CIG-Ensino
e a Mesa pola Normalización Lingüística concentráronse contra a
redución do horario lectivo en galego na ESO provocado pola implantación
da LOMCE.
O 'decretazo', decreto de plurilingüismo, introudcñia unha redución da presenza do galego no ensino que vén de sofrer unha nova volta de porca da man das modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO coa Lomce. O resultado: o galego, en mínimos. Esta é a denuncia que esta cuarta feira realizaron CIG-Ensino e A Mesa cunha concentración perante a Consellería de Educación. Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, explicou como as modificación introducidas na carga lectiva en materias da ESO incrementan a discriminación do galego respecto a xa contemplada no Decreto do Plurilingüismo pensado “para erradicar o galego como lingua vehicular no ensino”.
Así, o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21 se cursa ensinanzas académicas. Trece horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas. Os datos poñen de manifesto, segundo explicou Louzao, que estamos ante unha nova actuación de “agresión brutal e inasumible” cara o noso idioma por parte do Goberno galego.
O presidente da Mesa , Marcos Maceira, insistiu en que o obxectivo da Xunta é converter o galego nun “elemento accesorio”, “decorativo”, “prescindíbel”. Na actualidade, segundo os datos achegados pola CIG-Ensino, o uso do galego no ensino non chega ao 15%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario