xoves, 15 de decembro de 2016

"As formas rurais de estar no mundo foron subalternizadas ao que se entendeu como progreso"

Os investigadores Fran Quiroga (Paderne, 1982) e Andrea Olmedo (Chantada, 1986) traballan dende hai meses no proxecto Ruraldecolonizado, co-producido polo Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (MUSAC) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Buscan visibilizar e poñer en valor as prácticas e relatos xerados no medio rural e propoñen un reencontro con esas comunidades, relacións coa natureza, afectos, cosmovisións e procesos de resistencia que ocorren nos espazos non urbanos. Queren, así mesmo, reflexionar como o medio rural sufriu un proceso de colonialidade ao redor dos seus saberes, e interésanse particularmente por atopar lugares nos que se evidencie un diálogo non-hexemónico entre o rural e o urbano.
Queren reflexionar como o medio rural sufriu un proceso de colonialidade ao redor dos seus saberes, e interésanse particularmente por atopar lugares nos que se evidencie un diálogo non-hexemónico entre o rural e o urbano
En xaneiro poñerán en común parte dos coñecementos xa adquiridos na súa investigación a través dunhas xornadas (inscrición aquí) que se desenvolverán en Compostela (día 13) e León (14). As xornadas seguirán unha metodoloxía semellante á que levan desenvolvendo nos últimos meses Quiroga e Olmedo: conversas camiñadas que no caso compostelán comezarán no CGAC para ir despois ás hortas de Belvís e ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, para rematar no Matadoiro. En León partirán do MUSAC, pasando despois pola Fundación Sierra Pambley, o espazo de autoxestión Ateneo Varillas e rematando na Praza do Grano. "Queríamos fuxir dunha simple presentación de coñecementos ou de conclusións, e xogamos coa idea desas conversas camiñadas como metodoloxía, facendo un convite ao diálogo. A propia teoría decolonial di que temos que establecer convites ao diálogo, superando os esquemas nos que un experto establece unha sentencia e senta cátedra", explica Fran Quiroga.
Nos últimos meses os dous investigadores pasaron varias semanas visitando a zona sur de Ourense, a rexión portuguesa de Trás-Os-Montes e La Sobarriba, en León
Nos últimos meses os dous investigadores pasaron varias semanas visitando a zona sur de Ourense, a rexión portuguesa de Trás-Os-Montes e La Sobarriba, en León. "Como metodoloxía creo que a conversa camiñada é moi interesante. Vén desa idea do andar preguntando dos zapatistas e das derivas dos situacionistas do acto de andar. Creo que tamén serve para ir máis aló desa posición neutra que adoita tomar o saber académico e parte da arte contemporánea, que parte case sempre dun cuestionario previo. Queremos rachar con esa barreira que se abre entre investigador e investigado e tecer un lugar de encontro", di Quiroga, que engade que "tentamos que fose o menos invasivo posible e evitar ao máximo a posible artificialidade".
"As formas de estar no mundo do rural foron subalternizadas ao que se entendeu como progreso. Esa idea desarrollista entendeu eses saberes e prácticas como atraso"
Na súa investigación, que se compón de vídeos, textos e audios, Quiroga e Olmedo pregúntanse se as formas de vida en territorios non urbanos foron marxinalizadas polos centros de poder en favor da súa visión hexemónica, e interésanse polas relacións entre os ciclos da natureza e os ciclos humanos, as relacións de confianza e as prácticas comunitarias que se dan no rural. "As formas de estar no mundo do rural foron subalternizadas ao que se entendeu como progreso. Esa idea desarrollista entendeu eses saberes e prácticas como atraso", explica Quiroga.
De que prácticas e exemplos do medio rural pode beneficiarse o mundo urbano? "Creo que o mundo rural se caracteriza por unha maior diversidade de saberes, que racha coas visións máis uniformizadoras, universalizantes e homoxeneizantes. Esa diversidade epistémica enriquecería o mundo urbano", di Fran Quiroga, que tamén destaca as características máis ecoloxicamente sustentables dos hábitos tradicionais no mundo rural, dos seus tempos máis lentos e acompasados cos ciclos da natureza. De igual xeito, salienta os espazos e prácticas comunitarias que aínda perviven no mundo rural, coma as comunidades de montes galegas ou os baldíos portugueses, que dotan que máis autonomía aos seus habitantes ante o poder público ou privado.
"Somos investigadores, vimos de onde vimos, temos unha mochila. Andrea vive en Barcelona e eu en Compostela, pero somos de Chantada e de Paderne, con vínculos rurais nas nosas praxes e partimos da nosa situación, dos nosos coñecementos situados"
Existe o risco de que a investigación caia nos mesmas prácticas negativas que critica: a colonialidade do rural dende o mundo urbano, ou a tentación da ollada antropolóxica do investigador sobre o bo salvaxe? "Iso sempre está aí, e hai que vivir con ese conflito. É unha preocupación que sempre temos en mente e que tentamos evitar levando a cabo unha certa desaprendizaxe", recoñece Fran Quiroga, que explica que "co propio método das conversas camiñadas tentamos rachar con esa división xerárquica de investigador e investigado. Pero isto non elimina ese risco, que sempre vai estar aí. Hai que asumilo". "A teoría decolonial pon en valor a existencia dun suxeito enunciador. Nós si que nos situamos: somos investigadores, vimos de onde vimos, temos unha mochila. Andrea vive en Barcelona e eu en Compostela, pero somos de Chantada e de Paderne, con vínculos rurais nas nosas praxes e partimos da nosa situación, dos nosos coñecementos situados", engade.
O proxecto será convertido nunha instalación artística, cun repositorio web e tamén unha publicación en papel. "Gustaríanos que o resultado transitase tanto por museos de creación contemporánea coma por outros espazos, como asociacións e centros sociais, igualando estes outros espazos ante esa lexitimidade que teñen os museos ou a universidade", conclúe Fran Quiroga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario