal

O Consello de Ministros autorizou á Axencia Estatal de Administración Tributaria a licitación dun contrato cuxo obxecto é a realización de servizos de desenvolvemento e mantemento dos sistemas e aplicacións do Departamento de Informática Tributaria, durante 2015, 2016 e 2017, prorrogables por un máximo de dous anos. O importe estimado do contrato, considerando as prórrogas, é de 28.188.160 euros.
Segundo a referencia do Consello "estes servizos son requiridos polo resto dos departamentos da Axencia Tributaria para o cumprimento dos fins que lle son propios, fundamentalmente polos departamentos de Xestión Tributaria, Recadación, Inspección Financeira e Tributaria, e Alfándegas e Impostos Especiais".
O impulso dado pola Axencia Tributaria nos servizos prestados aos contribuíntes e empresas a través de Internet debe manterse e mellorarse cun continuo reforzo de actuacións tendentes ao afondamento e extensión horizontal do número de trámites que se poden realizar electronicamente.
Tamén se pretende implantar funcionalidades avanzadas nas ferramentas informáticas que os funcionarios da Axencia Tributaria teñen á súa disposición para a realización das súas tarefas de xestión e de loita contra a fraude, aproveitando especialmente que a Internet e as redes sociais en particular representan unha inesgotable fonte de datos para Facenda, que xa utiliza e que explotará de forma máis intensa nos vindeiros meses. Ao longo deste ano, Facenda empezará a utilizar programas informáticos que son capaces de procesar, seleccionar e solicitar información que se encontra nas redes sociais e na Internet. Facenda ampliará así os seus ficheiros con, por exemplo, os contactos e relacións en liña dos obrigados tributarios.
A partir dunha inspección, poderanse detectar situacións sospeitosas e anómalas doutros obrigados tributarios. Ou establecer conexións en fraudes fiscais entre contribuíntes e empresas que aparentemente non tiñan relación.
Actualmente xa existen funcionarios da Axencia Tributaria dedicados a solicitar información en internet. Tamén, as revistas e os xornais serven como punto de partida de investigacións. Unha foto dun contribuínte nun luxoso iate, por exemplo, supón un indicio externo de riqueza que pode derivar nunha inspección se o seu nivel de vida non casa cos datos fiscais declarados.

A CIG-Ensino gaña a segunda sentenza no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que reafirma o despedimento nulo do profesorado CELGA

A CIG-Ensino, despois das 28 sentenzas gañadas nos diferentes xulgados do social de Galiza e das dúas sentenzas do TSXG, exíxelle ao novo conselleiro que asuma as resolucións xudiciais, readmitindo o profesorado que viña impartindo os cursos CELGA.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de darlle, de novo, a razón á CIG-Ensino cunha segunda sentenza que declara nulo o despedimento dunha profesora que impartía cursos CELGA. O TSXG volve rexeitar o recurso presentado pola Xunta, confirmando a sentenza de instancia e impoñéndolle á Xunta de Galiza as custas por unha contía de 600 euros, en iguais termos que a anterior. A actitude represiva e persecutoria da Consellaría con este persoal é obvia e así o declaran as dúas sentenzas que textualmente recollen o seguinte: ”queda evidenciada a propia existencia da represalia e isto no caso de autos tórnase máis que evidente pois a Xunta de Galiza decidiu precisamente cambiar o sistema de cursos de CELGA no momento en que as reclamacións de laboralidade dos profesores CELGA estaban empezando a ter acollida e decidiu cambialo, precisamente para deixar fóra aquel profesorado CELGA que se vían beneficiados pola denuncia sindical” .

A CIG-Ensino, xunto co profesorado que impartiu cursos CELGA, presentou 52 demandas por despedimento e leva gañadas 28 sentenzas, 22 por despedimento nulo e 6 por  improcedentes, estando pendentes o resto. Até o ano 2014, preto de 200 profesores e profesoras viñan impartindo, cada ano, cursos preparatorios para os CELGA, mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística nunca estabeleceu relación laboral con este profesorado. Nin lle facía contrato, nin o daba de alta na Seguridade Social. Non tiña dereito á baixa por enfermidade ou accidente laboral, non tiña dereito ás vacacións, nin á prestación por desemprego e tampouco tiña este tempo cotizado para a xubilación.  É dicir, non tiña ningún dereito laboral recoñecido no Estatuto dos Traballadores.


Diante desta situación, en marzo de 2013, a CIG e o profesorado afectado presentaron  unha denuncia dos feitos na Inspección de Traballo da Coruña, que o deu de alta de oficio na Seguridade Social  polo tempo traballado con 4 anos de retroactividade, do ano 2009 ao 2013. Daquela, a CIG-Ensino presentou denuncia no resto das inspeccións de traballo que resolveron no mesmo sentido que a da Coruña. A Secretaría Xeral, no canto de asumir as propostas da Inspección de Traballo, despediu a todo este profesorado. Esta situación levou á CIG-Ensino a iniciar as demandas de despedimentos cos afectados e afectadas nos diferentes xulgados do social. As sentenzas obrigan a readmitir os e as docentes no posto de traballo e a pagarlles os salarios de trámite polos cursos que lles correspondía impartir no 2014, cuestións que rectifica agora o TSXG. O custe deste conflito para a Administración, se sumamos as cotizacións e as multas, pode superar o millón de euros e pode incrementarse coas custas do TSXG.



“A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez, a actuación totalmente inaceptábel,  represiva e ilegal da Consellaría de Educación cun colectivo que estivo explotado e ao que lle negou os seus dereitos laborais máis básicos”, sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino exíxelle ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que a Consellaría cese na súa actitude vingativa e persecutoria contra este profesorado, que asuma as resolucións xudiciais e, en consecuencia, que readmita este colectivo, unha vez que tanto as inspeccións de traballo como os xulgados do social e o TSXG confirman a actuación ilegal e incluso represiva da Xunta. Do contrario, no só continuaría coa política represiva do anterior conselleiro, senón que estaría facendo un uso indebido dos recursos públicos, ao ter que afrontar agora as custas.

Campogalego.com: Falar do agro dende o agro e en positivo

A pasada semana botou a andar Campo Galego, un portal especializado que quere recoller toda a actualidade dos sectores agrario, gandeiro e forestal do país, ademais de emprestarlle atención a iniciativas de investigación e innovación, accións asociativas ou a proxectos de desenvolvemento rural. Detrás de Campo Galego están dous xornalistas, Gonzalo Brocos e David González, acompañados dun equipo de colaboradores. Atopámolos traballado, en Gandagro (Feira Semana Verde), e dende alí cóntannos a xénese do proxecto, os seus obxectivos e a experiencia dos primeiros días.
"Detectamos que había un nicho informativo que non estaba suficientemente tratado, pois os xornais xeralistas non ofrecen información abonda e non teñen seccións específicas, a pesar do peso tan importante que o agro ten na economía galega. Non había tapouco un portal informativo que se dirixise aos profesionais do sector abranguendo todos os aspectos da actualidade do campo, dende o leite, á horta, á gandaría, o sector forestal...", destaca David González. "Ademais"-continúa- "como nos dicía o xerente dunha explotación gandeira de Mazaricos, a visión que os medios dan do agro é moi urbanita, non hai conexión entre a xente que vive e traballa no agro e a xente que vive na cidade, a pesar do pasado e presente de Galicia e de que a maior parte das familias veñen da zona rural".
"A visión que os medios dan do agro é moi urbanita, non hai conexión entre a xente que vive e traballa no agro e a xente que vive na cidade"
Campo Galego quere contar o día a día do agro dende un punto de vista positivo, axudando a divulgar iniciativas exitosas e pioneiras, subliña David González: "Hai unha visión moi centrada en crises, en protesta, pero non se recolle o día a día, un sector moi dinámico, no que a xente se preocupa por mellorar e innovar a súa explotación continuamente". "Hai iniciativas novidosas que se están poñendo en marcha, o que lle falta ao sector para facerse visible é organización", conclúe.
"Hai motivos para a reivindicación, por suposto" -engade Gonzalo Brocos- "pero hai moita xente que está moi contenta co seu traballo, que ten calidade de vida e que está desenvolvendo moitas experiencias de traballo asociativo e de innovación que é importante que se coñezan, tanto por parte da sociedade como por parte do colectivo de profesionais do sector. Moitas veces o único que se traslada nos medios é unha sensación de queixa permanente que desvirtúa a imaxe que a xente se pode formar do agro. Digamos que a parte come o todo".
"Hai iniciativas novidosas que se están poñendo en marcha, o que lle falta ao sector para facerse visible é organización"
"Queremos afondar en temas de innovación, tentar facer de transmisores e divulgadores da investigación agraria que se está facendo", comenta. "E tamén divulgar experiencias asociativas: A noticia que máis se leu nestes primeiros días foi a dun grupo de explotacións de Mazaricos que se xuntaron para producir forraxe en común", di. "Queremos contribuír a incrementar a autoestima da xente, vencendo o que algún autor denominou 'cultura do desánimo compartido'", sinala.
"Queremos contribuír a incrementar a autoestima da xente, vencendo o que algún autor denominou 'cultura do desánimo compartido'"
Entre os temas nos que o xornal se vai centrar nos vindeiros meses destaca, no sector leiteiro, a fin do sistema de cotas, que terá lugar a partir de abril, destacan. Porén, o portal recolle e recollerá a actualidade diaria de moitos outros sectores, coma a viticultura, o sector forestal ou información de servizo que sexa útil para os profesionais, por exemplo os últimos datos actualizados de cotizacións e prezos.
A quen se dirixe Campo Galego? En primeiro lugar aos e ás profesionais do agro. Pero tamén vai dirixido a un público máis urbano, que cada vez demanda máis unha alimentación con produtos de calidade e de proximidade.
A quen se dirixe Campo Galego? En primeiro lugar aos e ás profesionais do agro e en xeral a todas as persoas que viven no rural galego. Porén, os seus contidos poden interesar un público mesmo máis amplo. Por exemplo, lembra Gonzalo Brocos, a sección de agroalimentación vai dirixida a un público máis urbano, que cada vez demanda máis unha alimentación con produtos de calidade e de proximidade. E o mesmo sucede coa sección de horticultura, "pois hai moita xente, mesmo nas cidades, que ten horta na casa". Ou a actualidade do sector forestal, pois, en Galicia hai máis de 700 mil propietarios forestais, "un tema que afecta a case todas as familias", subliñan.
"Algo ao que tamén queremos contribuír é a mellorar a imaxe do agro no conxunto da sociedade, a prestixialo tanto no rural como nas zonas urbanas. No propio rural, o traballo agrario é considerado moitas veces como a última opción, cando é un traballo que pode ofrecer maior calidade e nivel de vida que moitos outros", destacan. "É importante que se coñeza tamén todo o que achega o traballo no campo: seguridade alimentaria, xestión do medioambiente e impacto no nivel de renda do conxunto da poboación das principais comarcas rurais de Galicia, entroutras cousas", din.
"Algo ao que tamén queremos contribuír é a mellorar a imaxe do agro no conxunto da sociedade, a prestixialo tanto no rural como nas zonas urbanas"
A este respecto, rematan lembrando unha campaña de vallas publicitarias nas estradas que fixeron unha vez en Sudáfrica, que viña dicíndolles aos condutores algo así:
"- ¿Vostede come tres veces ao día?
- Agradézallo a agricultores e gandeiros".