xoves, 15 de decembro de 2016

SOGAMA lanza xogo en liña para difundir as vantaxes da compostaxe nos estudantes

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) vén de pór en marcha un xogo en liña dirixido ao alumnado de Secundaria que ten como finalidade divulgar as vantaxes de facer compostaxe na casa. Ou sexa, de aproveitar os refugallos orgánicos (tonas de froita e verdura, hortalizas, casca de ovo, sobras do café e das infusións, faragullas de pan e varreduras) para faceren fertilizante. A actividade, que se denomina Compostaxe doméstica. Experiencia Stop Motion, achega por unha banda explicacións sobre como facermos compost e que vantaxes ten e, pola outra, recursos prácticos para divulgalas.
O obxectivo é “que os alumnos constrúan unha historia que pode ser descargada en forma de vídeo a partir dos recursos que se poñen á súa disposición, tendo a opción de seleccionar os elementos, obxectos, personaxes e situacións que formarán parte da mesma”.
Ademais de ter a oportunidade de escoller a velocidade da película (6 ou 12 fotogramas por segundo) e a duración (10 ou 20 segundos), tamén poderán escoller a localización ou momento do día no que se desenvolverán os acontecementos, que se crean fotograma a fotograma. As personaxes e obxectos pódense mover dentro do escenario, cambiar de tamaño, rotar, distorsionar, etc.
O xogo, a disposición dos internautas na páxina www.compostaconsogama.gal e en www.sogama.es, funciona en dispositivos de sobremesa e portátiles, así como en dispositivos táctiles (tabletas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario