A Universidade de Santiago de Compostela presenta este martes 13 o seu proxecto de Campus da Cidadanía
(CdC), no que se integran as diferentes áreas de coñecemento das
Ciencias Sociais e Xurídicas, as Artes e as Humanidades nos campus
universitarios de Compostela e Lugo.
A presentación terá lugar ás 18:00 horas na Facultade de Filosofía da USC co lema A utopía no horizonte da cidadanía, aproveitando os cincocentos anos da primeira edición, en Lovaina, da obra Utopía, de Tomás Moro. O acto comezará coa intervención do reitor Juan Viaño, do comisionado da USC para o CdC, José Antonio Caride, e do decano da Facultade de Filosofía, José Miguel Sagüillo, que explicarán as liñas de actuación que se veñen promovendo nos últimos meses arredor do Campus.
A continuación desenvolverase unha conversa-coloquio sobre as
utopías, celebrando a primeira edición desa obra en 1516 e tomando como
pretexto a editada en galego en 2011 polo Servizo de Publicacións e
Intercambio científico da USC en colaboración coa Fundación BBVA. A
sesión moderaraa o profesor Juan M. Monterroso e nela
intervirán o director do Servizo de Publicacións e Intercambio
Científico da USC, Juan L. Blanco; o autor do prólogo á obra en galego, Torres Queiruga; a tradutora da obra ao galego, Helena de Carlos; a profesora da Facultade de Humanidades de Lugo Carmen Blanco; e o catedrático de Historia da Educación Antón Costa.
O acto rematará coa interpretación musical de pezas alusivas á utopía por un cuarteto de corda dirixido por Mario Diz e a inauguración dunha exposición sobre a ‘utopía’ nos fondos documentais da USC, en colaboración coa Biblioteca Xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario