Once concellos participan tamén nesta iniciativa que inclúe un concurso de pezas audiovisuais
Incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo e incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos é o fin principal de Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede que impulsan os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e o Grove.Os detalles do concurso presentáronos este martes 29 representantes das entidades implicadas no seu desenvolvemento nun acto no Colexio de San Xerome que presidiu a vicerreitora de servizos Universitarios, Carme Silva, e xunto á que tamén interviñeron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia; a concelleira de Cultura de Teo, María Pilar Pérez Faxil e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña. O acto permitiu destacar o valor das novas tendencias sociais na comunicación actual no relativo ao papel activo dos e das youtubers na rede.
Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede, comezará o xoves 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración aproximada de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Quen optar ao concurso, poderá concorrer en dúas categorías: ‘Vídeo-facermos’ para videotitoriais que amosen como realizar calquera proceso (dende unha receita ata como instalar un programa informático), e Vídeo-opinarmos, para aquelas propostas que acheguen unha opinión ou valoración respecto de calquera tema.
Cada unha destas categorías premiarase cun premio en metálico de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración do xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de xeito parello ao concurso, estarán impartidas pola produtora Illa Bufarda. O seu obxectivo é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario