venres, 2 de decembro de 2016

As grandes industrias seguen a aumentar a súa contaminación en Galicia

Unha vez máis os datos confirman a elevada contaminación que as grandes industrias galegas provocan. Como antes fixera o estudo de Ecoloxistas en Acción, desta vez é un informe oficial da Administración o que confirma non só o sabido, senón o aumento en Galicia das emisións contaminantes destas grandes firmas industriais. Tanto que o país sobe do cuarto ao segundo posto no Estado.
Esa é a posición na que se sitúa Galicia segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) publicado o pasado 15 de novembro de 2016 e que mostra cifras máis preocupantes que as do estudo anterior, que data de 2012.
Galicia ocupa o segundo lugar no ránking de emisións contaminantes por autonomías no Estado
Así o destaca Adega nun completo artigo do ex-presidente da entidade ecoloxista, Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e experto en contaminación atmosférica. E outra vez, coma sempre, son as grandes industrias instaladas en Galicia as principais responsables dese nada desexado lugar no podio do rexistro de emisións contaminantes. As centrais térmicas das Pontes e Meirama, Alúmina-Aluminio de Alcoa, PSA-Citroën, as madereiras Ence, Finsa ou Intasa ou as factorías de ferroaliaxe de Ferroatlántica.
O país é responsábel do 15% do total das emisións contaminantes á atmosfera por parte do Estado
Así, e segundo o documento, Galicia é responsábel do 15% do total das emisións a atmosfera de España, con 14.284.312 toneladas por ano, fronte ao 12% de 2012. Pero ademais, é a primeira en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos e a segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/precursoras de ozono. Ao tempo, sitúase como o terceiro territorio na emisión á atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (covmn), metano, arsénico e cromo. En canto a emisións de óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto, posiciónase no cuarto lugar.
Galicia é responsábel do 15% do total das emisións contaminantes á atmosfera por parte do Estado
Tampouco son moito mellor os datos no que ten que ver coa contaminación da auga. Segundo o informe, os vertidos contaminantes á auga de Galicia supoñen o 10,5% do total do Estado, con 84.814 toneladas por ano, sendo así a cuarta comunidade autónoma neste ránking.
O país é primeiro en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos e o segundo en dióxido de carbono e gases de efecto invernadoiro
O máis destacable é que, sendo alta ou moi alta a contaminación, son poucos os focos contaminantes, apenas algo máis de dez agás no caso do amoníaco. Así, dos 14,2 millóns de toneladas de dióxido de carbono emitidos, 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas das Pontes e Meirama (o 74%) e 1,16 millóns a refinería de Repsol na Coruña, o restante 2,5 millóns de toneladas  repartanse entre once grandes industrias (Alúmina Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide), tal e como destaca Adega. As emisións de flúor, nas que Galicia está á cabeza por emisión no Estado, están relacionadas só con cinco empresas: Meirama, As Pontes, Ferroatlántica de Sabón, Aluminio Español -filial de Alcoa- e Alcoa Inespal. As emisións de mercurio á atmosfera e á auga débense a once complexos: centrais térmicas, Ence, Elnosa ,PSA, Alumina, Unemsa, Intasa e varios complexos de Finsa.
As térmicas das Pontes e Meirama emiten o 74% do total de dióxido de carbono

 

Emisións "extremadamente elevadas"

Malia ter Galicia só o 4,45% do total dos complexos con información pública no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, é responsable de, por exemplo, o 80,5% dos perfluorocarburos; do 36,6% do flúor; ou do 30,5% de mercurio, entre outros compostos. Son, como destaca Adega, emisións "extremadamente elevadas" tendo en conta o número e tamaño da industria de Galicia, o número de habitantes, a extensión xeográfica, o PIB ou o nivel de vida. E, ademais, aumentan respecto a 2012 e, tamén respecto ao 2007.
Mentres o dióxido de carbono no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, hai tan só tres anos representaba o 12%. E escollidos 32 contaminantes considerados como os mais importantes, no ano 2015 vinte e un deles tiñan valores superiores aos do ano 2010 e aínda máis 14 superaban os valores que tiñan no ano 2007, tal e como se pode ver nesta táboa.

Cadro-contam-2012-15
Táboa de comparación de contaminantes atmosféricos / Adega

A Organización Mundial da Saúde (OMS), tal e como lembra Adega, recoñece que a contaminación do aire representa un importante risco para a saúde. "Debemos polo tanto preocuparnos polas altas emisións e buscar solucións xa que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de morbilidade e mortalidade", remata.

Ningún comentario:

Publicar un comentario